Coñécense as/os gañadoras/es dos Premios AELG 2012

Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2012, que premian as mellores obras editadas en 2011, e que se veñen de fallar na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:

NarrativaLaura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.

EnsaioVivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.

Poesía: Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.

Teatro: Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011: Bieito Iglesias.

Literatura Infanto-Xuvenil: Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.

Tradución: Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.

Mellor Blog Literario: As crebas, Miro Villar.

Rematado o fallo dos Premios AELG nas diferentes categorías literarias, procedeuse á entrega dos Premios outorgados pola Asemblea Xeral de Socios e Socias da Asociación de Escritoras e Escritores:

  • Acordouse outorgar o premio para INSTITUCIÓNS que se caracterizan polo seu contributo á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais, contribuíndo así á necesaria normalización lingüística. Nesta edición o galardón vai para o labor colectivo desenvolvido  por tantas persoas que dende hai décadas, no ámbito da administración e da educación, contribuíron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quere ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os Equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de normalización dos concellos, colectivos responsábeis do desenvolvemento da lingua galega nos seus ámbitos de actuación. A magnitude do seu traballo e a implicación de tantas persoas boas e xenerosas non permiten o recoñecemento individual merecido para todas elas, polo que se acordou que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz, unha persoa que dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador, precisamente nestes dous ámbitos -o escolar e o administrativo- desde o marco teórico até a práctica didáctica, desde a palabra até a actuación e praxe máis coherente.
  • Finalmente, a Asemblea Xeral de Socios e Socias decidiu outorgar o Premio Internacional da AELG ESCRITOR GALEGO UNIVERSAL, ao escritor JOSÉ LUIS SAMPEDRO. Concédeselle este máximo galardón da AELG a José Luis Sampedro para significar o alto contido ético e estético da súa obra e personalidade, que o converten nun referente na defensa da dignidade humana. Ante a imposibilidade de desprazarse a Galicia por razóns médicas, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, deu lectura a unha carta de Sampedro, na que indicou que “a vida négame o encontro en Galicia co máis feliz motivo”, “un premio de gran significado para min: galego era o meu avó paterno, que faleceu en Betanzos; de Galicia me falaba miña avoa cando neno; únenme recordos persoais con motivo dunha estadía en Ortigueira [na Universidade Popular]. Recordo así mesmo a Asociación Cultural Lóstrego en Madrid e amigos como Xosé Manuel Beiras –dos poucos que comprenderon os meus esforzos pola estructura (económica)-; e máis recentemente úneme a Galicia o meu afecto e admiración por Carlos Taibo e Manolo Rivas”. “Este premio sitúame en compañía de Gamoneda e outras nobres figuras [Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman e Antonio Gamoneda] que poñen de manifesto os criterios selectivos da AELG, en arte e ética, co que se subliña aínda máis esta honra.”

O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Cea das Letras, felicitación e aplauso que fai extensiva a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén aquí o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.

É obrigado anotar o agradecemento a todos aqueles/as socios/as que participaron na escolla das obras gañadoras, ao longo das dúas quendas do proceso de selección, pois coa súa colaboración axudan a medrar o prestixio, a solidez e a divulgación do esforzo creativo en lingua galega, obxectivo prioritario para a AELG.

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL

EN DEFENSA DO TRABALLO XUSTO E ILUSIONANTE DOS SNL

“No comunicado feito público pola Coordinadora de Traballadores pola Normalización Lingüistica [pódese descargar no título deste texto] declárase que o traballo dos SNL procura «avanzar no consensuado proceso de normalización da lingua galega» e que estes desenvolven un labor «necesario, xusto e ilusionante de fomento do galego no nivel de contacto máis directo coa cidadanía». Así, indícase, os SNL «contribúen a difundir do xeito máis próximo entre a poboación, por exemplo, as creacións culturais galegas, desenvolven accións de dinamización da lingua, achéganlle á poboación máis nova alternativas de lecer en galego, difunden e xestionan cursos de formación en lingua galega, velan pola calidade lingüística e comunicativa das institucións, velan pola garantía dos dereitos lingüísticos, etc.».
Sinálase que «aínda que a situación dos SNL é moi precaria, chegar a ela significou un proceso de anos que non podemos botar por terra», e denúnciase a suspensión das axudas para a normalización lingüística desde os concellos por parte da Xunta en 2011 ou a drástica redución das axudas por parte da Deputación da Coruña, o que pon en perigo moitos dos SNL existentes, dos que ao remate de 2011 xa pecharon 16 por estes motivos.
Desde xeito, no comunicado demándase da Xunta que asuma a súa competencia de «impulsar e coordinar os SNL e de colaborar co fomento do uso do galego nos concellos, para o que debe dedicar os suficientes recursos económicos e materiais de xeito estábel». Para iso, proponse que «se cree unha estrutura real e coordinada de SNL que abranga o conxunto do país». Proponse tamén que, tanto concellos como Xunta, dediquen o 0,3% do seu orzamento xeral ao fomento da lingua, investindo eses recursos en «accións de fomento do galego e en servizos técnicos para planificar e xestionar o proceso de normalización lingüística». Neste momento son moi poucos os concellos que chegan a esa porcentaxe, e a Xunta de Galicia nin sequera chega ao 0,1% (dedícalle en 2012 o 0,09% do seu orzamento xeral á política lingüística, mentres en 2005 lle dedicaba máis do dobre, o 0,23%).

Apoian o comunicado:
Real Academia Galega (RAG).
Instituto da Lingua Galega (ILG).
Deputación de Lugo.
Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña (UdC).
Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo.
Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Associaçom Galega da Língua (Agal).
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
A Mesa pola Normalización Lingüística.
-Concellos de Betanzos, Carballo, Carral, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Culleredo, Narón, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Salceda de Caselas, Teo, Vimianzo…”

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou a súa Asemblea Xeral de 2012

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou o pasado sábado día 4 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as.

A Asemblea aprobou dedicar a Homenaxe Os Bos e Xenerosos a Francisco Carballo, historiador e mestre de historiadores, promotor de empresas editoras en galego, quen ao longo de máis de corenta anos participou coa súa escrita e co seu activismo en dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia, o que o converte nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto; Francisco Carballo súmase así á lista dos Bos e Xenerosos da AELG. Esta homenaxe terá lugar o vindeiro 3 de marzo no Museo do Pobo Galego.
Decidiuse entregar o Premio AELG para institucións aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e mais aos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos, galardón que se entregará na Cea das Letras que terá lugar o 5 de maio.
A distinción Escritor Galego Universal será para José Luis Sampedro.
Tamén se aprobou que o vindeiro Escritor na súa Terra sexa Xavier Rodríguez Baixeras, a quen se homenaxeará no mes de xuño en Ribadeo.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega tamén acordou realizar unha recollida de sinaturas para reivindicar o nome de Curros Enríquez para a futura estación de ferrocarril de Ourense.

A Asemblea manifestou o seu apoio ás pequenas e medianas editoriais galegas, que se atopan nun momento no que a distribución dos seus libros en galego encontra serias dificultades.
Aproveita para felicitar a editorial Espiral Maior pola celebración do 20 aniversario da súa fundación e á editorial Xerais por alcanzar a venda de 10 millóns de exemplares.

E a seguir o avance da programación para o primeiro semestre de 2012 que se presentou á Asemblea e na que a AELG está traballando, programación que se pode consultar en detalle na web da Asociación:
1. Día de Rosalía. Lectura dun manifesto e textos literarios nas principais cidades (24 de febreiro).
2. Obradoiro da Escola de Escritores/as no Concello de Oleiros.
3. Os Bos e Xenerosos.
4. Premios AELG 2012.
5. V Encontros Cidade da Coruña.
6. Letra E. O Escritor na súa Terra.
7. Continuación das sesións de gravacións a Socios/as.
8. Continuación da dixitalización de documentación de Socios/as.
9. Mantemento das entradas dos Socios/as na Wikipedia.