Entrevista ao profesor Armando Requeixo no Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires

EntrevistaArmando Requeixo a Armando Requeixo en Verbas do aquén, do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires:
“- Verbas do aquén (VA): Cales foron as razóns que o levaron a mergullarse na obra de Xosé María Díaz Castro?
– Armando Requeixo (AR): Fixen unha primeira lectura cando tiña 15 ou 16 anos e pensei que sería moi bonito –eu que xa tiña máis ou menos claro que me ía dedicar á literatura e a estudar a obra de autores e a comprendela mellor– dedicarlle un estudo amplo e a fondo a aquela poesía que me parecía tan extraordinaria. E de aí naceu a necesidade de seguir investigando a súa obra ata que despois, pasados moitos anos, acabei facendo un libro sobre a súa obra. (…)
– VA: Sabemos que é a súa primeira vez en Bos Aires e polo tanto a primeira vez que vén á feira do libro da Arxentina. Que sente ao representar a Galicia nunha feira internacional tan importante coma esta?
– AR: Pois direivos que vou tremendamente abraiado con todo o que puiden vivir nesta visita. Dende as xentes ata o pulso da cidade, o calor humano que se respira entre todas as persoas, a emoción da paisaxe, o sentimento pola vosa cultura… É fantástico comprobar como sodes capaces de emocionarvos, de vibrar, de crear espazos para o encontro das persoas a través da arte, da música, da pintura, da escultura e tamén, neste caso moi especialmente, da literatura. Un bo exemplo é a vosa magnífica Feria del Libro que é ademais con todo honor, probablemente –xunto a Guadalajara–, a mellor feira do libro de toda hispanoamérica e, por suposto, unha das mellores feiras do libro do mundo. Entón, falar nun sitio tan especial como é Bos Aires para todos os galegos e galegas de literatura galega, nun contexto como é a feira do libro é un luxo; é un orgullo que eu sinto moi fondo pero que sentiría calquera galego ou galega que tivese esa honra. Polo tanto eu non podo máis que estar agradecido por tanto cariño que me destes persoalmente, que nos destes á delegación galega que aquí viñemos para compartir convosco estes días fantásticos. (…)”