Samuel Solleiro: “Teño, co punk, unha relación de amor-odio. Se cadra foi unha cultura sobrevalorada”

Entrevista de Montse Dopico a Samuel Solleiro en Magazine Cultural Galego:
“Que escritor sería quen de publicar un libro vello que, ao revisalo despois de anos na neveira, lle parece, nalgunha das súas partes, horrendo? E ademais de editalo sen volver a escribilo, como unha polaroid do que foi unha etapa creativa pasada? Non moitos. Pois Samuel Solleiro é un deles. Punk (Corsárias), é un poemario que escribiu hai tempo. Dun xeito que hoxe non o faría nunca. Pero que adianta moitas cousas que despois desenvolveu Gran tiburón branco. Ademais, non hai nada máis punk que publicar un libro no que o autor se cuestiona a si mesmo dese xeito. Falamos con el desta obra, chea de humor.
– Montse Dopico (MD): Punk é, segundo explicas no propio texto, outro libro sobre o paso do tempo. Con algo de parodia sobre os libros sobre o paso do tempo.
– Samuel Solleiro (SaS): É un libro que escribín, na súa maior parte, cando tiña 25 anos. Falaba sobre iso, sobre o paso do tempo, sobre a nostalxia de envellecer, visto desde a perspectiva de cando tes 25 anos. Claro que, enfocado desde hoxe, pode facerse unha lectura paródica. Pero non por iso deixa de ter, creo, algo de verdade. (…)
– MD: Falar do paso do tempo non é máis que volver a un dos grandes clixés da literatura clásica, o do “tempus fugit”. Ao final vas ser un clásico.
– SaS: Non é que queira eu asumir iso de que só existen uns poucos temas universais. Sempre é todo máis complexo. Pero si creo que hai temas que interesaron sempre e que van seguir interesando. E eu quixen tratar o tema do paso do tempo, pero sen o patético. Facelo da forma máis emotiva posible, pero o máis afastada posible do sentimental. Poden parecer o mesmo termo, pero para min non o é. O problema destes temas é cando se solidifican, se converten en só estereotipos, e se pasan ao patético. É como o tema do sexo, que xerou o seu propio léxico e as súas propias expresións, de maneira que é moi difícil saír delas e hoxe en día parece que non funciona xa como tema: en realidade non poden non funcionar temas como eses, pero hai que saber desprenderse dos lugares comúns e non é nada fácil. (…)”