O luns 25 de xuño, ás 20:00 horas, na Praza de Ánxel Fernández López (detrás da Casa do Concello de Lugo), preséntase a Escola de Narración Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que botará a andar coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da lingua do Concello de Lugo. Contará coa presenza de Antón Bao, concelleiro, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Antonio Reigosa, vogal e coordinador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG. Ao remate do acto, o Grupo Palimoco Teatro representará un fragmento de Queres que cho conte?, proxecto de dramatización do conto popular tradicional.
O primeiro dos obradoiros de narración oral terá lugar na cidade de Lugo, no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra, entre setembro e decembro deste ano, impartido por Antonio Reigosa e Isidro Novo. O prazo de inscrición ábrese o mércores 27 de xuño e a solicitude realizarase no Edificio Administrativo do Concello de Lugo (Ronda da Muralla, s/n). Pode descargar aquí o modelo de solicitude. O obradoiro, gratuíto, está dirixido a persoas de máis de 15 anos.
Deixamos aquí este vídeo co acto da presentación: