Entrevista a Xulio Ríos na Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Quais são os teus referentes (desde todos os pontos de vista)? Deles, quais reivindicarias por serem insuficientemente reconhecidos a dia de hoje?
– Xulio Ríos (XR): Cando procurei a creación do IGADI (1991, facemos agora 25 anos), rebusquei nos nosos antecedentes. Sempre me chamara a atención a figura de Plácido Castro, pero igualmente Lois Tobío, que formou parte do noso Consello Asesor e tivemos a feliz oportunidade de aprender del. Son os nosos “clásicos”, aos que deberiamos sumar outras figuras como Fernando Pérez-Barreiro ou Ramón Lugrís. Ese mundo da universalidade galega é fundamental hoxe para a actualización do nacionalismo, pero este ignórao moito.
Noutro plano, como devoto da poesía, figuras como Cecília Meireles, Eugénio de Andrade, Xosé Luís Franco Grande, José Ángel Valente, Walt Whitman, ou Bei Dao, son autores de cabeceira. (…)
– P: Como vês o estado da cultura e língua galega?
– XR: A precariedade é inmensa. Tanto polo desinterese consciente da administración galega como pola escasa ambición cooperativa que existe no mundo cultural. Hai unha moi rica vida de base pero precisa unha maior organización e altura de miras para saír fóra. Mentres non comprendamos todos que a cultura é un dos catro poderes do país (lexislativo, executivo, xudicial e cultural, diría eu) sempre será algo de segunda orde e non o é. Cómpre repensar tamén a comunicación coas novas xeracións e como infundirlles un amor polo propio que non estea en contradición cunha actitude aberta, cosmopolita mesmo. (…)”
Arquivos da etiqueta: Plácido Castro
Cambados: conferencia de Carlos L. Bernárdez sobre Plácido Castro e a arte galega do seu tempo
O luns 27 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Pazo de Torrado (Rúa Príncipe, 10) de Cambados, terá lugar a XV Conferencia Anual Plácido Castro, coa intervención de Carlos L. Bernárdez, que falara sobre Plácido Castro e a arte galega do seu tempo.
Plácido Castro: Unha vocación internacional
Desde Cultura Galega:
“Malia non ser un dos persoeiros máis coñecidos do galeguismo de preguerras, a vida e a obra política e intelectual de Plácido Castro (Corcubión, 1902; Cambados, 1967) merecería por si soa un filme británico. Políglota, viaxeiro e activista político, foi o principal responsable do recoñecemento internacional de Galicia como nación antes da Guerra Civil. Tres novos libros editados pola Fundación Plácido Castro botan luz sobre este descoñecido intelectual.
A Fundación Plácido Castro vén de editar tres curiosas e interesantes publicacións que divulgan a obra e o pensamento do corcubionés Plácido Castro. Un galego en Irlanda, 101 máximas e reflexións de Plácido Castro e 1933-2013. 80 anos da participación e admisión de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas. Os tres libriños permiten coñecer a personalidade e as accións poliédricas e acceder a importante documentación interna da Sociedade de Nacións que permite coñecer a estratexia dos galeguistas para o recoñecemento internacional de Galicia como pobo.
Plácido Castro naceu en Corcubión no seo dunha das familias máis adiñeiradas da área. Os seus pais enviaráno a estudar, cando aínda era moi neno, aproximadamente aos seis anos, ao colexio Scarborough de Glasgow. Nesta cidade escocesa tamén cursaría os seus estudos universitarios. A súa vida en Inglaterra compaxinaríase coas súas vacacións en Galicia, onde tomou conciencia da identidade, da lingua e da cultura. Militaría no Partido Galeguista e participaría da prensa da época, onde remitiu numerosas crónicas da vida e da cultura inglesas.
Un galego en Irlanda é unha compilación de seis crónicas de viaxes que Plácido Castro remitiu ao xornal vigués El Pueblo gallego, e nos que detalla unha viaxe á illa -de especial relevancia no discurso cultural e político dos galeguistas do momento- na que remata por convivir cos illeiros do arquipélago de Blasket. As crónicas, cheas de lirismo, anécdotas e un perspicaz talante, son unha viaxe de ida e volta entre Galicia e Irlanda, nos seus parecidos e diferenzas.
O libriño 101 máximas e reflexións de Plácido Castro introduce aos lectores no pensamento galeguista e político do escritor e tradutor, no que se evidencia a súa demanda de conciliar tradición e identidade coa modernidade para ser visibles no mundo. A vocación internacional de Castro tamén se advirte na escolma de documentos publicados en 1933-2013. 80 anos da participación e admisión de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas; a través dos documentos pódese seguir o proceso da inclusión e participación dos galeguistas no Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna en 1933. (…)”
Lugo: conferencia Saudade e galeguismo: a visión de Plácido Castro, de Miguel Ángel Martínez Quintanar
O mércores 25 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo, terá lugar a XIII Conferencia anual Plácido Castro, a cargo de Miguel Ángel Martínez Quintanar, que leva por título Saudade e Galeguismo: A visión de Plácido Castro.
Vigo: conferencia sobre Plácido Castro, tradutor, de Alberte Álvarez Lugrís
O venres 30 de setembro, ás 20:00 horas, na sala de conferencias de Novacaixagalicia en Vigo, con motivo do Día da Tradución, a Asociación de Tradutores Galegos organiza unha conferencia sobre Plácido Castro, tradutor, impartida polo profesor da Universidade de Vigo, Alberte Álvarez Lugrís. Plácido Castro foi un dos grandes pioneiros da tradución ao galego, verquendo á nosa lingua, con especial forza nos anos corenta do século pasado, a moitos poetas irlandeses e ingleses, tratando de levar a modernidade a este ámbito cultural. Vía Galaxia.