Crónica da Homenaxe a Agustín Fernández Paz en Praza:
“(…) Os aloumiños abrollaron dende o preciso momento en que Rosa Aneiros se puxo ao outro lado do atril. Co seu saúda, arrancou unha homenaxe na que os amigos, os familiares e os compañeiros de xeración de Fernández Paz reivindicaron o seu esencial esforzo nos eidos da literatura, o ensino e a normalización da lingua. “Agustín é sementador e semente, arado e terra. Agustín é terra e sementa na terra con maiúsculas”, aclamou o escritor Paco Martín, pai literario do Ramón Lamote, personaxe coa que se bautizou a xeración dourada da literatura infantil e xuvenil galega. O escritor lugués foi o primeiro en subir ao escenario do Auditorio de Policarpo Sanz para gabar a figura de Fernández Paz, do que destacou o seu esforzo docente. “É un referente obrigado para chegar a unha escola que sirva de alicerce para unha Galicia mellor”, lembrou Paco Martín. (…)
“Ti empeñácheste na dignificación da literatura infantil e xuvenil, de sacala da invisibilidade, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras”, asegurou o tradutor e profesor Xavier Senín, quen chegou a designalo como “embaixador da nosa identidade”. Pola súa banda, Xosé Lastra, de Nova Escola Galega, encargouse de lembrarlle o auditorio o papel desenvolvido polo homenaxeado na normalización da lingua no ensino. “Tiñamos que facer algo para que a nosa lingua tivese o espazo axeitado no ensino. Fixemos un longo camiño de normalización até chegar a estes tempos, que se volveron nefastos”, asegurou.
Xabier P. DoCampo, quen pasou todo o acto centrado na organización, incidu no carácter nacional da homenaxe organizada por ProLingua. “É un acto nacional porque estamos aquí en representación da nación. Contigo, Agustín, somos nación. O que facemos aquí contigo é facer nación”, asegurou un DoCampo cuxo discurso, aínda que breve, foi dos máis significativos. (…)”
Arquivos da etiqueta: ProLingua
Vigo: homenaxe nacional a Agustín Fernández Paz, o 30 de xuño
A plataforma cidadá ProLingua quere convidalo á Homenaxe Nacional que se lle renderá ao escritor Agustín Fernández Paz o vindeiro sábado 30 de xuño de 2012 en Vigo. O acto, que será conducido por Rosa Aneiros, terá lugar ás 12:30 horas na Sala Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 26). A seguir haberá un xantar programado para as 15:00 no Restaurante Carrís de Vigo (Avenida de Beiramar, 57).
Moito lle habemos agradecer que nos confirme o antes posible a súa presenza, tanto no referido ao acto de homenaxe como ao xantar posterior. No caso de acudir tamén a este último, informamos que o número de prazas é de 250 que se reservarán por rigorosa orde de recepción, e o prezo pactado para cada comensal de 40 euros. Para calquera dos casos as reservas faranse neste enderezo de correo-e homenaxeagustin@gmail.com.
O importe do xantar deberá abonarse a través dun ingreso na conta de Novagalicia Banco número 2080 0220 94 3000030913, facendo constar o nome da persoa que fai a reserva e poñendo no recadro do concepto: Homenaxe a Agustín Fernández Paz. Esta será a única reserva válida e deberase mostrar o comprobante do ingreso para participar no xantar.
Co desexo de velo ese día preto de Agustín, reciba un afectuoso saúdo.
A Cerna de ProLingua.
P. S.
1. A fin de organizar as cousas o máis ao gusto das persoas que asistan, rogamos a aquelas que vaian vir ao xantar que nos indiquen cal destes dous menús prefiren para o segundo prato:
Pescada en prebe á mariñeira con mexillóns
ou
Xarrete con puré trufado e o seu zume
Para as persoas que non manifesten a súa preferencia entenderemos que prefiren que se lles sirva o menú de carne.
Tamén lle rogamos, co mesmo fin, que nos indique se prefire un menú vexetariano ou se precisa que se lle sirvan un menú especial para celíacos/as
2. Ao mesmo tempo rogámosvos que difundades a noticia da celebración desta homenaxe entre aquelas persoas que sabedes que lle teñen afecto a Agustin e pensades que puidera non chegarlles este convite.
Agustín Fernández Paz, proposto para doutor Honoris Causa en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo
“Agustín Fernández Paz vén de ser proposto pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega -AELG- para o nomeamento como Doutor Honores Causa en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, nunha carta asinada por Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas. Tal e como informa o colectivo de autor@s, é este o primeiro paso nun camiño cuxo final se coñecerá nos vindeiros meses. “Agardamos que remate co xusto e merecido recoñecemento”.
Segundo o texto, “o motivo da nosa proposta vén xustificado pola voluminosa obra de recoñecido prestixio do autor, premiado mesmo a nivel internacional cos recoñecementos de maior importancia e proxección, sobranceando nel a figura dun escritor que desde as últimas décadas elevou e segue a elevar a literatura infantil e xuvenil en galego á categoría de obra mestra, con amplísima incidencia social, asentada nunha incuestionábel calidade estética e nuns valores éticos imprescindíbeis para unha sociedade verdadeiramente democrática como a que queremos construír.”
A Plataforma para a defensa e promoción da lingua galega –Prolingua-, da que Fernández Paz fai parte, fíxose eco xa da proposta da AELG. “É unha excelente nova”, que vén sumarse aos méritos “literarios, científicos, lingüísticos e patrióticos” que do autor destacaron algúns membros do Departamento de Filoloxía Galega. Prolingua lembrou que o vindeiro 30 de xuño terá lugar na cidade olívica a Homenaxe Nacional a Fernández Paz.” Desde Sermos Galiza.
Comunicado de ProLingua ante a segunda edición dos Premios da Cultura Galega
Comunicado de ProLingua:
“A Consellería de Cultura vén de facer públicos os nomes das persoas e institucións galardoadas cos que, logo de lles cambiar o nome e suprimir a dotación económica, decidiu chamar Premios da Cultura Galega. É o segundo ano que o actual goberno da Xunta de Galicia convoca e reparte estes premios.
Paralelamente, lonxe de rectificar as prácticas destrutivas no ámbito cultural e lingüístico que puxo en marcha desde o inicio, tamén este ano vimos como o goberno de Núñez Feijoo recrudecía o acoso contra moitas das institucións que serven ao mandato legal e á obriga moral d e promover o idioma. Continúanse negando os recursos mínimos para contribuír á permanencia das editoras, do teatro, dos equipos de normalización, do sector audiovisual, dos xornais; de toda iniciativa, en suma, que faga da lingua galega un factor estratéxico na recuperación social e económica deste país.
É por iso que ProLingua comparte a alarma da sociedade ante as prácticas dun goberno que se disfraza outra vez de promotor cultural mentres leva a cabo a peor regresión que se recorda non só en materia lingüística, senón tamén e precisamente no ámbito da cultura. Desde a súa posición apartidaria e plural, a plataforma ProLingua fai un novo chamamento a cada unha das persoas premiadas para non abonaren coa súa presenza as agresións contra o dereito a vivir libre e plenamente no idioma galego.”
Agustín Fernández Paz rexeita o Premio Cultura Galega das Letras 2010
O escritor Agustín Fernández Paz, galardoado co Premio Cultura Galega das Letras en recoñecemento á súa traxectoria vencellada á escrita galega, rexeitou, a través dun comunicado a concesión do premio. Nas súas palabras: “Quero expresar a miña gratitude ás persoas do xurado por pensaren en min. Mais debo lembrar que, cando os Premios da Cultura Galega foron convocados eu manifestei o meu desacordo con eles. Sigo a pensar o mesmo. En coherencia, non podo aceptar este premio”, remitíndose ao manifesto publicado por Prolingua o 8 de outubro. A nova recóllese en Xornal, La Voz de Galicia, Cultura Galega, Galicia Hoxe, Galiciaé e A Nosa Terra. Entrevista co autor en Galicia Hoxe o 18 de novembro, e posteriores reflexións de Roberto Varela en Xornal, e de Xosé Manuel Pereiro en El País.
ProLingua anuncia as localidades nas que se presentará o libro das 55 mentiras…
A Plataforma ProLingua anunciou hoxe a listaxe provisional de localidades nas que se presentará o próximo venres 5 de febreiro o libro 55 mentiras sobre a lingua galega. Son máis de sesenta as vilas e cidades de todo o mundo que acollerán o acto, un fito histórico para o sistema literario galego: A Coruña, A Estrada, Allariz, Baiona, Barcelona, Bethelem, Bos Aires, Bruxelas, Cacheiras, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Carballo, Carnota, Celanova, Cerceda, Chantada, Copenhague, Corcaigh/Cork, Cotobade, Cuntis, Ferrol, Gondomar, Guitiriz, Lalín, Lisboa, Londres, Lugo, Madison – Wisconsin, Madrid, Marín, Melide, Moaña, Monforte, Nablús, New York, Nigrán, O Barco, O Grove, Ourense, Padrón, París, Pobra de Trives, Ponferrada, Ponteareas, Pontevedra, Ribadavia, Ribadeo, Ribeira, Salceda de Caselas, San Martiño de Trebello (Val do Ellas), Santiago, Saraievo, Trintxerpe, Tübingen, Tui, Verín, Viana do Bolo, Vigo, Vilafranca do Bierzo, Vilagarcía, Vilalba e Vitoria/Gasteiz. Tedes máis información no blog de ProLingua.
A Plataforma ProLingua presenta a súa primeira publicación en máis de cincuenta localidades de todo o mundo
A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o venres 5 de febreiro a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.
Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.
Nos próximos días a Plataforma ProLingua dará a coñecer no seu blogue máis detalles da multipresentación que deste libro se fará simultaneamente en máis de medio cento de localidades espalladas polo noso país –todas as cidades e principais vilas-, polo Estado español –Ponferrada, Madrid, Barcelona, Vitoria/Gasteiz e Trintxerpe- e no estranxeiro –Tübingen, Buenos Aires, Lisboa, Tel Aviv, Nova York, Bethelem, Nablús, París, Saraievo, Londres, Bruxelas e Copenhague.