Participa no especial A cultura como alimento contra a crise, da Revista Atenea

O Ateneo Ferrolán volve a poñer á vosa disposición a Revista Atenea para que enviedes un traballo en idioma galego baixo a temática: A cultura como alimento contra a crise. Proxectos para accións, unha canle de expresión para todas as artes: poesía, narrativa, pintura, fotografía, debuxos, poesía visual, gravados…… e, de quedar seleccionado, publicarémolo na Atenea nº 44 de abril-maio-xuño 2012.
De estar interesado/a, ponte en contacto con nós ou envíanos por correo electrónico o teu traballo facendo constar o teu nome, enderezo e contacto antes do 23 de marzo de 2012 (ao correo secretaria@ateneoferrolan.org ou no teléfono 981357970).

Publicado o número 43 da revista Atenea

“A publicación do Ateneo de Ferrol, a revista Atenea, ten xa dispoñible na rede o seu número 43, dedicado nesta ocasión aos relatos de Nadal. En concreto, a revista publica textos de 18 autores que responderon á súa convocatoria Un conto de Nadal para unha nenez atea, con nomes como Alberte Momán, Irene Quinteiro, Rocío Ledesma ou Moncho Iglesias. O adianto da programación para o comezo deste 2012 e unha revisión de libros das novidades incorporadas á biblioteca do Ateneo completan esta entrega.” Vía Cultura Galega.

Revista Atenea, nº 42: Especial Poesía Visual

“A Revista Atenea, publicada polo Ateneo Ferrolán procura ofrecer, en cada número, unha miscelánea de colaboracións rigorosas e atentas aos temas do noso tempo, para elo conta coa colaboración de autores e autoras de Galicia e do resto da península, cunha especial atención a todo o concernente á cultura en galego, que sempre estivo presente na tribuna do Ateneo onde, por riba de todo, se divulgan todas as inquietudes intelectuais do noso país e danse a coñecer as primicias de novas correntes artísticas e literarias. Neste nº 42 da revista trimestral Atenea abordamos a poesía visual, unha forma experimental na que a imaxe, o elemento plástico, en todas as súas facetas, técnicas e soportes, predomina sobre o resto dos compoñentes. Esta forma de poesía no verbal, constitúe un xénero propio, e no campo da experimentación, os seus creadores móvense na fronteira entre os xéneros e as artes, como a pintura, acción poética, o teatro, a música e a mesma lírica discursiva, dando lugar a diversas formas de poética”. Neste novo número colaboran Agustín Calvo Galán, Alfonso Rodríguez, Ana González Moro, Ángels Jornet Sagués, Artemio Lándoas, Baldo Ramos , Bartolomé Ferrando, Corporación Semiótica, Cristina Ferreiro, Jesús García Eiroá, Jorge Chamorro, José Francisco Varela Rial, Eliso, Marisol Gándara, Miguel Ángel Alonso Diz, Paulo Pardo Carrera, Rosanegra e Sergi Quiñonero.

Concurso de relatos curtos da revista Ateneo Ferrolán

O Ateneo Ferrolán pon a disposición do público a Revista Atenea para enviar un relato curto en galego (máximo 1 folio sen formatar coa temática UN ATÍPICO NADAL) que, de ser seleccionado, será publicado en xaneiro, nun número extraordinario de relatos curtos. Os interesados pódense pór en contacto coa revista (Rúa Magdalena 202-204, 1º. CP 15402 – Ferrol (A Coruña), tlf. 981 357 970, fax 981 354 098) ou enviar por correo electrónico (secretaria@ateneoferrolan.org) o relato facendo constar o nome, enderezo e contacto antes do 10 de decembro de 2010. A publicación da revista é trimestral dende 1999 e ten unha tirada de 1.000 exemplares distribuíndose de forma gratuíta a Centros de Ensino, Culturais, Bibliotecas e Centros de especial interese de Galiza e resto da península. Máis información aquí.