Desde Nós Diario:
“O notario Victorino Gutiérrez Aller faleceu o 18 de xullo en Lalín aos 87 anos de idade. (…)
Victorino Gutiérrez Aller naceu en Lalín en 1937, graduouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e ingresou no corpo de notarios en 1969. Así, desenvolveu a súa profesión en localidades como A Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), Arzúa, Celanova, Forcarei (Tabeirós-Terra de Montes), Xinzo de Limia e Lalín, onde permaneceu desde 1983 até a súa xubilación en 2007.
A súa produción como xurista foi moi importante, destacando entre os seus libros Formulario Notarial en lingua galega e Réxime económico familiar e sucesorio na Lei do Dereito Civil da Galiza. Ao tempo, fixo parte da Comisión Redactora da Lei do Dereito Civil da Galiza.
A actividade de Gutiérrez Aller a prol da galeguización da Xustiza foi inxente. Neste sentido, a totalidade dos seus protocolos notariais desde medianos dos anos 80 están elaborados en lingua galega. O seu labor, neste eido mereceu diversos recoñecementos, entre eles o nomeamento como Fillo Predilecto de Lalín, nun acto onde interviron a sociolingüista Pilar García Negro e polo exfiscal superior da Galiza Carlos Varela.
O xurista finado fixo parte desde a súa fundación da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística. Neste sentido, o seu compañeiro na entidade Xosé González Martínez sinalou na súas redes sociais que “foi quen de escribir milleiros de protocolos notariais en lingua galega”, situándoo como parte do “núcleo de xuristas dispostos a introducir a lingua galega nos usos notariais e xudiciais”.
“De tantos notarios que houbo na Galiza foi o único que se involucrou realmente co galego”, afirmou González Martínez a Nós Diario quen recordou que “de oficio facía os protocolos notariais en lingua galega, facendo dunha soa tacada máis de 12.000 cos títulos da concentración parcelaria do Deza”.
O seu sobriño Xosé Ramón Paniagua Gutiérrez indicou a Nós Diario que “foi unha persoa excepcional”. Neste punto, lembrou que “para min foi un segundo pai, queríame como a un fillo e eu a el como un pai, crioume, traballei con el 28 anos e vivín moito con el”.
Paniagua destacou que o seu tío “foi un home de profundas conviccións galeguistas, que militou na UPG durante o franquismo e foi durante toda a súa vida un nacionalista consecuente”.
“Sempre foi nacionalista”, apuntou Paniagua, quen significou as “relacións do meu tío co mundo da cultura galega”. Neste sentido, Gutiérrez Aller participou de diversos proxectos culturais, como a Asociación Cultural do Deza, da que foi un dos impulsores en 1976.”