A Feira
Galega das Artes Escénicas botou a andar en Santiago coa concesión dos premios de escrita dramática: o Álvaro Cunqueiro, o Barriga Verde (nas dúas modalidades) e o Manuel María, todos eles dotados con 6.000 euros e a posibilidade da súa publicación. Dolores Vilavedra, presidenta do xurado desta edición, fíxolles un chamamento ás editoriais para que continúen colaborando coa Agadic na edición destes textos que permitan “crear un corpus de literatura dramática”. Despois, pasou a ler o fallo do xurado que lle concedeu, por maioría, o premio Álvaro Cunqueiro a Raúl Dans pola súa obra Chegamos despois a unha terra gris. Canda el Xavier Lama gañou o Manuel María por Os reloxos preguiceiros de Néboa, mentres que Xose Antón Neira Cruz e Inacio Vilariño fixéronse cos premios Barriga Verde para adultos e infantil, respectivamente.
Raúl Dans agradeceu o seu premio Álvaro Cunqueiro, recoñecendo que a súa obra fala dos medos e das frustacións. “O meu teatro peneira das zonas escuras do ser humano” apuntou ao tempo que denunciou que “un premio é a única forma de publicar e de chegar aos escenarios”. O xurado recoñeceu da súa obra a súa “singular xenealoxía das mulleres”, a sobriedade do seu texto e o tratamento non oportunista dun tema de actualidade. Xavier Lama, gañador do premio Manuel María apuntou que a súa obra, pensada para público infantil, fala “do concepto do tempo, dunha autoestrada infinita cada o nunca máis”. O xurado recoñeceu a “orixinalidade do tema, a fantasía na concepción dos personaxes e a singularidade ontolóxica do mundo creado”. A modalidade de adultos do Barriga Verde (teatro para monicreques) foi para Xosé Antón Neira Cruz (un autor que xa resultou premiado en numerosas ocasións nos certames convocados por Agadic) quen fixo un alegato do Mestre Mateo e que lle dedicou o galardón ao seu pai, finado recentemente. O xurado recoñeceu “a capacidade para demostrar que un motivo artístico tradicional, como é o Pórtico da Gloria, pode ser susceptible de tratamentos novidosos”. Non estaba para recoller o seu premio Inacio Vilariño, de cuxa obra o xurado destacou “a frescura e a axilidade dos diálogos”. A entrega dos galardóns rematou coa intervención de Juan Carlos Fasero, director de Agadic, desexando que os textos “cheguen pronto aos escenarios”. Recollido tamén en Xornal, La Voz de Galicia e Galicia Hoxe.
Arquivos da etiqueta: Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais
Un total de 52 textos compiten nos premios Cunqueiro e Barriga Verde
(Xornal)
AGADIC convoca os premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde
O DOG publica hoxe a resolución do 5 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios de literatura dramática do AGADIC: XIX Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, V Manuel María de teatro infantil e VIII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidade infantil e adultos). A dotación dos catro premios é de 6000 €. O período de admisión remata o 11 de xuño de 2010. Bases: PDF, 71 KB.
Manuel Lourenzo, Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais
O escritor Manuel Lourenzo gañou con Flores de Dunsinane a edición 2009 do Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais. O Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil levouno Xosé A. Neira Cruz pola obra Sopa de xarope de amora. O Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques foi para Ignacio Vilariño por Auga que non vas beber… na categoría de teatro para adultos, e Begoña García por Bon appétit na modalidade de teatro para nenos.
XVIII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais
A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) convoca o XVIII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, segundo as bases publicadas no DOG nº 41, do 27 de febreiro de 2009. A súa dotación económica é de 6.000 euros. Así mesmo, a AGADIC poderá editar o texto galardoado nas súas coleccións, reservando para si os dereitos de edición ou coedición durante un período de dous anos desde a comunicación do ditame. O período de admisión remata o 2 de xuño de 2009. A decisión do xurado producirase antes do 26 de outubro (descargar bases en PDF).
O certame vai dirixido a persoas físicas que presenten textos teatrais inéditos, escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias. Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo. Quedan excluídas as obras de teatro breve e os textos para teatro de monicreques e os orixinais que resultasen ser obra de autores premiados nas dúas convocatorias inmediatamente anteriores.
Os orixinais deben remitirse dentro do prazo establecido á sede da AGADIC en Santiago (Rúa da Vesada, s/n, San Lázaro, 15703) por sextuplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A-4, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara, paxinados e grampados ou encadernados. Na portada de cada unha das copias indicarase unicamente o título e/ou lema e o premio a que optan. Non poderá figurar ningún dato que poida identificar o participante e romper o anonimato.
Xunto cos textos, os participantes nesta convocatoria deberán entregar un sobre pechado que reflicta no exterior os mesmos datos que na portada dos textos presentados (título e/ou lema e premio a que optan. No interior deste sobre pechado deberá incluírse:
-solicitude de participación debidamente cuberta e asinada segundo o anexo que figura ao final das bases.
-fotocopia do DNI, NIF, NIE, pasaporte ou documento equivalente.
-declaración asinada polo autor de que o texto presentado non foi publicado nin premiado en ningún momento anterior.
Para a avaliación dos textos constituirase un xurado formado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un membro do cadro de persoal da AGADIC proposto pola Dirección da Axencia. O xurado puntuará os orixinais atendendo aos seguintes criterios de avaliación:
-Calidade literaria: 30 puntos
-Calidade dramática: 30 puntos
-Viabilidade escénica: 20 puntos
-Adecuación á especificidade de cada premio: 10 puntos
-Coidado da lingua: 10 puntos.