Arquivos da etiqueta: Tomás Rivera
Contos Estraños aposta na literatura fantástica galega cunha nova colección
Desde Nós Diario:
“Contos Estraños vén de lanzar un micromecenado a través da plataforma Verkami para poder sacar adiante “A miña primeira novela de…”, unha ambiciosa colección de novelas ilustradas de xénero fantástico e de aventuras dirixidas ao público infantil e xuvenil. Conversamos con Alba Rozas, unha das impulsoras deste proxecto que aposta no fantástico da literatura galega.
– Nós Diario (ND): Como nace a colección “A miña primeira novela de…”?
– Alba Rozas (AR): Após unha reunión con Tomás González Ahola, coordinador de Contos Estraños, e Fernando Cimadevila, que é o director da colección a canda min, decidimos dar un salto cualitativo no proxecto e avanzar na procura de novas e novos lectores de fantasía e ciencia ficción. Así xorde “A miña primeira novela de…”. Trátase dunha colección coa que procuramos explotar os clixés de cada xénero. Cada un dos títulos conta con ilustracións de Iago Torres París e compleméntase cunha serie de fichas didácticas e interactivas con información relativa á temática tratada. Pola súa traxectoria literaria, botamos man de autoras da canteira, que lles chamo “xeración Estraña”. As dúas primeiras, que sairán finalizado o micromecenado, son Pegadas de búfalo, de Tomás Rivera, e As probas do mago, de Vanesa Santiago. As dúas seguintes serán A caída de Guiomar, que asino eu, e Visitantes da estrela vermella de Tomás G. Ahola. A de maxia atopará moitas reminiscencias da cultura galega, mais dunha forma reelaborada, pois actualizamos e reformulamos os mitos ao noso gusto. Na miña novela, por exemplo, parto do Dicionario dos seres míticos galegos –Antonio Reigosa é un dos autores que máis sigo-. A idea é moi ambiciosa, queremos que as narrativas vaian acompañadas de unidades didácticas para as crianzas e as mediadoras, que estean moi coidadas. Queremos achegar a nosa propia imaxinación e pór un pouco ao nivel da literatura fantástica europea para crear novas sinerxías e vínculos.
– ND: Que opina sobre a literatura fantástica galega?
– AR: Ademais de escritora de fantasía son investigadora de fantasía. Na Galiza, á marxe destas editoras especializadas en fantasía, como foi Urco na súa primeira etapa, o xénero foi pouco explorado e por iso quizais tamén sexa tan necesaria esta colección. Desde o meu punto de vista, a literatura fantástica foi interpretada como literatura de evasión, mais iso non é certo. Se lemos e profundizamos en Tolkien, por exemplo, non hai evasión, hai crítica, reivindicación, análise social… por enriba da mesa unha serie de valores. Son moi poucas as obras deste xénero na literatura galega e algunhas están subxugadas ao politicamente correcto, porque moitas dependen de premios. Na literatura fantástica hai máis crítica social da que se pensa e o que se pretende facer é trasladar esta imaxe. Na Galiza contamos con narrativas que realmente non chegaron ao público como deberían.
– ND: Como xorde o Verkami?
– AR: O Verkami (no que se pode colaborar aquí) xorde como posibilidade de consolidar unha base de subscritores da colección para poder financialas e mantela en vigor. Somos unha asociación cultural sen ánimo de lucro, feito con traballo voluntario. Mais agora quedamos sen ese feedback, co paro da pandemia. Dada a boa acollida do primeiro día do Verkami, temos esperanza. Contos Estraños é un selo editorial que nace de Urco Editora, da que se desvincula posteriormente. O proxecto ten tres liñas editoriais fixas: a publicación dunha revista periódica, que vai polo número 14, infantil e xuvenil para promover a lectura en galego de xénero fantástico e de aventuras, e outra de fantasía adulta, como poden ser O secuestro de Brigantia, de Xurxo Esquío, ou Manual de medo, noxo, vicio e morte, de Tomás González Aloha. Vivimos nun momento social que explica por que triunfa o fantástico, por que Marvel é un éxito, por exemplo, en pantalla. E é que hoxe por hoxe necesitamos superheroes. Nese sentido o xénero de aventuras e fantasía que ofrecemos achega iso. Necesitamos fantasía, ficción e superheroes, mais non necesariamente só como novelas de evasión. Por exemplo, a novela de Tomás G. Ahola é unha crítica ao sistema político que tende a instaurarse despois das crises e as pandemias, que é o fascismo.”
Concurso de Contos de Fantasía en Galego Seres Máxicos de Galicia e onde atopalos, Curtas Fest 2019
“Tras o exito da experiencia do ano pasado co Concurso de Contos de Fantasía en Galego, Curtas Fest convoca unha nova edición deste certame literario que nesta ocasión levará por título Seres máxicos de Galicia e onde atopalos e estará adicadas ás criaturas que habitaron o noso maxín popular non fai tanto tempo. Así nesta ocasión os protagonistas serán as Mouras, Urcos, Serpes, Cocas, Nubeiros, Ondiñas, Demos, Xacias, Tardos, Meigas e tantas outras criaturas que forman parte esencial do folclore galego.
Os contos deberán ser inéditos, escritos en galego, ambientados en Galicia, valorandose a inclusión da Comarca do Salnés e de Vilagarcía de Arousa, e deberá aparecer algunha dos seres máxicos do noso folclore. Presentaranse en formato .DOC por correo electrónico a contos@curtas.org. A extensión máxima será de 5.000 palabras e a mínima de 2.000 palabras, cun tamaño de letra 12, e sen interliñado especial. O prazo para presentar os contos rematará o 10 de Xuño de 2019.
1. Poderá concursar, de forma totalmente gratuíta, calquera persoa residente en Galicia, coa excepción dos membros do xurado así como dos encargados da xestión dos relatos. Tan só se poderá presentar un conto por autor/a.
2. A participación neste concurso supón a plena aceptación destas bases. O incumprimento de ditas bases conleva a descalificación do mesmo.
3. A listaxe dos contos inscritos publicarase na páxina web do Festival (www.curtas.org).
4. Os 10 contos seleccionados editaranse nun volume recopilatorio, sempre sen ánimo de lucro, e acompañados do nome do autor/a.
5. A presentación do libro terá lugar durante a 47 edición do Curtas Fest que se celebrará en Vilagarcía de Arousa do 25 de outubro ao 3 de novembro de 2019. Os/as autores/as dos contos seleccionados recibirán cinco exemplares do libro.
6. O Xurado estará composto por Maite Mosconi, Tomás Rivera e Ramiro Torres.
7. Os/As gañadores/as daranse a coñecer o día 24 de xuño na web do Festival, así como a través das redes sociais da mesma. Informarase ás/aos participantes a través do enderezo electrónico facilitado na inscrición.
8. O prazo de entrega de contos finalizará o día 10 de Xuño de 2019.
9. Os contos enviaranse ao enderezo-e contos@curtas.org.
10. Os contos que non cumpran as condicións indicadas serán excluídos do concurso.”