A Revista Galega de Teatro anova o equipo, o deseño e o seu nome

Desde1479122190-737x415_299d0e63-rgt-nova a Asociación de Actores e Actrices de Galicia:
“A Revista Galega de Teatro saca á súa rúa o seu número 87 e faino estreando deseño, nome e equipo. O acto de presentación do novo número terá lugar o xoves 17 de novembro ás 20:30 horas na Sala Ártika de Vigo (Avenida da Beiramar, 113).
O evento contará coa intervención do novo equipo de dirección, formado por Vanesa Sotelo (Directora), Manuel Xestoso (Subdirector) e Roberto Pascual (Secretario), xunto coa presenza de Antón Lamapereira, Presidente do Consello Editorial da publicación, e do Deputado Provincial de Cultura, Xosé Leal. A creadora María Roja completa o programa da presentación coa intervención Facerse a morta no medio do corredor. Ao finalizar, servirase un viño para brindar pola ocasión acompañado por unha actuación musical sorpresa.
A Revista Galega de Teatro estrea equipo, deseño e nome sen renunciar á esencia dun proxecto que naceu hai máis de trinta anos. Así, a RGT transformada en erregueté mantén as súas seccións habituais recuperando a sección de Banda Deseñada con “A Pataca Quente de Rubina Kenéve” e incorporando un novo espazo de creación baixo o nome de “Ruxerruxe”. Dedicado á Dramaturxia Galega, entre os contidos destacados deste número 87 atópanse a entrevista co director teatral Oskaras Korsunovas e a edición en galego de A obediencia da muller do pastor, de Sergio Martínez Vila, gañador do XL Premi Born de Teatre.
A RGT é unha publicación trimestral dedicada á difusión das artes escénicas e está editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas.”