Ourense: bota a andar a XXVII edición da Feira do Libro

Comeza a XXVII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), que estará aberta entre o martes 31 de maio e o domingo 5 de xuño, con horario de 11:30 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas. Como actividade máis destacada deste martes 31 destaca o pregón da Feira a cargo de Xosé Neira Vilas, a partir das 19:30 horas.

Vilaboa, Culleredo: presentación de A palabra exacta, de Antón Lopo

O mércores 1 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra (Pazo de Vila Melania – Vilaboa, Culleredo), preséntase o libro A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro, de Antón Lopo, publicado en Galaxia. No acto interveñen Celestino Poza e o propio autor.

Santiago: presentación de Despois da medianoite, de Salma

O mércores 1 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Despois da medianoite, de Salma, publicado en Xerais, traducido por María Reimóndez. No acto participará a autora, a escritora támil Salma, xunto coa tradutora e Manuel Bragado.

Madrid: presentación de Madeira de mulher, de Adela Figueroa

O mércores 1 de xuño, ás 20:30 h., en Entredós (C/ Marqués Vdo. de Pontejos, 4) de Madrid, preséntase a colectánea de relatos Madeira de mulher, de Adela Figueroa Panisse, publicada en Edicións do Castro. No acto, presentado polas representantes da Fundación Entredós e Fermín Bouza, terá lugar a actuación musical do Duo Musicante, guitarra e música brasileira.

Roteiro Fiz Vergara Vilariño, o sábado 11 de xuño

O sábado 11 de xuño terá lugar unha nova edición do Roteiro literario-artístico de Fiz Vergara Vilariño, organizada pola A. C. Ergueitos:
“Xuntarémonos na Casa da Cultura de Sárria ás 12:30 horas e comezaremos a viaxe polo roteiro literario-artístico Fiz Vergara Vilariño. Xantaremos en Paredes de Lóuzara ás 14:30 horas. Seguiremos o roteiro pola Xabreira, visitaremos a casa do Fiz, o muiño e a Fonte da Cova e ás 18:00 horas realizaremos un recital poético-musical na Aira de Tesín. Leremos os versos do Fiz aos tesos e continuaremos camiño até a Fervenza de Augadalte e o Pozo de Beltrán.
Gostaríanos contar coa vosa participación nesta festa da poesía, a natureza e arte na que lembramos as visitas que os amigos lle facíamos ao Fiz.”
A reserva de praza para o xantar pódese realizar nos seguintes números: 678601550 e 677429225, ou ben enviando un correo electrónico a este enderezo: ergueitos@gmail.com.

Aquí pódese descargar o convite en .pdf: XI roteiro fiz vergara lóuzara.

Deixamos tamén á disposición de todas e todos esta ligazón ás fotos do Roteiro feitas neste inverno por Maribel Longueira:

‘Exipto será o gran protagonista do novo traballo de Cesáreo Sánchez’

Cesáreo Sánchez é arquitecto técnico, poeta é presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). E, ademais de todo iso, un gran viaxeiro. O seu pasaporte está cheo de selos de multitude de países e Europa, América ou Asia. Pero, entre todos eles, un marcouno para sempre: Exipto. Das súas estancias na terra dos faraóns nace o seu último traballo, no que aínda se atopa traballando e que levará por título O caderno do Nilo. Será un libro que saia do prelo máis de dous anos despois do seu último poemario, O paraíso das sombras, que recollía vinte anos de traballo, e é que Cesáreo Sánchez é un escritor dos de antes.
“Eu sempre traballo con distintos ritmos, en varios libros a un tempo. Entón, despois de lanzar un poemario no que investín tantos anos e que revisei tantas veces, pensei que chegara o momento de reflectir as miñas viaxes por Exipto”, sinala o presidente da AELG, que se considera unha persoa con “gran paixón” por coñecer outras culturas.
“Despois de viaxar polo Mediterráneo e por Grecia, chegar a Exipto para min significou ir ao lugar onde se superpoñen os temos históricos con maior evidencia, onde toda Europa foi para comprenderse a si mesma e onde parte todo o que ten que ver coas relixións monoteístas, e onde, antes ca min, foron moitos outros escritores. Todo isto superponse en algo moi concreto que é o Nilo, un río que enxendra historia, cultura… Todas estas circunstancias fóronse acrisolando e acabaron no que mellor sabe facer un poeta”, sinala Cesáreo Sánchez.
Por outra banda, considera que o froito deste traballo “non vai ser un libro de poemas á antiga usanza” ou “ao xeito habitual no que eu escribo”. “Volverei a el, pero creo que era moi importante poder poetizar ao meu xeito a historia, os territorios, todo o que é Exipto”, sinala.
Con respecto á estrutura do texto, pese a prudencia que caracteriza a Cesáreo Sánchez –”un pensa e propón, pero ao final o poeta que hai dentro de un é o que dispón”–, este vai seguir a forma da propia viaxe, dos camiños percorridos polo viaxeiro, partindo do que supón para o protagonista “sentirse dentro doutro territorio para retornar ao propio”, e é que para el, “o poeta, se non é capaz de vivir o que está escribindo, non é poesía, é outra cousa”.
Por último, O caderno do Nilo tamén será, segundo o seu autor, “unha reflexión sobre todo aquilo que ten que ver comigo como ser humano, como persoa que pensa o tránsito do tempo, da historia, do froito dunhas viaxes que van dende 1989″, ano no que Cesáreo Sánchez chegou a Exipto por primeira vez.” Vía Xornal.

Justo Beramendi é o novo presidente do Museo do Pobo Galego

O Padroado do Museo do Pobo Galego reuniuse o pasado sábado en asemblea e, entre as decisións que se acordaron, destaca a elección do historiador Justo Beramendi como novo presidente. Deste xeito, Beramendi substitúe o intelectual Isaac Díaz Pardo, que ocupaba este cargo. Ademais, o Consello da Cultura Galega tomou posesión como novo patrón institucional, como tamén os representantes dos socios, María Abelleira Fontán, María Isabel Iglesias Baldonedo, Estefanía Lodeiro Paz, Xaquín Penas Patiño e Eduardo Otero Iglesias, elixidos o pasado 7 de maio. Os cambios na directiva do padroado non afectaron aos vicepresidentes, xa que seguen ocupando ese cargo Luciano García Alén, Fernando Acuña Castroviejo, o conselleiro de Cultura e o alcalde de Santiago. Justo Beramendi ocupaba anteriormente a dirección da xunta reitora. O historiador será substituído por Francisco Fariña Busto, mentres que Lino Lema Bouzas seguirá como tesoureiro, mentres que Clodio González e o Concello de Santiago manteranse nas vogalías. Os responsables electos reafirmáronse na “necesaria fidelidade ao espírito fundacional establecido cando se creou o Padroado, hai agora 35 anos”. Vía Xornal. Recollido tamén en Cultura Galega. Entrevista en Xornal.

Vigo: obradoiro de escrita creativa coordinado por Salma e María Reimóndez

O venres 3 de xuño, entre as 17:00 e as 19:30 horas, no Centro de Documentación e Recursos Feministas da Cidade de Vigo (Rúa Joaquín Yáñez, 6, 2º andar), terá lugar un obradoiro de escrita creativa aberta á cidadanía de Vigo, coordinado por Salma e María Reimóndez, que engadirá aos tradicionais obradoiros literarios o aliciente de poder contar cunha autora que provén doutro sistema literario e que poderá contribuír cunha lingua e imaxes diferentes a ese traballo xa existente na cidade. É necesario inscribirse enviando un mail a  info at implicadas.com antes do martes 31 de maio.