Agustín Fernández Paz e Xesús Alonso Montero gañan os Premios Losada Diéguez

Agustín Fernández Paz fíxose co premio Antón Losada Diéguez de creación literaria pola súa novela Non hai noite tan longa. Pola súa banda, Xesús Alonso Montero levou o galardón no ámbito da investigación polo seu estudo Aníbal Otero. Lingüística e política. Os dous gañadores levarán un premio de 6.000 euros e recollerán o seus galardóns o vindeiro 9 de xuño nun acto que se celebrará no propio pazo do galeguista en Moldes, concello de Boborás.

Xulia Alonso e Francisco Calo Lourido galardoados na XXVI edición dos Premios Antón Losada Diéguez

“O xurado da XXVI edición dos premios Antón Losada Diéguez otorgou o premio de creación literaria a Xulia Alonso, pola súa obra Futuro imperfecto e o de investigación e ensaio a Francisco Calo Lourido, polo seu traballo Os Celtas: Unha (re)visión dende Galicia. O xurado valorou en Futuro Imperfecto a enorme intensidade emotiva que introduce a vida dentro da literatura. Narra unha experiencia vivida que representa tamén a historia dunha xeración que sucumbiu ao engano da droga como negocio manexado por xente sen escrúpulos. A obra está editada pola Editorial Galaxia. Da obra Os Celtas. Unha revisión dende Galicia, editada por Xerais, os integrantes do xurado destacaron o rigor documental, as diferentes fontes de aproximación ao problema histórico dos celtas e do celtismo, así como o seu reflexo en Galicia, nun debate aberto que tivo a súa importancia na configuración da identidade mítica dos galegos.” Vía Asociación Galega de Editores. O xurado estivo composto por Francisco Fernández Rei, Henrique Monteagudo, Francisco Fariña, José Luís Valladares, Anxo Tarrío, Xosé Henrique Costas e Xosé Ramón Freixeiro, actuando como presidente Cipriano Caamaño e vicepresidenta María Josefa Pérez.