Desde CEDRO:
“O escritor, xornalista e guionista Manuel Rivas, Premio Nacional das Letras 2024, vén de recibir o Premio Cedro 2025, outorgado pola entidade que xestiona os dereitos de autor das persoas creadoras de obras escritas no Estado español. A decisión recoñece a súa ampla traxectoria como defensor da cultura, da lingua galega e dos dereitos das autoras e autores, así como o seu compromiso ético e social coa creación.
O acto de entrega decorreu esta sexta feira no Ateneo de Madrid, nunha cerimonia presentada pola xornalista Pepa Fernández e que contou coa presenza da vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz; da subsecretaria de Cultura, Carmen Páez; e do director de Bibliotecas do Concello de Madrid, Emilio del Río, entre outras autoridades.
Durante a súa intervención, Rivas advertiu sobre os perigos dunha intelixencia artificial sen control: “Sen regulación estrita e sen unha ética eficaz da empatía, existe o perigo real de que os novos emporios tecnolóxicos propicien un gran espolio do patrimonio intelectual e creativo”. O autor d’O lapis do carpinteiro reclamou que o Estado español sexa “un espazo de vangarda” na regulación da IA, garantindo “consentimento, transparencia e remuneración” para as persoas creadoras.
A presidenta de Cedro, Carme Riera, destacou na súa intervención o “carácter solidario e coherente” de Rivas, quen participou en 2022 na campaña #CEDROteAcompaña para dar visibilidade ás axudas que ofrece a entidade a persoas autoras en situación de vulnerabilidade. Riera salientou tamén a súa defensa constante da lingua galega, dos dereitos culturais e da propiedade intelectual na era dixital.
Rivas, con máis de catro décadas de traxectoria, é unha figura clave da literatura galega contemporánea. Ao longo da súa carreira combinou creación literaria, activismo cultural e compromiso social. “Preservar a autoría é preservar a democracia”, afirmou durante a súa intervención, reivindicando que a defensa do patrimonio intelectual é tamén unha defensa da decencia política e da liberdade colectiva.
Na súa intervención, Riera apuntou a necesidade de seguir modelos europeos máis garantistas, como os dos países nórdicos, onde a autoría se protexe mediante sistemas baseados en autorización, remuneración xusta e transparencia. “As nosas obras non son datos sen valor: son o froito do talento, do esforzo e da profesionalidade de quen as crea e edita”, defendeu.
A presidenta da entidade fixo tamén un chamamento ás institucións públicas para que lideren a protección da cultura escrita fronte os desafíos da intelixencia artificial e do consumo masivo de contidos sen contraprestación.
O Premio CEDRO, que chega este ano á súa novena edición, recoñece persoas e institucións que destacan na defensa dos dereitos de autor e da cultura escrita. Entre as persoas galardoadas en anos anteriores están Lorenzo Silva, Julia Navarro, Rosa Montero, José María Merino ou Antonio Muñoz Molina.
A entrega do premio a Rivas supón un recoñecemento ao seu compromiso público coa lingua galega e co dereito a vivir da creación cultural. Nun momento en que os dereitos de autor están en perigo pola automatización de contidos e a mercantilización da cultura, voces como a súa cobran especial relevancia.
Rivas rematou a súa intervención cunha mensaxe clara: “O futuro da cultura e da democracia dependerá da nosa capacidade para defender os dereitos de quen crea fronte á voracidade de quen depreda”. Desde Cedro, a mensaxe foi rotunda: “Non hai cultura viva sen autoría recoñecida nin sociedade libre sen dereitos culturais garantidos”.”
Arquivos da etiqueta: Premio CEDRO
A AELG congratúlase pola concesión do Premio CEDRO 2025 a Manuel Rivas
A AELG congratúlase polo premio CEDRO 2025 a Manuel Rivas, concedido pola Xunta Directiva de CEDRO, da que forma parte a AELG a través do seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Con este galardón, recoñeceuse o seu firme compromiso coa cultura, así como a súa contribución á defensa dos dereitos de autoría e a propiedade intelectual.
Carme Riera, presidenta de CEDRO, destacou que «este ano, quixemos recoñecer a Manuel Rivas o seu activismo e compromiso público coa promoción e defensa da creación literaria, dos valores culturais e dos dereitos de autoría».
«Ao longo de toda a súa traxectoria profesional, tanto literaria como xornalística, Rivas sempre estivo a carón da cultura e das súas creadoras e creadores», sinalou Riera, lembrando a constante defensa de Rivas dos dereitos de escritoras/es e tradutoras/es ante o uso non autorizado das súas obras por parte dos desenvolvedores de intelixencia artificial xenerativa.
Así mesmo, a presidenta de CEDRO salientou que «Manuel Rivas non dubidou nunca en reivindicar publicamente a necesidade de preservar a autoría e a xusta retribución das escritoras e escritores na era dixital». E tamén destacou «o carácter solidario de Rivas», lembrando a súa participación en 2022 nunha iniciativa impulsada por CEDRO para dar a coñecer as axudas que a Entidade ofrece a escritoras/es, tradutoras/es e xornalistas que pasan momentos de dificultade.
O Premio CEDRO, que se concede con motivo do Día Internacional de Propiedade Intelectual, naceu en 2017, co obxectivo de recoñecer anualmente, e de maneira simbólica, a traxectoria dunha persoa ou institución que destaque por defender a cultura en xeral e os dereitos de autoría en particular. Desde entón foron premiadas/os, entre outras/os: Lorenzo Silva, Rosa Montero, José María Merino e Antonio Muñoz Molina.
Premio CEDRO 2024 á escritora Gemma Lienas, coa presenza de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, e membro da Xunta Directiva de CEDRO
“Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, estivo presente, como membro da actual Xunta Directiva de CEDRO, na entrega do Premio CEDRO 2024 á escritora Gemma Lienas, en recoñecemento ao seu labor na defensa colectiva dos dereitos de propiedade intelectual do sector da cultura escrita.
A presidenta de CEDRO, Carme Riera, afirmou que “a Xunta Directiva quixo recoñecer a Gemma Lienas o traballo que levou a cabo sempre para promover un ámbito donde escritores, escritoras, tradutores, tradutoras e editoriais poidamos recibir o recoñecemento legal e social axeitado e unha compensación xusta polo noso traballo”.”