Bieito Iglesias:“Manolo Rivas é máis universal que o conselleiro de Cultura”

Entrevista a Bieito Iglesias en Xornal de Galicia:

Como profesor, que sentir lle produce o decreto do galego no ensino?

Pensabamos que xa non teriamos que volver a loitar por cousas que estaban claras dende os oitenta, pero existe unha vontade nalgúns dos sectores da política española, que ten un eco aquí, e que é reducir as linguas non castelás a unha cousa folclórica, propia das corais da Sección Feminina. Se en Cataluña os pais votan a prol dunha educación en catalán, Rajoy anuncia unha lei que imporá a castelanización pola brava. Pero se en Galicia os pais votan polo castelán, a súa vontade é soberana. Ao final só lles valen os votos que non son do BNG, do PNV ou de Esquerra.

Esa é a sensación que lle transmite a Xunta de Galicia?

Algunha vez teño falado con eles, en actos da Asociación de Escritores ou do PEN Club, e procuro ser correcto, pero do Conselleiro de Educación xa dixen o que opino, e tampouco comparto a idea do de Cultura, que se empeña en dicir que a nosa é unha cultura provincial e ensimismada. Verá, unha vez que estiven en Moscova, nun acto do PEN Internacional, Günter Grass, preguntoume por Manolo Rivas, non por Roberto Varela, así que deduzo que Rivas é máis universal que Varela. Tampouco creo que o conselleiro saiba máis idiomas que Xavier Queipo, nin que fale mellor inglés que Xavier Alcalá, ou domine máis a Goethe ou a Tolkien que Ferrín. O de sempre, que os que escriben en castelán son universais e cultos, e os que non, somos uns pailáns con boina de perillo.

[Ler entrevista completa]

Xosé Luís Méndez Ferrín será elixido hoxe presidente da Real Academia Galega

O xornal Galicia hoxe publica na súa edición do sábado unha entrevista con Xosé Luís Méndez Ferrín, que hoxe será elixido presidente da Real Academia Galega:

P: A RAG conta xa con máis de cen anos. Queda algunha áncora do pasado que haxa que soltar?

R: Non, non. Non queremos soltar amarra ningunha! (ri) Estamos precisamente moi ben amarrados á memoria histórica e aos obxectivos fundacionais da Academia, que pasan pola plenitude da lingua e da cultura galega. O que pasa é que cada época ten as súas necesidades e hai que darlles resposta: no caso da Academia, toca dalas no plano da lingua e no plano da cultura galegas.

P: Pois no plano da lingua xa deu a súa resposta: un suspenso rotundo ás bases do decreto. Cal é a postura persoal de Méndez Ferrín respecto do borrador?

R: A título persoal, eu coincido con todos os puntos da Academia, igual que a totalidade dos académicos. Foi aprobado xa non só por unanimidade, senón por aclamación (subliña esta última palabra).

P: Con que termo definiría ese borrador?

R: Creo que algún académico dixo “trapallada”… (ri) É algo así. É unha cousa que non ten solidez, que ten moitos defectos, non é satisfactorio para ninguén que queira defender o idioma e que queira frear o seu proceso de desaparición e descomposición. Así se viu nos apoios que recibiu a resposta da Academia.

[Ler entrevista completa]

A Consellería de Cultura e Turismo saca a concurso a organización das Feiras do Libro

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura saca por primeira vez a concurso público a organización dos actos das feiras do libro de Galicia 2010 por un importe de 260.000 euros, segundo o publicado no Diario Oficial de Galicia de onte, día 21 de xaneiro. A Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e a Federación de Libreiros de Galicia organizarán dez feiras en diferentes vilas e cidades galegas de abril a agosto do 2010. Nestes eventos o sector editorial ofertará unha ampla variedade das novidades literarias en todo tipo de soportes. [Ler nova completa]

Asemblea xeral ordinaria de socios e socias da AELG

Mañá sábado 23 de xaneiro de 2010, ás 12,00 horas en primeira convocatoria, 12,15 horas en segunda convocatoria, a Asociación de Escritores en Lingua Galega vai celebrar Asemblea Xeral Ordinaria, no Salón de Actos do Museo do Pobo Galego de Compostela, para tratar os seguintes puntos da orde do día:

1. Aprobación da acta anterior
2. Informe económico e de actividades do ano 2009
3. Proposta de actividades para o ano 2010.
4. Rogos e preguntas

Convocados os Premios Xerais de Novela e Merlín de Literatura Infantil

Un ano máis, Xerais convoca os seus Premios Literarios que se fallarán na Festa Xerais o sábado, 12 de xuño de 2010.

XXVIIª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros. Bases: PDF, 34 KB

XXVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil dotado con 10.000 euros. Bases: PDF, 35 KB

Últimos días para presentarse aos premios Fiz Vergara Vilariño e Pura e Dora Vázquez

Lembrámosvos que nas próximas semanas remata o prazo de presentación de orixinais para o X Premio 2009 de Poesía Fiz Vergara Vilariño organizado pola asociación Ergueitos (31 de xaneiro de 2010) e o VII Certame Xornalístico Pura e Dora Vázquez convocado polo Concello de Arteixo (1 de febreiro de 2010).

Comunicado da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, na súa reunión do martes, 12 de xaneiro de 2010, tras coñecer o contido das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, que o Consello da Xunta fixo público o pasado 30 de decembro, decide facer chegar ás autoridades políticas e educativas e á sociedade galega en xeral as seguintes consideracións: [Documento completo en PDF, 58 KB]