Arquivos da etiqueta: (Retro)visor
A Coruña: espectáculo (Retro)visor, con Antía Otero e Isaac Garabatos
O sábado 8 de febreiro, ás 20:30 horas, no Espazo de Colisións Artísticas Extramuros (Rúa Monforte, 8) na Coruña, terá lugar o espectáculo (Retro)visor, baseado no texto homónimo de Antía Otero, quen, xunto a Isaac Garabatos, afronta a escenificación dos textos partindo da hibridación, da acción e da atmósfera.
A lírica desde o escenario
Desde Cultura Galega:
“Elementos teatrais, música, vídeo. Xa non se trata de que os poetas incorporen as novas tecnoloxías para apoiar o texto. Nos últimos tempos están a se desenvolver en Galicia diferentes iniciativas que traballan a poesía como unha posta en escena na que diferentes disciplinas se integran nun espectáculo complexo. Propostas como (Retro)visor e DandyLady están a incorporar á axenda cultural do país este xeito de entender a lírica coas súas xiras. (…)
Para Antía Otero “fóra de aquí hai xa tempo que se traballa noutros formatos, é lago que se ve nos festivais de poesía. Pero penso que en Galicia non estamos nada lonxe”. Segundo asegura, “somos bastante xente que traballamos para que a poesía non sexa entendida unicamente como o papel, que non debe desaparecer, pero está por explorar as posibilidades de hibridar a poesía coas artes escénicas, a danza ou o audiovisual para un público cada vez máis ávido de cousas novas”. Coincide con ela Pinheiro, quen apunta que “aos poucos está a se asentar a poesía escénica e os videopoemas. Hai aínda pouca cousa, pero tanto a nivel galego como ibérico e europeo está a ser unha nova onda de xente que busca xeitos de contar a poesía desde unha perspectiva moi cotián”.
A estas súmanse aínda propostas que integran elementos escénicos ou musicais como Poetas da Hostia, dentro que aparenta ser un rexurdir da poesía ao vivo. Deste xeito, Branca Novoneyra sinala que “hai poetas actrices, bailarinas e cantantes, tamén hai actrices e moitos músicos amantes da poesía. Parece que a poesía expandiuse fóra do papel. Nun intre onde a edición do xénero en Galicia é marxinal, os poetas publican pouco pero len e actúan en público. A poesía oral volve, as lecturas e as escenas poéticas libéranse dos espazos institucionais”. Segundo Otero “a poesía nunca estivo agochada. Si é certo que agora ao mellor aparece un grupo de xente que toma o recital doutro xeito, ven que hai aí unha opción marabillosa de comunicar co público e entón si pode haber certo movemento, aínda que penso que nunca o deixou de haber”.”
A Coruña: performance (Retro)visor, con Antía Otero e Isaac Garabatos
O xoves 22 de novembro, ás 20:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, Antía Otero e Isaac Garabatos, partindo do libro (Retro)visor, publicado pola propia Antía Otero en 2010, afrontan a escenificación dos textos partindo da hibridación da escrita cunha atmosfera sonora onde conflúen o vídeo, o Live Cinema, a instalación artística e o poema obxectual. Unha proposta metaliteraria onde o xogo temporal se desdebuxa, creando unha voz monologada que se separa da propia autoría, para facerse acción e diálogo co público. Trátase dun espectáculo creado en residencia artística en Normal. A entrada é libre até completar aforamento.
(Retro)visor, máis que poesía con Antía Otero
“Acompañada de Isaac Garabatos, a poeta e actriz Antía Otero afronta na sala Normal da Coruña a escenificación dos seus textos de 2010, cunha atmosfera sonora onde conflúen o vídeo, a instalación artística e o poema obxectual.” No programa Zig zag, da Televisión de Galicia.
A Estrada: presentación de (Retro)visor, de Antía Otero
O martes 22 de xuño, ás 20:00 horas preséntase (Retro)visor, o novo poemario de Antía Otero, no Centro Social Setestrelo, sede da Asociación Cultural Kenkeirades, na Estrada. No acto participará a propia autora acompañada por Fran Alonso.
Compostela: presentación de (Retro)visor, de Antía Otero
A presentación do último poemario de Antía Otero, (RETRO)VISOR (Xerais), será dentro da Feira do Libro na Alameda de Compostela o día 5 ás 19:00. Partiparán Fran Alonso e Estevo Creus.