Xacobe García faise co Premio Platta de Teatro Breve-Portugal

Desde Sermos Galiza:
“O I Premio Platta de Teatro Breve-Portugal foi para o autor Xacobe García, gañador do galardón coa obra A importância de chamar-se António. Este título será publicado na colección Platta (Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador) en tres linguas: galego, castelán e portugués e empregarase nas lecturas dramatizadas tamén nesas tres linguas que terán lugar en Viana do Castelo no vindeiro mes de setembro organizadas pola mesma plataforma.
O xurado formouno Lois Soaxe Piñeiro, Rosa María Estévez Gantes e José Da Silva Paredes, actuando de secretario con voz e sen voto Pedro Pablo Riobó pola revista galega de teatro Erregueté.
Riobó valorou especialmente “a fluidez da trama ben estruturada e a sucesión de accións perfectamente articuladas que conducen inexorábelmente a un final kafkiano, sempre á sombra da comedia absurda”.
O galardoado Xacobe García estudou Administración e Dirección de Empresas na Universidade de Vigo, enfocando a súa carreira profesional cara ao ámbito do comercio internacional. Neste campo puido desenvolver o grande interese que sempre tivo polos idiomas, levándoo a vivir en São Paulo, no Brasil, entre 2005 e 2009. En 2015 incorporouse ao grupo de teatro afeccionado Eu.experimento do Instituto Camões en Vigo, onde tivo o seu primeiro contacto co mundo da dramaturxia.
O Premio Platta de Teatro Breve en tres linguas nace en 2019 co obxectivo de estimular a escrita teatral e promover tanto a súa tradución como a súa difusión nos diferentes territorios que configuran Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador, e que xunta a Federación galega de teatro afeccionado, a Federación de grupos afeccionados de teatro de Castela e León, o Teatro do noroeste – Centro dramático de Viana, e erregueté – Revista Galega de Teatro).
O premio estrutúrase ao longo do ano en tres certames que se corresponden coa lingua do territorio que acolle cada un dos festivais transfronteirizos: I Premio Platta de Teatro Breve de Castela e León, en castelán; o I Premio Platta de Teatro Breve – Galicia, en galego; e o I Prémio Platta de Peças Curtas de Teatro – Portugal, en portugués. Este texto será o terceiro da colección Platta de teatro breve editada pola Revista Galega de Teatro.”