Antonio Durán ‘Morris’ recibe o Premio Rebulir na categoría de Artes Escénicas

Desde Erregueté (foto: Antonio Durán Morris en A leituga, de Eme2):
“Antonio Durán ‘Morris’ vén de recibir o Premio Rebulir da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas. O xurado decidiu por outorgar o galardón ao actor considerando a súa “contribución á cultura galega dende o teatro e o audiovisual”.
Os Premios Rebulir de Cultura Galega están organizados pola asociación cultural que leva o mesmo nome en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello de Ramirás. Dito galardón nace no ano 2012 como un recoñecemento a persoas/colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura galega nas súas diferentes manifestacións. Un dos aspectos que defende este premio é a proxección do nome de Galicia alén das súas fronteiras, facendo fincapé no establecemento de vínculos interculturais e de raíz.
Ademais de Morris, Rosa Cedrón recibiu o Premio na categoría de Música Galega e a Coral de Ruada, que fai cen anos neste 2019, o Premio Homenaxe.
A entrega dos premios faise en Ramirás, no marco da Gala central do Festival Internacional Rebulir. Na presente edición esta celebración terá lugar o 21 de Decembro.”