María Reimóndez participa no festival literario “The Hindu Lit For Life Festival”

DesdeMaría Reimóndez Galicia Hoxe:
“A escritora María Reimóndez participará este venres 15 de xaneiro no ‘The Hindu Lit for Life festival’, o festival literario máis importante do sur da India que reúne os autores máis sinalados do país e que serve tamén de plataforma para que as lectoras interactuar de forma directa cos escritores máis eminentes.
Reimóndez será a única autora galega e unha das poucas estranxeiras, invitadas a participar neste encontro. O venres 15, ás 17,40 horas, formará parte dunha mesa redonda sobre ‘Nocións cambiantes do Estado Nación: visión dende a perspectiva feminista’, na que dialogará coa activista e poeta do Támil Thamizhachi Thangapandian e co tamén poeta crítico indio K Satchidanandan.
Ademais, Reimóndez lerá algún dos seus poemas traducidos ao támil por Thangapandiam, a lingua do sur da India que se fala en Támil Nadu e tamén no noroeste de Sri Lanka. Os poemas traducidos proveñen dos poemarios Moda Galega, Moda galega reloaded e Presente continuo.
A vinculación da escritora galega co sur da India, e en concreto con Támil Nadu, vén de moi atrás e ten que ver co seu traballo no campo da cooperación ao desenvolvemento. A través da ONG Implicadas no Desenvolvemento, que fundou en 1998, Reimóndez traballa dende hai anos neste estado e tamén en Etiopía.”