Artigo de Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“Dous ou tres meses antes de morrer Neira Vilas recibiu a visita da Axencia Tributaria, que quería saber do seu estado de contas. Seica non lles cadraba que non recibise unha pensión de xubilación e que vivise tan austeramente dos seus dereitos de autor, que a Facenda considera rendas de traballo. Afortunadamente, todo estaba en orde, pero o sofocón foi o sofocón. E algunha discusión houbo. Cando en 1992 o autor de Memorias dun neno labrego fixou definitivamente a súa residencia en Galicia, tivo que renunciar á pensión que lle correspondía en Cuba («Cuba non paga divisas no exterior») e a súa economía fundamentábase no que lle producía a venda das súas obras, algunhas colaboracións na prensa e algunha outra axuda ocasional, entre elas a que lle concedeu no seu día a Fundación Barrié de la Maza. «Son un xornaleiro das letras», disque lle explicou ao visitante. «Teño 86 anos. Vivo do meu traballo. Mentres teña alento seguirei a escribir».
A cousa quedou en nada. Pero se Neira Vilas cobrase algunha pensión, e así llo advertiu a inspección, tería que responder por todo o seu traballo dende a data de xubilación, devolver o recibido, coa sanción correspondente, e o que é máis grave: tería que deixar de escribir. Ou a pensión, por cativa que fose, ou a produción literaria, que seica a partir dos 65 anos, por unha lei asinada no 2013, é incompatible coa xubilación retribuída, por máis que ao longo da súa vida laboral tivese cotizado escrupulosamente ao sistema.
A polémica que anda estes días nos xornais logo da denuncia dalgúns escritores que están a padecer semellante ignominia (Gamoneda, Eduardo Mendoza, Javier Reverte, Caballero Bonald), plantéase nestes termos: se o escritor, os creadores en xeral, pois tamén afecta aos pintores, músicos, etcétera, queren seguir producindo na madurez teñen que elixir entre continuar co seu labor, mesmo que teña retornos económicos ben escasos, ou manter os seus ingresos de xubilados. Penso en Miguel Delibes ou Francisco Ayala, por citar algúns nomes das letras españolas, xa falecidos, non digamos os que escriben ou producen en galego, como o caso de Neira Vilas. Os responsables da Facenda e do Ministerio de Traballo están moi preocupados porque a pensión dos escritores desestabiliza as arcas públicas.
A cuestión (o escándalo) non é tan grave polas consecuencias que medidas deste tipo teñen para a economía dos afectados, que son moi serias, como pola consideración que a cultura ten para os lexisladores e, en xeral, para a sociedade que consinte semellante situación.
Se o escritor está instalado nos éxitos de mercado (best sellers) aínda o pode ir levando, pero se o creador responde ás esixencias da propia creación, talante que caracteriza a esencia mesma da cultura, o único que lle queda é o silencio, ou a clandestinidade. Poucas contribucións tan valiosas (e tan xenerosas) para a cultura galega como a de Neira Vilas, que saliento nesta marea coma un exemplo práctico. Non se trata de facer comparacións, pero a alguén debería caerlle a cara de vergonza.”
Arquivos da etiqueta: Plataforma Seguir creando
As entidades de creadores e creadoras constitúen a plataforma Seguir creando
(A Coruña, 22 de xaneiro de 2016). Hoxe constituíuse a plataforma Seguir creando, coa reivindicación de que calquera profesional da creación poida seguir creando de forma remunerada despois da súa xubilación sen deixar de percibir unha pensión á que contribuíron durante a súa vida activa, algo que a lei prohibe desde o ano 2013.
CEDRO, SGAE, ACE, VEGAP e a AELC –entre outros– reuníronse esta mañá na sede da SGAE en Madrid para constituír a plataforma. Estas organizacións consideran que esta medida é inxusta e está a causar “graves prexuízos” á cultura porque se nos está privando do talento dos creadores-as con máis experiencia. O obxectivo é equiparar a lexislación española á doutros países da Unión Europea, nos que xubilación e creación son actividades compatibles ao entender que a súa achega contribúe a enriquecer o acervo cultural dunha sociedade.
FOLLA DE RUTA
Na reunión fixouse tamén a folla de ruta para este 2016. As accións que levarán a cabo implican sumar outros sectores afectados, realizar actos públicos reivindicativos e manter encontros cos representantes dos principais partidos políticos para dar a coñecer as súas reivindicacións, principalmente.
Entre as medidas que se solicitará aos diversos interlocutores estarán, por orde de prioridade:
- Suspensión das inspeccións xa abertas e paralizar os actuais procesos postos en marcha polo Goberno contra algúns autores (escritores como Antonio Gamoneda, Javier Reverte ou José Manuel Caballero Bonald están afectados directamente por esta medida).
- Modificar a actual lexislación que regula a materia (RDL 5/2013, Regulamento IRPF, etc).
- Deseño dunha nova normativa máis ambiciosa que recolla as necesidades especiais dos profesionais da creación, que teña en conta a especificidade do sector salvagardando os seus dereitos.
- Difusión en redes sociais coa etiqueta #seguircreando
Con esta liña de traballo, os creadores de Seguir creando perseguen que esa devolución que a sociedade lles outorga, tras seren eles quen achegaran tanto durante a súa vida activa, non se interrompa por cumprir unha idade. O obxectivo, por tanto, é permitir a quen desexe seguir enriquecendo o noso mundo coa súa creatividade que poida facelo de forma digna.
Ler o MANIFESTO Polo dereito a seguir creando.
ENTIDADES ASINANTES
Visual Entidade de Xestión de Artistas Plásticos (VEGAP); Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE); Asociación Colexial de Escritores de España (ACE); Plataforma en Defensa da Cultura; Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO); Federación de Músicos Asociados (FEMA); Foro de Asociacións de Guionistas de Audiovisual (FAGA); Asociación estatal de compositores para o audiovisual. (MUSIMAGEN); Asociación de Autores Literarios de Medios Audiovisuais (ALMA); Federación de Compañías de Danza (FECED); Xunta de Autores de Música (JAM); Asociación de Grupos de Música Antiga (GEMA); Associació d’Escriptors en llengua catalá (AELC); Asociación de Autores Científico-Técnicos e Académicos (ACTA); Asociación de Tradutores, Correctores e Intérpretes de Lingua Vasca (EIZIE); Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Euskal Idazleen Elkartea (EIE).
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) estivo representada por CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos)