Desde Sermos Galiza:
“Publicamos a seguir a intervención da profesora da UDC María do Pilar García Negro durante o acto de apresentación do Protocolo de Donostia, realizado no Kursaal da capital guipuscoana o pasado 17 de decembro.
EGUN ON; ZORIONAK
Autoridades presentes, representantes de todas as entidades adheridas ao Protocolo de Garantía dos Dereitos Lingüísticos, amigas e amigos:
A Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos foi proclamada solemnemente, en Barcelona, hai 20 anos. Fora rubricada polo CIEMEN catalán, o Comité de Traducións e Dereitos Lingüísticos do PEN CLUBE, apoiada pola Axencia Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, 61 ONG de todo o mundo e co suporte da UNESCO. Nese mesmo ano foi aprobada, por unanimidade, no Congreso dos Deputados español e nos Parlamentos Galego, Catalán e Basco. Concebida como un complemento necesario da Declaración Universal de Dereitos Humanos -que acaba de cumprir 68 anos-, numerosas entidades públicas e privadas de todo o mundo e personalidades como Rigoberta Menchú, Nelson Mandela, Noam Chomsky, Pérez Esquivel, Josep Carreras, Judit Mascó ou Peter Gabriel, amosaron a súa adhesión a esta Carta.
Nos seus 52 artigos, a DUDL é o texto máis completo e comprensivo na materia, pois actualiza, na relación de dereitos que contempla, moitas situacións de uso social e público que todas as linguas merecen e que non se discuten para as oficiais dos Estados. Os poderes públicos han de tomar todas as medidas precisas para a aplicación dos dereitos proclamados nesta Declaración. É este principio legal o que dá lugar á elaboración e proclamación do Protocolo que agora estamos a celebrar e que merece todos os parabéns ao Kontselua, por ter a iniciativa de elevar á acción e ao compromiso dos gobernos e de toda a sociedade os principios e as previsións da DUDL. Pasaremos así -como esperamos- da democracia declarativa ou formal á democracia executiva e real. E isto debe ser así porque, noutro caso, lamentaríamos que se nos concedan dereitos con tal de que non os exerzamos, e coido que nengún dos presentes secundaría tal fraude.
O que reclamamos é a quintaesencia dunha política democrática, pacífica e humanista. Somos 50 millóns de persoas, no continente europeo, as que temos unha lingua propria diferente das oficiais dos Estados. Se os nosos idiomas son obrigados a viver nunha sorte de rexime de oracións subordinadas, en virtude do cal só existan para certas funcións, só se practiquen onde nolo permitan e cando non molesten, entón, os principios da democracia, da igualdade de oportunidades, do respeito á pluralidade, á diversidade e á xustiza, veranse seriamente comprometidos ou ben ficarán sen contido.
Escrebía Castelao -o grande artista e político galego do século XX- que a algúns lles resulta atractiva a idea dun idioma universal, único para toda a nosa especie: “… son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo e renegan da vida ascendente, mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animaes. Velaí vai a demostración: un can de Turquía ouvea igoal que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igoal que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por qué? Porque os probes animaes aínda están no idioma universal…”.
Non quero concluír sen expresar publicamente a miña homenaxe particular a un xigante na loita polos dereitos lingüísticos. É AURELI ARGEMÍ: para min foi unha honra, como galega, compartillar con el tantas xornadas, e ao longo de tantos anos, de defensa e visibilización das nosas linguas. A máis fonda aperta para el e o meu agradecemento para todas e todos vostedes.
ESKERRIK ASKO.”