Ramón Lorenzo, premio Trasalba

‘(…) En opinión dos promotores do Premio Trasalba “a figura de Ramón Lorenzo encarna a tradición do estudo e modernización da nosa lingua dende os máis altos niveis da esixencia intelectual, con proxección en universidades e centros de estudo de todo o mundo, así como unha traxectoria ética intachable a prol do noso idioma e da nosa cultura”.’ En Galaxia, A Nosa Terra e Xornal.

Cangas: presentación de Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionísio Pereira

O sábado 21 de maio, ás 20:00 h., na Casa do Pobo (Avenida de Bueu, 14) de Cangas, preséntase o libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionísio Pereira, publicado en Xerais. No acto participan Iago Santos Castroviejo, Manuel Bragado e o propio autor.

Santiago: recital poético de Chus Pato e Xosé María Álvarez Cáccamo

O venres 20 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación e posterior recital dos libros publicados até agora na colección Antoloxía poética sonora, de Edicións do Cumio. Nacer é unha república de árbores é o título da antoloxía de Chus Pato, mentres que De sombras e poemas que son casas dá nome á de Xosé María Álvarez Cáccamo.

Allariz: presentación de O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro

O venres 20 de maio, na Librería Aira das Letras (Rúa Emilia Pardo Bazán, 5) de Allariz, preséntase a novela O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro, publicada en Galaxia. No acto o autor estará acompañado pola dramaturga, actriz e escritora Nati Borrajo.

A Coruña: Unha tarde con Lois Pereiro, conferencia de Mercedes Queixas e actuación de Manu Clavijo

O venres 20 de maio, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10, 1º) da Coruña, terá lugar a conferencia Unha tarde con Lois Pereiro, na que Mercedes Queixas falará sobre a figura do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas e presentará o seu libro Lois Pereiro, a urxencia poética dun futuro alleo, publicado en Laiovento. Despois actuará o cantautor Manu Clavijo, quen ofrecerá parte dos seus traballos sobre Lois.

A Coruña: espectáculo poético-musical O meu gato é un poeta, con Fran Alonso e Xurxo Souto

O venres 20 de maio, ás 18:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños de Monte Alto (Campo de Marte, s/n.) da Coruña, Fran Alonso e Xurxo Souto presentan o espectáculo poético-musical O meu gato é un poeta, dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos e tamén, por suposto, a adultos. Durante a sesión, a poesía converterase en maxia, música e xogo e soará o acordeón. O acto está organizado pola Librería Sisargas e Edicións Xerais.