Desde Xerais:
“O escritor Antonio García Teijeiro foi galardoado onte co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017 polo seu libro Poemar o mar, publicado por Xerais. O xurado resaltou que o libro está «cargado de emoción, cunha brillante elección léxica, onde o mar é o grande protagonista, poboado de criaturas que transitan por orixinais e suxestivas composicións poéticas»
Poemar o mar é un libro de poemas que forma parte da triloxía que se completa con En la cuna del mar e Palabras do mar. Nestas tres obras o mar é o gran protagonista, un mar que ronca, que molla con poemas, que ten trenzas, que anda murcho, que chora por dentro e cala por fóra. Mares con ondas amarelas, con illas coma estrelas, mares de plumas que son de auga e mel, mares de tinta verde con barquiños de papel. En palabras de Rocío García Pedreira, «toda a obra poética de Teijeiro busca iniciar ao lectorado máis novo nos recursos formais básicos a través de temas que fomentan a reflexión crítica. Entre os seus versos recóllense homenaxes a outros poetas das tradicións literarias española e galega». (…)”
Arquivos da etiqueta: Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil
Entrega dos Premios Nacionais de Cultura a Ledicia Costas e Gonzalo Hermo
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Na entrega dos Premios Nacionais de Cultura correspondentes ao bienio 2014-2015, realizada o 1 de xuño en Palencia, houbo unha apreciable presenza da cultura galega. Aos premios de Tradución e Teatro de 2014, sumáronse o pasado ano os de Literatura Infantil e Xuvenil de Ledicia Costas por Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais) e o de Poesía Xove de Gonzalo Hermo por Celebración (Apiario), o que constitúe un espazo de visibilidade para a nosa creación e produción cultural. Catro novos nacionais que incrementan a nómina de títulos da literatura e edición galegas premiados polo Ministerio de Cultura nas últimas tres décadas: cinco en infantil e xuvenil, cinco en tradución, tres en narrativa, dous en literatura dramática, dous de ilustración, un de cómic, un de ensaio, dous de poesía, un de teatro e un ao mellor labor editorial. Premios que constitúen un pulo e unha oportunidade para as persoas premiadas, mais tamén un aliciente e un recoñecemento colectivo para a cultura literaria galega, sometida a tantas invisibilidades e inxustos prexuízos. Parabéns, pois, a Ledicia Costas e Gonzalo Hermo, que onte representaron orgullosas a excelencia e a esperanza da literatura galega do século XXI.”
Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil por Escarlatina, a cociñeira defunta
Desde Xerais:
“A escritora Ledicia Costas acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil pola súa novela Escarlatina. A cociñeira defunta. Esta novela, publicada por Xerais ao gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, recibiu xa outros importantes recoñecementos como a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, o Premio Xosé Neira Vilas ao Mellor libro Infantil e Xuvenil da Asociación Galega de Editores, os Premios Fervenzas Literarias (votados polos internautas) ao Mellor libro infantil e Mellor portada de LIX (Víctor Rivas). (…)
O xurado do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil estivo composto polo autor galardoado na edición 2014, Diego Arboleda; o autor galardoado na edición 2013, César Mallorquí; a Real Academia Española, Carme Riera; a Real Academia Galega, Rosario Álvarez Blanco; a Real Academia da Lingua Vasca, María Asunción Agiriano; o Instituto de Estudos Cataláns, Vicenç Llorca; a Organización Española para o Libro Infantil y Juvenil (OEPLI), Montserrat Pena; a Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE), Gemma Lluch; a Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), Concha Barrigós; a Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), Paula Izquierdo; o Centro de Estudos de Xénero da UNED, Marina Sanfilippo; e designada polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, Teresa Corchete. Estivo presidido polo director xeral de Política e Industrias Culturales y del Libro, José Pascual Marco, e actuou como vicepresidenta, a subdirectora xeral de Promoción del Libro, la Lectura y las Letras Españolas, Mónica Fernández.”