Entrevista a Casilda Alfaro e Adrián Ríos en Erregueté:
“Casilda Alfaro e Adrián Ríos presentaron no Salasón de Cangas, Silda & Hadrián, unha micropeza escrita por Manuel Lourenzo e dirixida por Salvador del Río e na que conflúen dúas xeracións e dúas formas de ver o mundo e o teatro. Conversamos cos dous intépretes do Morrazo para coñecer un pouco máis sobre este proxecto que convida a reflexionar sobre o oficio actoral. |Vanesa M. Sotelo|
– Erregueté: Que é e como nace Silda & Hadrián?
– Adrián (A).- Nace con Manuel Lourenzo durante o Festival Internacional de Outono de Carballo ao descubrir que Silda e mais eu nos coñeciamos desde había tempo. A el fíxolle ilusión atopar a dúas xeracións dispares no tempo que estaban conectadas a través do teatro e aos poucos días recibín no meu correo un texto como homenaxe a esa descuberta. Manolo escribiu unha pequena parodia para os dous como un agasallo. Tanto a Silda como a min dábanos mágoa que ese detalle quedase na bandexa de entrada do correo e atopamos na Mostra de Cangas o espazo ideal para darlle forma. Sabemos que é unha parodia e que é unha peza moi breve pero que agocha certa complexidade. Nela está o encontro entre dúas xeracións, entre dúas formas de ver o teatro: o dunha actriz que leva moitos anos máis traballando nisto e un actor que comezou nunha etapa diferente e con outros referentes. O que se reflicte no texto é ese encontro desde o amor, desde o cariño, desde o coñecemento e desde a amizade.
– Casilda.- Silda & Hadrián ofrece dúas formas distintas de ver o teatro, de ver o mundo, de ver a vida e de ver o amor. É unha parodia que reflicte eses dous mundos tan diferentes de dúas persoas que se aprecian, que se coñecen moito, que son da mesma zona: el é un galán e ela é unha muller que o observa desde a fiestra do Tostadeiro (bar), que segue a súa traxectoria, que vai a todas as funcións. Ela é a súa espectadora fiel pero tamén é actriz.
– A:.- É unha relación moi bonita que garda un paralelismo coa realidade. Eu comecei neste mundo grazas a Casilda: foi a miña mestra durante dous anos e axudoume a preparar as probas de acceso para a ESAD. Ela foi a que me deu o empurrón final para meterme no camiño da interpretación e o texto agocha tamén esa idea de querer ver que estamos facendo agora. (…)”