Olga Novo e Berta Dávila, Premios da Crítica 2019

Desde Nós Diario:
“Coa súa obra Carrusel, a escritora Berta Dávila gañou este domingo, 27 de setembro, o Premio da Crítica 2019 que a Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) organiza cada ano.
E fíxoo na modalidade de Narrativa en lingua galega; mentres que Olga Novo, con Feliz idade, gañou o premio de Poesía en galego.
En euskera, os gañadores foron Unai Elorriaga, con Iturria, en Narrativa, e Pello Otxoteko, con Itsas bizimina, en Poesía.
En castelán, a arxentina Mariana Enríquez gañou en Narrativa, con Nuestra parte de noche, unha novela de terror coa que xa gañou o Premio Herralde de novela. Juan Antonio González Iglesias, en Poesía, por Jardín Gulbenkian.
En catalán os galardoados foron Jordi Lara, por Sis nits d’agost, en Narrativa, e Dolors Miquel, por Ictiosaure, en Poesía.
Estes premios, sen dotación económica, son concedidos pola AECL desde 1956, e outórganse aos mellores libros de narrativa e poesía publicados no Estado español no ano anterior en galego, castelán, catalán e euskera.
A edición deste ano estaba prevista para o mes de abril, pero adiouse a causa da pandemia.
O xurado reuniuse este domingo para tomar a decisión e estivo composto polo presidente da AECL, Ángel Basanta, e as e os críticos literarios Fernando Valls, Javier Goñi, Pilar Castro, Araceli Iravedra, José Jurado Morales, José Luis Martín Nogales, Selena Millares, Manuel Ángel Morales Escudero, Francisco Morales Lomas, Ángel Luis Prieto de Paula, Miguel Ángel Márquez Guerrero, Ignacio F. Garmendia, Rafael Núñez Florencio, María Solís Munuera, Xelo Candel, Simona Skrabec, Javier Rojo, Olivia Rodríguez González, Fernando Martínez Laínez e Enrique Turpin.”