O Grove: presentación de A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa

O venres 17 de decembro, a partir das 20:00 h., na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rei (Monte da Vila, s/n.), do Grove, preséntase o último Premio Merlín de Literatura Infantil, A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, organizada polo Concello do Grove e por Xerais. No acto participan Quico Cadaval, Manuel Bragado e a propia autora.

Manuel Rivas e Quico Cadaval na Feira Internacional de Literatura de Bos Aires

Manuel Rivas e o actor e director teatral Quico Cadaval serán os grandes representantes galegos na segunda edición do Festival Internacional de Literatura de Bos Aires, que reúne até o próximo domingo na capital arxentina destacados autores chegados de todo o mundo.
Quico Cadaval será o primeiro deles en intervir o sábado coa súa actuación Fantasmas Familiares. Con este espectáculo, Cadaval levará até as rúas de Bos Aires unha peza oral artellada ao redor dos relatos populares sobre fantasmas. O actor e director teatral afonda na épica que procede da tradición tabernaria. O resultado que amosa o actor en Fantasmas familiares é un tecido narrativo onde se dan a man a cultural popular, os contos tradicionais e o singular sentido do humor e da narrativa de Cadaval. Na súa intervención aparecerán personaxes tan diversos como son os mariñeiros vingativos, os raptores de menores, os mecánicos supersticiosos ou os cándidos borrachos.
Pola súa banda, Manuel Rivas participará nunha mesa redonda con outros autores para disertar sobre a importancia da trama no argumento das obras literarias. Baixo o título La trama es lo que cuenta, Rivas amosará o seu punto de vista de como se planifica a arquitectura dunha obra literaria.

Desde o Xornal de Galicia.

Quico Cadaval, Cándido Pazó e Teresa Moure, candidatos aos Premios María Casares

O próximo mércores 25 de marzo entréganse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña os premios María Casares, que outorga a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Na categoría de mellor texto orixinal os candidatos aos premios son Quico Cadaval, por Obra -No Comment, Teresa Moure por Unha primavera para Aldara e Cándido Pazó, por E ti quen vés sendo?. A obra que acumula máis candidaturas é Unha primavera para Aldara, con nove, seguida de Obra con sete.

As dunas xunta por primeira vez a Manuel Lourenzo e Quico Cadaval

Hoxe venres 6 de marzo estréase no Salón Teatro de Santiago de Compostela a obra As dunas, produción do Centro Dramático Galego que supón a primeira colaboración do dramaturgo Manuel Lourenzo co director Quico Cadaval. Compoñen o elenco da obra Paula Buján López, Evaristo Calvo, Paulo Oliveira, Manolo Cortés, Susana Dans, Christian Escuredo, “Mos”, Iria Pinheiro, Rodrigo Roel e Davide Salvado. As dunas poderá verse en Santiago ao longo do mes de marzo e logo iniciará unha xira que a levará por O Barco, A Coruña, Vigo, Tui, Vilagarcía, Ourense, Narón e Ferrol.

Sinopse: Nunha nave industrial en desuso, na Mariña luguesa, son convocados polo construtor Florencio Pardo, a gobernanta Lola, o intendente Serapio, o empregado Calí Caiate e unha tropa estrafalaria de músicos, bailaríns e cantantes para animar a inauguración do free spa “As dunas”, un moderno balneario musical que terá como destinatarios a “amantes de praceres prolongados” e integrará actividades que van dende o relax ao goce musical pasando por “todo tipo de refinados praceres do corpo”. Para rexentar este gran complexo turístico-musical, o empresario contrata unha antiga noiva da xuventude, Lola, muller entrada en carnes, disposta e realista, que ademais lle segue querendo. A moza é moi hábil para controlar a Pardo, para rexentar o local e para se entender cos músicos. Coa chegada destes á nave, asistimos á presentación das súas vidas, das súas esperanzas, frustracións, soños e angustias. Así, sabemos dos amores homosexuais entre Serapio (home xa maduro e descrido) e Milo (mozo depresivo, pusilánime e torturado); das dotes musicais e amatorias do inmigrante Cali Caiate (caboverdiano residente en Burela, ou burelao con orixes caboverdianas); e das relacións de amor e celos entre Cristian, Eva, Melo, Lucinda e Helio, personaxes que se moven entre a esperanza nun futuro incerto e a prosaica realidade.