Sobre 130 persoas asistiron a un emotivo acto de entrega dos diplomas acreditativos de MESTRAS DA MEMORIA ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e do diploma de MESTRE DA MEMORIA a Serafín Mourelle Bugallo, da Coruña. Lamentabelmente non puidemos contar coa presenza das tres mullerres homenaxeadas: a idade, a distancia e algún problemas de saúde tiveron a culpa. Os seus respectivos recoñecementos foron recollidos por persoas das súas familias.
Ademais das persoas homenaxeados, interviron no acto:
- Xosé Iglesias, mariñeiro e poeta
- Isidro Novo, escritor (vexa aquí o texto da súa laudatio a Serafín Mourelle)
- Poldo Cañizo, escritor (vexa aquí o texto da súa laudatio ás Pandeireteiras da Alén)
- Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG
- Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG (vexa aquí o texto da súa intervención)
A música correu a cargo de Branca Villares e Ricardo Marcos Casás Salgado, e o mantedor do acto foi Antonio Reigosa, vogal de Literatura de Tradición Oral da AELG.
Mestras da Memoria 2017: Pandereteiras Da Alén
Do lugar da Alén, Xirarga, Beariz, Ourense.
Orosia Gil Ramos (95 anos) Alsira Gil Ramos (90 anos) e Ólida Diz Ramos (96 anos).
“Presenza viva da poesía e música, tesouro en vida onde repousan xotas, muiñeiras, pasodobres, cantares de reis, aturuxos e a sabedoría e a sensibilidade popular feita poema musicado.” (Poldo Cañizo)
Mestre da Memoria 2017: Serafín Mourelle Bugallo
Mariñeiro e poeta. 84 anos. Nacido en Corme. Residente na cidade da Coruña.
“Aos catorce anos embarcou de axudante de cociña e chegou a converterse nun famoso patrón do Gran Sol. Nos anos sesenta foi un dos descubridores dos vizosos caladoiros de Porcupine, o volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Tamén é poeta ao xeito de Manuel Antonio; isto é, poesía do mar escrita pola propia xente do mar.“ (Xurxo Souto)
A AELG pretendeu facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», tivo lugar o 27 de maio no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo, co apoio das Áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo
O obxectivo principal da Gala foi a entrega dos V Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se conceden a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, a asemblea xeral de Socios-as da AELG acordou outorgárllelos ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo.
O principal valor dunha sociedade constitúeno as persoas, os tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, e que adaptan e actualizan con xenerosidade para, por fin, transmitir todos eses saberes herdados aos que veñen detrás.
Nesta cadea de comunicación a cultura popular mantense viva porque se actualiza sen renunciar ás esencias que a distinguen, que a fan ao tempo singular e universal.
Desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) queremos contribuír a manter sempre aberta esa canle de comunicación entre os que por idade e, como consecuencia, por acumulación de experiencias e saberes, gardan a memoria deses esencias da nosa cultura e os que, pola contra, andan aínda descubrindo o mundo que os rodea.
Pódese consultar aquí a listaxe de persoas que xa foron nomeadas Mestras-es da Memoria pola Sección de Literatura de Tradición Oral, á que o 27 de maio de 2017 se sumaron as Pandeireteiras da Alén e Serafín Mourelle.