Ramón Beltrán: “Os relatos que compoñen o libro amosan como condicionan o tempo e o lugar as nosas vidas”

Entrevista de Rafael de Sáa a Ramón Beltrán en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): En Gustavos, un personaxe con este nome protagoniza ou acompaña os diferentes relatos. Que pretendía empregando este recurso?
– Ramón Beltrán Carballeira (RBC): Gustavo é un arquetipo. Hai moitos ‘Gustavos’, un para cada historia, son diferentes entre si. Cada persoa ten situacións por resolver. Comparten nome, iso é o único en común. As historias son independentes mais teñen o personaxe como nexo, como protagonista ou secundario. Gustavo é un nome que me gusta moito, hai moitos personaxes históricos con ese nome, por iso o elixín.
– ND: Naceu primeiro o personaxe ou as historias?
– RBC: Todo comeza coas historias, escritas en bastantes anos. A min gústame dicir que este libro foi escrito ao longo de 40 anos, a maior parte da miña vida. O primeiro relato do libro quedou redactado cando estaba aínda estudando en Santiago e tiña apenas 20 anos. O último chegou recentemente, hai uns poucos anos. A medida que xuntei estes relatos tiven a idea de reescribilos dun xeito no que quedaban comunicados. (…)
– ND: Que supón para vostede escribir en galego e como afecta a súa escrita após tantos anos escribindo, diante dunha páxina en branco?
– RBC: É moi importante. Teño un compromiso coa miña lingua e o meu país. Como galego, son bilingüe, e podería atopar máis facilidades de publicación e coas editoriais en castelán, achegaríame a máis público. Aínda así escribo en galego pola miña identidade. A lingua debe ser apoiada e coidada, e así poño o meu gran de area. Pode ser que non a salve, mais poño o meu gran de area na medida das miñas posibilidades para que siga forte e viva. Escribir é un pracer é unha dor. É satisfactorio rematar unha historia, mentres que os bloqueos son frustrantes. Compensa, sen dúbidas. Eu son un narrador, polo que me encanta facelo, é practicamente deformación profesional.”

Nuria Vil: “En ‘Desobediensia’ achego unha perspectiva feminista, antirracista e propia da miña terra”

Entrevista de Rafael de Sáa a Nuria Vil en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que historias ou inquietudes percorren Desobediensia?
– Nuria Vil (NV): É a miña visión e re-interpretación da erótica. Eu achego a miña perspectiva feminista, antirracista e marcada polos trazos dialectais da miña parroquia e terra. É unha apropiación da paisaxe. Partín dun fotograma dunha curta de Iria Silvosa, A Pena, que está nestes momentos en distribución. Retrata a paisaxe da Terra Chá. Conxuntos de pedra e conceptos xerais do terreo. Ver esas imaxes e escoitala falar do que atopaba serviume de inspiración para humanizar escenarios. Hai sempre unha grande carga política no que fago.
– ND: A súa obra transita entre a poesía e a ‘performance’. Como é levar a poesía máis alá do papel?
– NV: Eu dialogo comigo mesma a través do lírico. Non o busco, mais sucede. Todos temos unha forma diferente de facelo e no meu caso fágoo entre diferentes artes. Vexo unha imaxe e únoa a un texto, que á súa vez uno a un son ou unha melodía. É algo orgánico. Os poemas xorden de moitos estímulos que conducen a outros. Prefiro recitar antes que escribir e o meu traballo sitúase máis no oral. A miña intención e darme voz a min mesma. (…)”