Desde Sermos Galiza:
“Pontevedra e Rianxo acollerán este próximo sábado a estrea en Galiza da que é a primeira versión para títeres da obra teatral Os vellos non deben de namorarse de Castelao. Trátase da nova produción da compañía de monicreques Fantoches Baj, con cuxa estrea tanto a Deputación Provincial de Pontevedra, como o concello natal de Castelao, Rianxo, iniciarán os actos conmemorativos do Ano Castelao 2016, do centenario da chegada do autor á cidade do Lérez e do 75 aniversario da estrea da que foi a súa única obra teatral.
A estrea da adaptación a marionetas de Os vellos non deben de namorarse presentouse a terza feira 26 de xaneiro no Museo de Pontevedra e os primeiros pases da representación, abertos a todos os públicos, terán lugar o sábado 30 de xaneiro ás 12 horas no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e o mesmo día, sábado 30 de xaneiro, ás 20:30 horas no Auditorio de Rianxo. En ambos lugares da estrea a función será de balde. En Pontevedra as entradas convite poden retirarse xa calquera destes días pasando polo propio Sexto Edificio do Museo; e en Rianxo, as entradas convite poden retirarse desde unha hora antes do comezo da función, no propio Auditorio municipal.
Os vellos non deben de namorarse de Fantoches Baj está dirixida por Inacio Vilariño. Para deseñar os bonecos -tarefas da que se encargou o propio Inacio e o artesán e artista Luis Javier Iglesias Rodríguez “Luchi”- a compañía inspirouse no método de elaboración de máscaras do propio Castelao. A partir desta semana, a obra estará en distribución co obxectivo de chegar ao público de todos os concellos de Galiza.”
Arquivos da etiqueta: Os vellos non deben namorarse
50 anos da primeira representación en Galicia de Os vellos non deben de namorarse
“A Biblioteca Nodal Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avenida de Xoán XXIII) inaugura a exposición Os vellos non deben de namorarse, 1961-2011. Cincuenta anos na memoria, unha mostra que conmemora o 50 aniversario da primeira representación en Galicia da obra Os vellos non deben de namorarse de Castelao, o 25 de xullo de 1961 na compostelá Praza da Quintana. No ano 1961 o grupo de teatro de Cantigas e Agarimos, dirixido por don Rodolfo López-Veiga, puxo en escena por primeira en Galicia a obra de Castelao, Os vellos non deben de namorarse. Pasados cincuenta anos daquel acto senlleiro da cultura galega, a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, en colaboración coa Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, quere renderlle unha homenaxe a todos aqueles e aquelas que fixeron posible que, aquela noite do 24 de xullo de 1961, a Praza da Quintana estivese abarrotada, no que -no dicir de moitos dos intelectuais galegos da época- foi un dos máis senlleiros acto de manifestación galeguista do tempo. Dende a xunta directiva da Asociación Cantigas e Agarimos destacan que “Todos e todas os que hoxe formamos parte de Cantigas e Agarimos temos claro que é de galegos de ben o ser agradecidos, ou -como di Manolo Rivas– que no noso país, danse as grazas.” Amais desta exposición sobre a primeira representación en Galicia de Os vellos non deben de namorarse entre o 10 e o 30 de abril, haberá un acto de agradecemento, o venres 13 de abril, ás 20:00 horas. A exposición pódese visitar durante o horario de apertura da biblioteca e acompañará á exposición unha mostra bibliográfica elaborada pola biblioteca con fondos da mesma, titulada Castelao dramaturgo: Os vellos non deben de namorarse.” Vía Fervenzas Literarias.