Felipe Senén: “Reivindico o ser humano como célula fundamental da creatividade, que era a mensaxe da Xeración Nós”

Entrevista a Felipe Senén en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Recolleu este domingo o premio Freire Carril da súa edición de 2024. Feliz polo recoñecemento?
– Felipe Senén (FS): Sempre alegra que institucións de tipo popular como esta lle vixíen a un na súa ansia de dar a coñecer as cousas da nosa cultura, para defendela e promovela, como é o caso do noso patrimonio cultural.
– ND: Este galardón ten un carácter fondamente democrático. Outórgalle iso aínda máis relevancia aos seus ollos?
– FS: Asi mesmo é, tal como o dis. Desde sempre forma parte da miña profesión o estar vinculado á historia da cultura galega, a esa ansia de divulgar tantos aspectos descoñecidos das nosas tradicións, da nosa creatividade… todo iso forma parte da cultura, e a miña mensaxe sempre vai dedicada a iso, pois ademais a cultura é un valor, un espírito e unha marca que está nun proceso de degradación, como un valor de consumo para liturxias, actos, publicacións…
Persoalmente, eu defendo que a cultura lévase posta, e estou feliz de que desde a A. C. Agromadas se entendese esta mensaxe tan reitierativa miña, de reivindicar o ser humano como célula fundamental da creatividade, que a fin e ao cabo era a mensaxe da Xeración Nós, a de Cuevillas, a de Risco… (…)
– ND: Aos seus 76 anos, que lle queda por facer a Felipe Senén?
– FS: Simplemente continuar (ri). A cuestión é facelo ben, e que a xente entenda o que dis, algo que unha palabra galega tan bonita resume como “ter ansia”. Nesa necesidade de servir tamén podo referenciar outra palabra moi galega e que está moi perdida, enxergar, é dicir, pór os cinco sentidos nas cousas, con sabedoría, aplicando o que aprendiches, analizando as cousas con obxectividade e compartindo de formas moi diversas, a través da palabra ou do que poidas escribir. (…)”