Lorena Conde gaña o III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

“Reunido por vía telemática o 9 de setembro de 2020 o xurado do III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, composto por Luz Gallego, en representación do Concello de Pontevedra, Antonio Manuel Fraga, en representación da familia de María Victoria Moreno, Andrea Jamardo Seijo en representación de Cuarto de Inverno e David Cortizo Conde, de Cuarto de Inverno, que actuou como secretario, considerou como gañadora por maioría dos votos a obra que se presentou baixo o lema «Timbané» que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Lorena Conde Martínez e con título definitivo #VelloucaseMinchas.
O xurado valorou da obra gañadora a autenticidade na caracterización das personaxes protagonistas, tres anciás e dúas adolescentes, e a evolución das mesmas dotándoas dunha gran humanidade, tenrura e sensibilidade. Tamén destacan o ben fiada que está a trama, os aspectos que toca relativos a temas como a inclusividade ou a especulación inmobiliaria e mesmo o humor que está presente en todo o texto. Ademais, o xurado quere deixar constancia de que esta obra é fiel aos valores que sempre defendeu co seu exemplo a escritora que da nome ao premio: María Victoria Moreno.
Asemade o xurado decidiu, pola súa calidade literaria, recomendar a publicación da obra presentada baixo lema «Vega»
A persoa autora desta obra pode poñerse en contacto coa editora a través do correo electrónico info@cuartodeinverno.com

En Pontevedra a 9 de setembro de 2020″