Artigo de Xoán Costa en Sermos Galiza:
“Outeiro de Rei acolleu a segunda edición do concurso de recitado Rosalia Sempre Viva. Centenares de persoas gozaron e reivindicaron cos versos de Manuel María e Rosalía. (…)
Era o segundo ano que se celebraba o concurso. Dividido en catro categorías, para estudantes de infantil, primaria e secundaria, en sesións de mañá e tarde, un a un ou en grupo, mais de 150 participantes trouxeron até Outeiro poemas de Rosalía porque os de Manuel María xa estaban alí. De Manuel, os mais recitados foron os que reivindican un idioma de noso, seguidos dos dedicados a Saleta; de Rosalía, a emigración, a falta de xustiza social, a reivindicación da muller ocuparon os primeiros postos. (…)
Gañaron, na categoría 1 (Infantil, 1º e 2º de Primaria), o CPI de Xanceda (Mesía) cun recitado colectivo do poema O lobo de Manuel María; na categoría 2 (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) Lucía Ónega Santos, do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, co recitado do poema Galiza de Manuel María; na categoría 3 Irea Ferreiro López, do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa co poema Por que? de Rosalía; e na categoría 4 (Bacharelato) María Camilla Beltrán Guzmán, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, co poema Verbas á miña nai de Manuel María.
Ademais, o xurado outorgou catro mencións honoríficas: ao grupo de alumnas/os do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo polo poema O arco da vella de Manuel María, ao CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei polo recitado do poema A lúa de Manuel María, a Carmen Peñalver Dequit, alumna do IES Xoán Montes de Lugo, polo poema Fun o domingo de Rosalía e a Teresa Elvira López Martínez, do IES Aquis Querquenis de Bande, co poema Negra sombra de Rosalía. (…)”
Arquivos da etiqueta: Teresa Elvira López Martínez
Celanova: acto de presentación da edición facsimilar de LF
O xoves 11 de abril, ás 19:00 horas, na Biblioteca do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, preséntase a edición facsimilar de LF, documento de 1939, pertencente ao arquivo familiar de Celso Emilio, do que realizou unha edición limitada a Fundación Celso Emilio Ferreiro en 2012, e que contén as sinaturas de 544 presos do convento de Celanova. O acto, organizado pola Fundación, en colaboración coa Biblioteca do IES e a Coordinadora comarcal ENDL Terra de Celanova – Baixa Limia, ten o seguinte programa:
– Olladas dos homes que ao lonxe espreitan – Xoán Carlos Domínguez Alberte (profesor e escritor).
– A edición de LF. – Luís Ferreiro Loredo (membro da Fundación Celso Emilio Ferreiro).
– Ideas coas que non puideron acabar – Xosé Manuel Cid Fernández (profesor, especialista no maxisterio da Segunda República).
– Poemas musicados de Celso Emilio Ferreiro – voz, Teresa Elvira López Martínez (alumna da ESO do IES Aquis Querquernis – Bande) / piano, Irma Fernández (profesora de música do IES de Celanova).
– Recitado de textos de Celso Emilio Ferreiro – alumnado do IES de Celanova.
– Presentación do logotipo do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, elaborado polo poeta e pintor celanovés Baldo Ramos.
– Letras da Baixa Limia – presentación do audiovisual elaborado por alumnado de Bacharelato do IES Aquis Querquernis (Bande) sobre o patrimonio literario da Baixa Limia.