Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2020

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2020 é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura do Concello de Lugo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana AcuñaFélix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros SollaXurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2020 respectivamente a  Batuko Tabanka e a Emilio Españadero.

A Asemblea aprobou as propostas, e a entrega destas distincións terá lugar na V Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo o 23 de outubro.

O acto terá lugar na Sala de Exposicións da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8) a partir das 18:00 horas.

Mestras da Memoria 2020: Batuko Tabanka

Fotografía: Facebook de Tabuko Tabanka
Grupo formado por 12 mulleres nacidas en Cabo Verde, residentes en Galicia, a maioría en Burela (Lugo).
O nome, Batuko Tabanka,  que se pode traducir como “Entroido de tambores”, tómano dun antigo ritmo tradicional de Cabo Verde. A batuka, en orixe, foi música de xente escrava, nacida canda a colonización portuguesa das illas de Cabo Verde no s. XVI. A música e o baile batuka son unha forma de comunicación dos que non podían facelo doutra maneira: batendo o peito, usando trapos mollados ou unha saca de coiro que colocan entre as pernas, como fan agora.
O grupo formouse a finais do s. XX en burela. En 2009 gravaron o seu primeiro disco “Djunta mô” (Xuntamos as mans) editado pola produtora PAI Música, para o que contaron coa colaboración de Uxía, Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Rodrigo Romaní e Fernando Abreu.
Na súa música revive a memoria das súas orixes que recuperaron entre nós, na terra á que se viron forzadas a migrar por necesidades económicas.
O seu proxecto, con máis de vinte anos de vida, serviulles para percorrer Galicia e outras partes da península e incluso varios países de Europa. Protagonizan documentais, participaron en numerosos festivais e programas de televisión. Incluso ofreceron concertos no seu propio país. A súa decisión provocou, ademais de conservar o seu rico folclore, difundilo polo mundo.

Mestre da Memoria 2020: Emilio Españadero Paz

Fotografía: CRTVG
Ex-compoñente do colectivo de música tradicional “O Son Da Terra” e da banda de gaitas “Os Rexumeiros”. Encargado entre os anos 1992 e 2001 do pub “A Cova Folk”. Membro da organización das “Noites Celtas” na Coruña. Membro do xurado en distintas edicións do Certame Runas do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e do Concurso Internacional de Folk “Cuarto Los Valles” en Navelgas (Asturias). Autor durante varios anos da páxina “Feitizo De Sons” no suplemento dominical do xornal Galicia Hoxe. Director e presentador do programa radiofónico “Lume Na Palleira” desde 1992 ata a actualidade.
“Lume Na Palleira” nasceu no mes de setembro do ano 1992, da man de Emilio Españadero Paz, como unha proposta musical alternativa para as ondas radiofónicas, tratando de que a música folk e tradicional, tanto do noso país como de outros (principalmente os de influencia céltica), tivera presencia a traveso de ditas ondas. No ano 1996 “Lume Na Palleira” incorporouse á programación da Radio Galega.

A Coruña: presentación de Fisterras atlánticas/Finisterres atlánticos/Atlantic Finisterres

O 25 de setembro, ás 18:30 horas, no Peirao de Oza, na Coruña, no barco Primero Villar, de Xosé Iglesias, preséntase Fisterras atlánticas / Finisterres atlánticos / Atlantic Finisterres, publicado por Medulia. No acto interveñen Antonio Raúl de Toro Santos e José Miguel Alonso Giráldez, coordinadores do libro, David Clark, Xosé Iglesias, Xurxo Souto, Manuel Rivas, X. H. Rivadulla Corcón e Diana Varela Puñal.

Feira do Libro da Coruña 2020: actividades destacadas do 5 de agosto

O 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Concha Blanco asina Oficios e profesións poemas son, publicado por Embora.
18:00 h. Marta Domínguez asina De Carballo Calero a Carvalho Calero, publicado por Hércules.
19:00 h. José António Lozano asina Obscura Anatólia, publicado por Urutau.
19:00 h. Manuel Monge asina Os restos do franquismo en Galiza, publicado por Laiovento.
20:00 h. Xosé Iglesias asina A relixión do mar, publicado por Caldeirón.
20:00 h. Xurxo Souto asina A gran travesía de Chiruca Macallás, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
20:00 h. Emma Pedreira asina Os corpos invisibles, publicado por Xerais, As fauces feroces, publicado por Baía, e o resto da súa obra.
21:00 h. Beatriz Maceda Abeleira asina Ardora, publicado por Urco.

Polafías Polavida (en portugués), Xurxo Souto

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
En varias polafías da AELG falouse ou cantouse en portugués.
Velaí a Xurxo Souto en Mugueime-Muíños o 1 de outubro de 2016 interpretando a peza “Ó minha Rosinha” mentres a xente bota unha baila.
Aquí podes ver os vídeos desta Polafía.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede, #Aculturasegue e/ou #aculturasegue.

Morreu un Mestre da Memoria, morreu Serafín Mourelle

A AELG lamenta fondamente a perda dun dos seus Mestres da Memoria, nomeado en 2017 desde a Sección de Literatura de Tradición Oral.

MAR DE IRLANDA

Mar de Irlanda, Mar de Irlanda,
mar agarimoso e traidor,
fuches de min o sustento
e tamén depredador.
De ti saquei pan prós fillos
mais todo o que eu non tivera
a cambio en ti eu deixei
toda a miña vida enteira.
Catorce anos eu tiña
cando ata ti me acheguei,
agora xa son sesenta
e nunca máis voltarei.
Canta loita, Mar de Irlanda,
contra ti desenvolvín
para arrincarche ese peixe
que ti non queres ceder.
Agarimoso, as menos veces
ata te deixas querer,
traidor, falso e asasino,
cando bravo queres ser.
Cantos días, cantas noites,
sobre ti eu capeei,
defendendo aquel barquiño
que ti querías comer.
Agarradiño ó temón,
amedrentado me tiñas
mais con café e cigarros
eu sempre a ti che vencía.
Negras e longas noites
de ventos fuxindo endemoñados.
Fúnebre música de Santa Compaña
ó bater con paus, cables, cordas
e todo canto atopaban.
Mares falsos e tolos,
grandes coma montañas
ameazaban tragarnos
nun só momentiño.
Confésoche, Mar de Irlanda,
que no fragor da sonata
máis dunha vez escoitei
a voz do meu pobre irmán
e a de tantos amigos
que levaches, traidor,
ó máis mouro dos abismos.
Parecía que choraban
aínda pedindo auxilio.

Este é un resumo da vida mareira de Serafín Mourelle Bugallo e ao tempo o poema co que remata o seu libro recentemente editado en Caldeirón e dedicado ao querido compañeiro desaparecido Paco Souto titulado Carapelas de sal e iodo, se ben hai que dicir que cando fixo o poema, dedicado ao seu irmán e a outros mariñeiros desaparecidos nese mar, tiña uns poucos anos menos. El mesmo estivo a punto de perder a vida caendo á auga cando tiña 16 anos. Di que chegou ouvir algúns compases da derradeira sonata que escoitan os homes que finan no mar, pero por fortuna os compañeiros deron achegado a embarcación a onde el estaba e puideron salvalo.
Serafín naceu en Corme en 1933. Moi novo embarcou por primeira vez coa categoría de cho, que vén ser axudante de cociña, e chegou a converterse nun patrón de sona no Grande Sole (pronunciado Gran Sol) . Nos anos sesenta foi dos que descubriron os fértiles caladoiros de Porcupine (que traducido ao galego sería Ourizo cacho), un volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Dicía Serafín de si mesmo: “Eu nacín en Corme, crieime na Coruña, casei en Noia, vivín no Gran Sol. De onde son?… Son do mar máis que de sitio ningún”. A pesar de todo, o mar para el tamén era poesía, como ben dixo Xurxo Souto.
Tanta vida no mar leva a converter unha persoa intelixente e inqueda como Serafín en autodidacta e transformala en experimentado astrónomo. Un dos seus máis importantes instrumentos de traballo era un sextante mercado nun porto de Irlanda da marca Hezannith, ilustre marca que fabricaba instrumental para investigación científica e para navegación marítima en Londres no distrito de New Eltham, en Greenwich, dende 1845, case corenta anos antes de que aquilo se convertese en referencia do meridiano cero.
Pero as inquedanzas de Serafín Mourelle non remataron nin na astronomía nin na poesía, xa que ten unha novela inédita titulada Cartas ao meu avó, na que narra a súa aventura na mariña mercante, no banco Canario-Sahariano e nas augas do Grande Sole.
Cómpre dicir ademais de Serafín que a pesar de que a maioría dos patróns chegaban a adoptar a mesma ideoloxía do armador, nunca esqueceu as súas orixes e dende sempre estivo no lado dos traballadores, ata o punto de estar afiliado ao Partido Comunista de España.

Deixounos o 31 de marzo de 2020.

[Adaptación dun texto de Isidro Novo]

Aquí o fondo videográfico coas participacións de Serafín Mourelle no Proxecto Polafías; aquí, os vídeos gravados pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG o 12 de maio de 2017 na Lonxa Vella do Porto da Coruña; e aquí os correspondentes á Gala do Premios Mestras e Mestres da Memoria 2017.