Contos que saben a Nadal e Reis

Artigo de Romina Bal en Praza:
“A nosa LIX está chea de referencias ao Nadal, a figuras tradicionais como o Apalpador, os Reis ou a un tempo que reservamos á familia, ás amizades, á recuperación dos valores que este tempo representa. Neste artigo queremos facer unha recompilación das lecturas específicas deste tempo. Para levalo a cabo falamos con moitas das nosas editoriais galegas e seleccionamos unha pequena mostra natalicia de recursos de Nadal.
Así pois, sobre a figura galega do Apalpador, un personaxe que cada Nadal está máis presente, podemos atopar en álbum ilustrado O rei da Floresta, de Adela Figueroa Panisse, con ilustracións de Mª Celsa Sánchez Vázquez editado por Edicións do Castro; O tesouro do Apalpador, de Jorge Rodrigues Gomesende con ilustracións de Eva Yusti Campo (autoeditado), Antón e o Apalpador, de Manuel Castro Lima e Mª Mar Ameixeiras Sánchez con ilustracións de Francisco Ameixeiras Sánchez editado por Barafunda Editorial; O conto do Apalpador, de Lúa Sende e Alexandre Miguens con ilustracións de Leandro Lamas e editado por A Fenda Editora e O Apalpador e a castaña máxica, de Xoán G. editado por Biblos Clube de Lectores. E para mozos xa máis grandes en Urco editora a serie xuvenil Apalpador Vs Papa Noel, As aventuras do Apalpador e o tesouro dos mouros, As aventuras do Apalpador e a carballeira dos druídas e As aventuras do Apalpador e as portas do tempo.
No que se refire a Nadal, ese tempo de valores, de tradición e de familia e tamén de sorrisos comprometidos a mesma editora propón Contos estraños volume 4. Nadal Impío, todo un alegato da condición do ser humano para lectores autónomos. En Edicións do Cumio podemos atopar a clásica novela de Charles Dickens, Canción de Nadal, adaptada e ilustrada por Rosa Fuentes e protagonizada polo avarento señor Scrooge e os xa célebres espíritos do Nadal Pasado, do Nadal Presente e do Nadal Futuro. Un cálido relato que nos convida a tomar en consideración as cousas que realmente teñen un gran valor na vida. A mesma obra de Dickens pero ilustrada por Roberto Innocenti e traducida por Carlos Acevedo podémola atopar en Kalandraka para nenas a partir dos dez anos, sen dúbida, desde unha coidada perspectiva. Sigue lendo

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2011

“Tras un mes de votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron foi o mellor do 2011. En total, este ano recibimos 471 enquisas. Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas. E agora os resultados e os nosos parabéns aos premiados…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Poesía completa, de Lois Pereiro (Xerais).
– Mellor libro de Ensaio e Investigación para Amigos e sodomitas, de Carlos Callón (Sotelo Blanco).
– Mellor libro de Literatura dramática para o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, de varios autores (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para O libro negro, de Orhan Pamuk (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Febre, de Héctor Carré (Xerais).
– Mellor libro infantil para O meu gato é un poeta, de Fran Alonso (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Contos por teléfono, de Gianni Rodari e traducido por Carlos Acevedo (Kalandraka).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para Xosé Tomás.
– Mellor portada dun libro para adultos para Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa (Xerais).
– Mellor editorial do 2011 Rinoceronte editora.
– Mellor crítico/a do 2011 para Ramón Nicolás.
– Mellor iniciativa literaria do 2011 para o Culturgal.
– O mellor acontecido no 2011 para o Culturgal.
– O peor acontecido no 2011 son o peche de medios de comunicación.
– Mellor Libraría do 2011 para a libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación do 2011 para o Diario Cultural da CRTVG.
– Mellor blog do 2011 para Brétemas de Manuel Bragado.”

O noso estraño Nadal

“O Nadal xa se celebraba antes do nacemento de Cristo. San Nicolás andaba a repartir agasallos no noso país antes do que os Reis Magos. A orixe da Feira do Capón de Vilalba está no século IX. O solsticio de inverno coincidiu no seu día en Santa Lucía e non era raro que en datas de Nadal se visen máscaras de Entroido. Estas son algunhas das sorprendentes cuestións que amosa Antonio Reigosa en Trece noites, Trece lúas, un libro que quere darlle explicación a que celebramos exactamente nestas datas, e que amosa tradicións de noso que, nesta altura, han resultar estrañas a moitos. (…)” Vía Cultura Galega.

Lugo: presentación de Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa

O luns 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Noemí López, ilustradora do mesmo, e Manuel Bragado. Crónica posterior en El Progreso.