Vigo: exposición O obxecto poético e a edición, no Verbum

Do xoves 17 de febreiro ao domingo 1 de maio, no Verbum-Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, e en horario de 10:00 a 19:00 h., pódese visitar a exposición O obxecto poético e a edición. Dúas achegas dende o surrealismo. Colección da Fundación Eugenio Granell, unha incursión no surrealismo mediante un proxecto expositivo creado ad hoc para o Verbum pola Fundación Eugenio Granell. A exposición está conformada por unha coidada selección de obxectos de artistas clásicos do surrealismo internacional como Eugenio Granell, Ludwig Zelller ou Susana Wald, e de artistas vinculados ao mesmo, da talla de Marcel Duchamp, así como doutros autores e autoras que continúan hoxe en día realizando novas contribucións ao movemento. A mostra achéganos asemade á complexidade e actualidade do movemento a través dunha selección das súas publicacións. A revista surrealista é unha ferramenta fundamental para os creadores plásticos e literarios, tanto como foro válido no que debater ideas éticas e estéticas, como a modo de escaparate e sistema de difusión das súas pezas, e ás veces, tamén como único medio de edición para as súas creacións. A inauguración terá lugar o xoves 17 de febreiro ás 20:00 h.

Vigo: conferencia de Emilio Sdun sobre Experiencias dun editor de arte

O mércores 2 de febreiro, a partir das 19:00 h., no Verbum Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, e con entrada gratuíta ata completar aforo, terá lugar a conferencia de Emilio Sdun sobre Experiencias dun editor de arte, onde contará a súa experiencia como editor de arte desde 1984, coñecendo máis en profundidade o proceso de creación de libros singulares e edicións de luxo.

Vigo: mesa redonda A formación nas artes performativas en Galicia

O xoves 25 de novembro, a partir das 19:00 h., no Verbum Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, terá lugar a mesa redonda A formación nas artes performativas en Galicia, na que participan: Roberto Pascual, xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; Nuria Tobío, xefa de estudos da Escola Audiovisual de Vigo; Mar Caldas, artista plástica e profesora da Facultade de Belas Artes, un representante da Asociación Profesional de Danza Escénica de Galicia; Salvador del Río, actor e profesor da Aula de Teatro do Campus de Vigo e Pontevedra, e Escola Municipal de Teatro de Cangas; e Gema Pérez García, da Central Folque, AFI e o laboratorio de Sons. A partir das 20:30 h. haberá unha nova sesión do Proxecto 6×6 punto de encontro coa palabra imaxe como eixe central da actuación.

Vigo: presentación de A voz da auga, de María do Carme Kruckenberg

O venres 17 setembro, a partir das 20:30 h., preséntase no Verbum (Avenida de Samil, 17) de Vigo o que, pola propia vontade de María do Carme Kruckenberg, será o seu derradeiro poemario, A voz da auga, publicado por Barbantesa, completando unha singradura poética comezada moitos anos atrás. Haberá un recital da autora coa participación de Susana Blanco (violonchelo) e Leonardo Blanco (violín) tocando As catro estacións de Antonio Vivaldi.