Coñécense os finalistas dos Premios Xerais

“Reunidos hoxe 3 de xuño de 2011 no Castelo de Soutomaior, os xurados dos Premios Xerais 2011 elixiron os finalistas de cada unha das modalidades.
O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorreron corenta obras formado por Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Extramunde, O caso Ocaso e Todo home é coma a lúa.
O xurado da V edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e tres obras formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Ánxela, Gabirro e Pelouro.
O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas O carreiro das formigas, Prometeo e Trampa de luz.
O fallo de cada un dos premios darase a coñecer no serán do sábado 11 de xuño, no acto literario que terá lugar na illa de San Simón e no que a escritora María Xosé Queizán actuará como mantedora literaria. Como en edicións anteriores o acto será transmitido en directo por internet por Blogaliza.tv.” Vía Xerais.

Convocada a 5ª edición do Premio Fundación Novacaixagalicia-Claudio San Martín de literatura xuvenil

Edicións Xerais de Galicia convoca a quinta edición do Premio Fundación Novacaixagalicia-Claudio San Martín de literatura xuvenil en lingua galega, dotado con 10.000 euros, que se rexerá polas seguintes bases:

1ª. Poderán concorrer ao premio todos aqueles autores/as de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme á normativa vixente. Os textos presentados han ser inéditos e totalmente orixinais, non podendo ter sido comunicados, nin na súa totalidade, nin por partes, por ningún tipo de procedemento.
2ª. De cada orixinal presentaranse seis copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas, antes do día 11 abril de 2011 nos locais sociais de Edicións Xerais de Galicia, S.A., rúa Doutor Marañón, 12. 36211. Vigo.
3ª. Co orixinal, que deberá ser presentado baixo lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a, achegarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor/a, así como o título da obra, indicando no sobre: para o Premio Fundación Novacaixagalicia-Claudio San Martín de Literatura Xuvenil.
4ª. O xurado estará composto por cinco membros, escollidos entre lectores e lectoras e un secretario con voz e sen voto en representación de Edicións Xerais de Galicia, S.A. O premio outorgarase por maioría de votos.
5ª. A composición do xurado darase a coñecer no mes de maio.
6ª. O xurado emitirá o seu fallo no curso da Festa Xerais que se celebrará o día 11 de xuño.
7ª. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime e a decisión será inapelable.
8ª. Edicións Xerais de Galicia, S.A., que reserva os dereitos de edición sobre a novela premiada en todas as linguas, coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros, poderá publicar esta sen limitación do número de exemplares nin de edicións. Os cinco mil primeiros exemplares vendidos estarán libres do pagamento de dereitos de autor/a. O beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente cincuenta exemplares da obra publicada.
9ª. Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ao fallo. Os que non se retiren serán destruídos.
A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases e as decisións do xurado que se teña designado.

Vigo, decembro 2010.