Manuel Ferreiro: “A grande liña poética é a patriótica, pois é a idea fundamental que moveu a creación pondaliana e a que organiza todo o libro”

Entrevista a Manuel Ferreiro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): “Pondal compón unha obra complexa, en que a natureza é moito máis do que ornamento”. Que quer dicer con isto?
– Manuel Ferreiro (MF): A natureza non é tanto un obxecto de canto poético como a realidade física e obxectiva da nación, que fala a través dela. É significativo que no texto do Himno, os pinos, respondendo á interrogación inicial (Que din os rumorosos…?), son os que pronuncian o discurso redentor da patria. En Queixumes vemos a terra, as gandras e a costa, as rochas e os monumentos megalíticos, os bosques e os ventos… como os elementos obxectivos e identificadores, telúricos e imprescindíbeis, da patria, onde a “raza escura, galaica”, que vivía nunha servidume oprobiosa, aínda non atendía aos cantos do bardo que clama pola redención da nazón de Breogán.
– ND: Cais son as liñas poéticas dominantes en Queixumes dos pinos?
– MF: Sen dúbida, a grande liña poética é a patriótica (política), pois é a idea fundamental que moveu a creación pondaliana e a que organiza todo o libro. Esta liña ten dúas faces fundamentais, os poemas inscritos no celtismo e os de inspiración helénica. Os primeiros mostran a Galiza do pasado, os celtas/galegos en loita cos romanos/casteláns en defensa da patria. Os segundos achegan o ideal da loita e da épica no combate. Ora ben, podemos ver tamén outras liñas en Queixumes, como un grupo de poemas autobiográficos (onde se esvaen os límites entre Eduardo Pondal, persoa real e o profeta-bardo do pobo galego), igual que achamos composicións en torno á natureza ou, evidentemente, un grupo de poemas por volta do tema amoroso.
– ND: É un lugar común atribuír a Pondal unha visión negativa da muller, falando mesmo da presenza dun autobiografismo misóxino nalgúns dos seus poemas. Considera vostede fundadas estas valoracións, ou, en todo o caso, suficientes para descualificar toda a obra pondaliana?
– MF: Sei que isto é unha cuestión complexa, mais tamén sei que algúns poemas foron malinterpretados e magnificados por algunhas voces críticas. Non podo entender que Pondal sexa xulgado, de xeito anacrónico, por unha obra que mostra, é certo, algúns textos en que se percibe un ton misóxino e/ou sexista; mais isto está presente en toda a literatura (tradicional, masculina, patriarcal) do seu tempo, e aínda de períodos posteriores. Eses poucos poemas non deixan de reflectir unha punxente realidade da época ou, mesmo, son emitidos por voces alleas ao poeta, lonxe de calquera autobiografismo. E, desde logo, contrastan vivamente con outros moitos poemas con figuras femininas presentadas positivamente (en especial as fadas e as guerreiras celtas).”