Delmiro Rocha: “Como promesa a democracia non chegará nunca, ficará sempre por vir”

EntrevistaCuberta+lombo de Montse Dopico a Delmiro Rocha en Praza:
“Afirmar a democracia é afirmar o que virá. Mais iso non ten que levarnos á mera espera pesimista. Porque supón apertura radical cara ao outro, cara á alteridade que vén e que xa comeza a estar. Non é, así, aferrarse á utopía. Senón facer no aquí e no agora o que parecía imposible. Neste sentido móvense as reflexións do ensaísta e profesor Delmiro Rocha no seu libro Quizais. Filosofía ético-política do porvir, (Euseino?). Unha deconstrución da democracia desde o pensamento de Derrida.
– Montse Dopico: Tes publicados outros dous libros sobre Derrida. Quizais xorde como traballo académico. En que contexto? Cal era o seu obxectivo?
– Delmiro Rocha: O contexto académico é o marco obxectivo dos tres libros. Non obstante, diferéncianse en temáticas, distribución, nivel de afondamento e linguas. A estratexia, ou polo menos a intención estratéxica, consiste en ter un pé dentro da institución e outro fóra. Traballar á marxe. Quizais redáctase integramente no contexto dun doutorado para a obtención do Diploma de Estudos Avanzados, polo menos na súa primeira versión, a cal non dista gravemente da publicada.
O obxectivo consistía en investigar o proceso de substantivación do adverbio “quizais” no tramo de pensamento que discorre de Nietzsche a Derrida coa intención de desvelar como determinaba o pensamento ético-político de Derrida. Como adoita acontecer nestes casos, máis que chegar a unha conclusión definitiva abriuse para min unha forma de ler a Derrida que non se detiña nos terreos máis ou menos delimitados do ético-político senón que se estendía á obra enteira do filósofo e as súas inmediacións. Ao final, pasaron xa uns anos, converteuse nun xeito de ler a filosofía, por suposto, pero tamén a literatura, un filme, os medios de comunicación, a mirada, en definitiva, do outro que nos observa e nos fiscaliza. (…)”