O 3 de novembro, ás 18:00 horas, no local social da Asociación Gastronómica e Cultural Lar de Unta de Betanzos (Rúa de Pescadería, 3), terá lugar a presentación do poemario dixital Pura Vida, de María Pereira (Oslita), adicado a Sila de Luz, a rapaza de Coirós finada hai poucas semanas prematuramente por mor dun cancro e amiga da autora. O acto está organizado por CulturaliaGZ, NPG Nova Poesía Guitirica (grupo do que forma parte María Pereira) e a Vogalía de Cultura do Lar de Unta. O poemario está prologado polo poeta vilalbés Martiño Maseda e editado polo soporte dixital CulturaliaGZ dentro das publicacións literarias Estraperlo Culturalia e poderase descargar gratuitamente en PDF unha semana antes do acto. Con posterioridade poderase descargar tamén no portal Galícia Digital.