Xosé Luís Méndez Ferrín: “A loita segue merecendo a pena”

Entrevista de María Obelleiro a Xosé Luís Méndez Ferrín en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vaiamos ao momento dos primeiros contactos co nacionalismo en Pontevedra, á chegada a Compostela e ao coñecemento de primeira man do proxecto de Piñeiro. En que se concretaba o seu proxecto político?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Eu recibín un shock, que non me matou nin me confundiu nin nada do estilo. Eu tiven unha formación nacionalista, fundada na lectura do Sempre en Galiza e, sobre todo, nun texto que hoxe non se valora, A doutrina nacionalista de Vilar Ponte. Tiña definido o meu esquema nacionalista cunha dúbida pública: por que toda a xeración de Vilar Ponte non era independentista, arredista, como dicían eles. A miña sorpresa foi que ao chegar a Compostela, onde estudei, vin que a doutrina do grupo galeguista oficial era militantemente anti-nacionalista e formalizada por Ramón Lugrís nuns textos que non chegaron a publicarse máis que fragmentariamente no libro de Franco Grande Os anos escuros. Iso momentaneamente fixo que eu aceptase a disciplina do grupo pero que tivese a miña reserva ideolóxica. Eu era nacionalista, como un grupo de mozos como Xohana Torres, Reimundo Patiño… A Bautista [Álvarez] aínda non o coñecía. Foi un malestar que tiven que sufrir durante dous anos que se compensaban co contacto directo con Otero Pedrayo, que era un consolo.
– SG: Alude a Patiño e a Bautista Álvarez. Existía vontade dentro do grupo Brais Pinto, na súa pluralidade ideolóxica, de articular algo que fose alén da acción cultural? Que hai da axenda oculta das reunións con Soto, Seoane ou Patiño?
– XLMF: E Moreda. Sempre estaba esa idea. En realidade nunca nos consideramos un círculo cultural, eramos un círculo político e desde o primeiro momento en que callou de forma espontánea en 1958 o proxecto era facer un partido. Que partido non sabiamos moi ben aínda, porque o Partido Galeguista tampouco era o noso obxectivo. Aí tivo moita importancia, máis que Seoane –que era moi caótico politicamente–, Luís Soto, que estaba fóra e era independentista. O que nós sentiamos ía tomando forma e ligándonos coa historia. Moreda ligábanos coa legalidade republicana do Consello de Galiza, que o proxecto político de Ramón Piñeiro –e cítoo a el porque era o xefe absoluto, era unha ditadura total– negaba, burlándose do vellos que eran. (…)”

Entrevista a Xulio Ríos

EntrevistaXulio Ríos a Xulio Ríos na Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Quais são os teus referentes (desde todos os pontos de vista)? Deles, quais reivindicarias por serem insuficientemente reconhecidos a dia de hoje?
– Xulio Ríos (XR): Cando procurei a creación do IGADI (1991, facemos agora 25 anos), rebusquei nos nosos antecedentes. Sempre me chamara a atención a figura de Plácido Castro, pero igualmente Lois Tobío, que formou parte do noso Consello Asesor e tivemos a feliz oportunidade de aprender del. Son os nosos “clásicos”, aos que deberiamos sumar outras figuras como Fernando Pérez-Barreiro ou Ramón Lugrís. Ese mundo da universalidade galega é fundamental hoxe para a actualización do nacionalismo, pero este ignórao moito.
Noutro plano, como devoto da poesía, figuras como Cecília Meireles, Eugénio de Andrade, Xosé Luís Franco Grande, José Ángel Valente, Walt Whitman, ou Bei Dao, son autores de cabeceira. (…)
– P: Como vês o estado da cultura e língua galega?
– XR: A precariedade é inmensa. Tanto polo desinterese consciente da administración galega como pola escasa ambición cooperativa que existe no mundo cultural. Hai unha moi rica vida de base pero precisa unha maior organización e altura de miras para saír fóra. Mentres non comprendamos todos que a cultura é un dos catro poderes do país (lexislativo, executivo, xudicial e cultural, diría eu) sempre será algo de segunda orde e non o é. Cómpre repensar tamén a comunicación coas novas xeracións e como infundirlles un amor polo propio que non estea en contradición cunha actitude aberta, cosmopolita mesmo. (…)”

Faleceu Ramón Lugrís

Desde Criticalia, de Armando Requeixo, e artigo en Praza de Xulio Ríos:
“O mércores 2 de decembro fóisenos o intelectual Ramón Lugrís, que nacera no Ferrol en 1932. Tradutor na BBC en Londres e na ONU en Nova York, malia a súa diáspora estivo sempre atento á realidade sociocultural e literaria galegas e mantivo o contacto coas figuras principais do galeguismo do seu tempo.
Reproduzo aquí unha carta inédita que enviou a Ramón Piñeiro o 2 de outubro de 1961. Nela, á parte doutras cuestións relativas a envíos bibliográficos, escribiulle ao de Láncara para transmitirlle a súa moi positiva lectura do poemario Nimbos de Xosé María Díaz Castro, opinión que confirmou días despois ao comentar gabanciosamente o libro para o xornal La Noche (9-11-1961).
Piñeiro fíxolle chegar esta carta a Díaz Castro con outra que el mesmo lle escribiu (8-10-1961). Respondendo á mesma (10-10-1961), o de Guitiriz confesoulle ao de Láncara estar asombrado e moi agradecido “polos termos desmesuradamente eloxosos” que Lugrís dedicara a Nimbos, o mesmo que repetiu a Piñeiro noutra carta días máis tarde (24-10-1961), misivas todas estas que hoxe poden consultarse no Epistolario do guitiricense.
Sirvan estas liñas como recoñecemento ao estudoso de Risco, ao galeguista que axudou a pensar os rumbos do país no faladoiro do Derby compostelán, onde coñeceu a Otero Pedrayo, Del Riego, Piñeiro, García-Sabell, Cabanillas e tantos outros e onde logo foi irmán dos Franco Grande, Rodríguez Mourullo ou Cores Trasmonte, o mesmo que na BBC foi compañeiro de Pérez-Barreiro Nolla e Punset e en Nova York compartiu angueiras con Martínez López ou Guerra da Cal.” Sigue lendo