No centenario de Manuel Leiras Pulpeiro

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Con motivo do centenario do pasamento de Manuel Leiras Pulpeiro prepárase un amplo abano de actividades en recordo da figura do poeta da Paula, organizadas principalmente pola Asociación Abrindo Camiño de Amigos do Camiño Norte de Santiago e mais o Excelentísimo Concello de Mondoñedo, axudados inestimablemente pola Deputación Provincial de Lugo.

Entre as iniciativas que tales entidades promoven quero hoxe destacar aquí tres:
— As V Xornadas do Peregrino en Homenaxe a Manuel Leiras Pulpeiro polo Centenario do seu Pasamento.
— O ciclo cultural Que non calen os eidos!.
— E mais a elaboración dun Roteiro Leiras Pulpeiro.

A primeira destas actividades desprega un nutrido feixe de eventos entre os que se contan diversas charlas sobre a vida e obra do autor, alén doutras de carácter lúdico e deportivo que han servir para lembradoiro deste persoeiro da cidade que tanto fixo pola cultura e a sociedade mindonienses. Se premedes na imaxe que figura acompañando estas liñas atoparedes cumprida conta do programa de actos, que se desenvolverán entre o 6 e o 8 deste mesmo xullo.

Os amantes do teatro que queiran regresar ás raíces das representacións verdadeiramente populares poderán gozar da peza As verbas do ramo, que representan alternativamente os grupos O Bordelo (de Cervo), Ardora (San Cibrao), O Batán (Cangas), Raiolas (Alfoz) e mais A Adala (Fazouro) dende o pasado xuño e ata setembro nas diferentes parroquias mindonienses, en locais públicos habilitados para a ocasión onde os nosos paisanos terán a oportunidade de achegarse á literatura dramática que deles naceu e que, deste xeito, regresa a eles, facendo da escrita e da cultura un ben próximo ás xentes, como sempre defendeu —¡e practicou!— o propio Leiras Pulpeiro. Tamén neste caso, se clicades na imaxe que ilustra estas liñas acharedes información precisa no blog do tamén mindoniense Marcos Candia.

Finalmente, a amentada Asociación Abrindo Camiño, axudada pola corporación local e a deputación provincial, elaborou un moi interesante roteiro de lugares emblemáticos da biobibliografía do poeta que coordinou o seu presidente, Luís Fernández Ansedes. Un convite para visitar Mondoñedo cunha ollada diferente, que ten como guieiro os socalcos vitais dun dos nosos máis eximios escritores. Outra volta, se premedes nas imaxes deste e do seguinte parágrafo, poderedes contemplar, ampliado, o exemplar dixital dun dos dez mil dípticos impresos para a ocasión, inmellorable escusa para viaxar e coñecer unha das cidades máis fermosas de toda a Galicia norte.

Cónstanos que están a se preparar máis actividades en memoria de Leiras Pulpeiro dende Mondoñedo. Delas iremos dando oportuna conta segundo vaian materializándose. Mais non quero deixar pasar a ocasión de felicitar a todos os que, dende aquela pequena gran localidade, traballan a prol da cultura de noso, con medios moitas veces precarios, pero cunha ilusión e devoción admirables que encherían de orgullo ao propio Leiras Pulpeiro. Tal esforzo debería verse recompensado coa vosa participación. Se andades por Mondoñedo, polos seus arredores ou simplemente queredes saber o que alí agroma socioliterariamente falando, non deixedes de visitarnos, seredes máis que benvid@s.”