Arquivos da etiqueta: Xan Viaño
Concerto das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero, o 30 de outubro
“O Concerto das Letras Galegas gravarase e retransmitirase en directo desde o Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela o vindeiro venres 30 de outubro ás 19:30 horas, coincidindo coa data de nacemento de Ricardo Carvalho Calero, figura a quen dedicamos este ano o Día das Letras e que veu ao mundo en Ferrol un 30 de outubro de 1910.
Neste ano 2020 o concerto debía chegar a Ferrol, a cidade natal do homenaxeado, e facelo ao Teatro Jofre, tan vencellado á súa biografía real e sentimental. A crise sanitaria, agravada na comarca ferrolá nos derradeiros días de outubro, non o fixo posible. Sen público presencial na sala, o Concerto das Letras Galegas 2020 gravarase e retransmitirase en directo desde o Auditorio de Galicia. Poderá acceder a el desde o sitio web do Consello da Cultura Galega e desde as redes sociais da institución.
O programa de 2020 do Concerto das Letras Galegas, que cumpre este ano a súa décima edición, recollerá a innovación musical do Taller Atlántico Contemporáneo, que fai tamén unha década de existencia. No repertorio ofrecerannos un diálogo entre a música e a literatura galegas con pezas de Fernando Buide del Real, de Xan Viaño -cun aceno á cultura da comarca ferrolá – e de César Morán sobre un poema de Rosalía de Castro. Pecha o programa, como adoito, en estrea absoluta, unha nova peza, encargada a Nani García sobre un poema de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020.
Pode consultar xa toda a información sobre o concerto -repertorio, intérpretes, director, soprano, bailarina, compositores- no especial web do Concerto das Letras Galegas.”