Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“Coa presenza de membros da familia do mestre Victoriano Taibo, autoridades da Entidade Local de Morgadáns e o Concello de Gondomar tivo lugar o pasado sábado a entrega ao escritor Ramón Sandoval dos galardóns correspondentes á VI edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns, pola súa obra Territorio Estraños. A gala cultural que deu marco ao acto contou cunha gran asistencia que encheu o local da Escola de Guillufe, onde Taibo desenvolveu boa parte do seu maxisterio na parroquia. (…)
Visiblemente emocionado, o galardoado co VI Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns, Ramón Sandoval, agradeceu ao xurado e ao IEM polo veredicto. Antes de proceder á lectura dalgúns dos textos de Territorios Estraños, manifestou a súa certeza do valor das obras dos outros finalistas do certame, aos que dedicou o premio. De mans de Urbano Esmerode, recibiu a escultura de Fino Lorenzo que dende os inicios do certame premia aos gañadores, o libro Territorios Estraños publicado polo IEM, máis o premio en metálico. (…)”
Arquivos da etiqueta: Urbano Esmerode
Entrega do V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns
O sábado 17 de novembro, ás 19:30 horas, na Escola de Guillufe (Gondomar), terá lugar o acto de entrega do V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns á gañadora desta edición Conchita Álvarez Lebredo, consistente en 3000 € en efectivo, unha escultura creada para este certame polo artista Fino Lorenzo e a publicación do libro, Distancias e Simetrías, que se presentará neste acto. A escritora e xornalista Araceli Gonda será a encargada de dirixir a velada.
A banda de gaitas Balcón do Miñor abrirá o evento ao son da música tradicional. Posteriormente o público poderá gozar coa estrea de Os polos de Rianxo, unha dramatización do conto de Victoriano Taibo, a cargo de Bertorella, un novo grupo de afeccionados ás táboas que farán o seu debut nesta cerimonia. A continuación Marta Dacosta fará un breve panexírico do persoeiro que dá nome ao premio e lerá a acta do xurado como preámbulo da entrega dos premios do certame a Álvarez Lebredo. Momento no que Urbano Esmerode, presidente da ELM, dirixirá unha palabras á gañadora e asistentes. Soño de Calíope, o afamado proxecto musical creado polo mestre e artista natural de Morgadáns, José P. Pérez, que promove novos valores da canción galega, pechará a gala cultural. Finalmente Carlos Méixome director do Instituto de Estudos porá broche oficial á V edición dos premios. Un albaroque animado polas gaitas do Balcón do Miñor permitirá aos asistentes, entre viños e petiscos dialogar con Conchita Álvarez Lebredo e os artistas convidados. Como é tradicional nas cerimonias de entrega do Premio de Poesía Victoriano Taibo, a entrada é de balde.
Morgadáns: acto de entrega do Premio Victoriano Taibo e presentación do libro gañador, Holocausto Zocae, de Calros Solla
O sábado 12 de novembro, ás 19:00 horas, na Escla de Guillufe en Morgadáns, terá lugar o acto de entrega do IV Premio de poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns, que este ano gañou Calros Solla co seu poemario Holocausto Zacoe. No acto, conducido por Marta Dacosta, presentarase o libro premiado, e contará coa presenza de Miguel Anxo Mouriño, quen lembrará a figura de Victoriano Taibo, Gonzalo Navaza, Fernando Guitián, Urbano Esmerode, Carlos Méixome e o autor premiado, quen recitará fragmentos da obra gañadora, xunto á actuación musical do grupo de gaitas Balcón do Miño.