Emma Pedreira gaña o XIV Certame de Poesía Concello de Carral, con Libro das mentiras

Emma Pedreira, coa súa obra Libro das mentiras resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do 2011. O xurado resalta da obra gañadora a súa orixinalidade, facendo un diálogo e reescritura dos contos tradicionais infantís; a súa expresividade, cunha gran brillantez das figuras literarias e un gran equilibrio entre contido e continente, un ton auténtico e fluído, resultando no seu conxunto un libro unitario de corte novidoso, intelixente e reflexivo. O xurado, formado polos poetas Miro Villar, Xulio López Valcárcel e Olga Patiño, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, María Xosé García Fariña, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez, quixo resaltar tamén a dificultade coa que contou na deliberación, xa que o nivel literario demostrado nas 53 obras presentadas foi moi alto. Desde a Concellería de Cultura maniféstase a satisfacción de ter batido o record de participación na presente edición, o que ven demostrar o prestixio que lle conceden os escritores a este certame. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 27 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2011.

A Coruña: presentación de Transgresión e fraxilidade. Un retrato literario de Lois Pereiro, de Miguel Mato

O martes 10 de maio, ás 20:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Transgresión e fraxilidade. Un retrato literario de Lois Pereiro, de Miguel Mato, publicado en Laiovento. No acto o autor estará acompañado por Xavier Seoane e Roberto Catoira.

Gondomar: Iago Martínez e Alexandre Cancelo falan de Lois Pereiro e da súa obra

O próximo martes 10 de maio, ás 20:00 h. na Aula de Cultura Ponte de Rosas de Gondomar, sede do Instituto de Estudos Miñoranos, o xornalista Iago Martínez, xefe de Cultura de Xornal de Galicia, presentará o seu libro Lois Pereiro. Vida e obra, publicado en Xerais, e o guionista e director Alexandre Cancelo falará do documental Contra a morte. Unha aproximación a Lois Pereiro que escribiu e dirixiu xunto a Iago Martínez.

Vigo: presentación de A memoria e o esquecemento, de Gonzalo Amoedo

O martes 10 de maio, ás 20:00 horas,  na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase o libro A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincia de Pontevedra, de Gonzalo Amoedo López. O acto, organizado pola Asemblea Republicana de Vigo, a Casa do Libro e Edicións Xerais, contará coa participación de Celso López Pazos, Xosé Manuel García Crego e do propio autor.

Santiago: presentación de Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez

O luns 9 de maio, ás h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez, publicado en Sotelo Blanco, obra gañadora do Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2010.

Edición facsimilar, con estudo crítico, da revista Loia, polo Consello da Cultura Galega

Os catro números da revista Loia, que acolleu os primeiros textos de Lois Pereiro, saen á luz agora nunha edición facsimilar da man do Consello da Cultura Galega. A institución segue así a súa tradición de homenaxear con este tipo de publicacións os protagonistas do Día das Letras. A edición inclúe un estudo crítico da revista coordinado por Xosé Manuel Pereiro no que se poden atopar artigos del mesmo, Ramón Villares, Helena González, Antón Patiño e Manuel Rivas. A edición completa está dispoñible na rede para a libre descarga.

Braga: Dia Galaico-Minhoto na Feira do Livro

O sábado 7 de Maio desenvólvese o Dia Galaico-Minhoto na Feira do Livro de Braga, co seguinte programa:
– 15:00 h. Presentación da obra Ayes de mi País, o primeiro e até agora inédito cancioneiro de música popular galega, unha compliación feita por Marcial de Valladares a mediados do século XIX. Editado e presentado por José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartin.
– 16:00 h. Mesa de escritoras e escritores da Galiza, que darán visibilidade á literatura galega na Feira. Coa presenza de Carlos Quiroga, Séchu Sende, Lucía Novas, Andrea Nunes Brións, Raquel Miragaia, Román Raña, Marilar Aleixandre, Mario Regueira e Marta Dacosta, esta última como representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Coa intervención musical da cantora galega Uxía e o músico brasileiro Sérgio Tannus.
– 20:00 h. Encontro de escritoras e escritores da Galiza e do Minho nunha cea ofrecida pola Feira do Livro e que permitirá estabelecer e estreitar relacións aos dous lados da Raia. Neste encontro participarán os profesores Elias Torres Feijóo pola Universidade de Santiago de Compostela e Carlos Cunha pola Universidade do Minho. Estará amenizado por Uxía e Sérgio Tannus.

– Ás 18:30 h., no Salão Nobre do Edifício dos Congregados, terá lugar unha conferencia-concerto de José Luis do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartin sobre a edición crítica do primeiro e até agora inédito cancioneiro de música popular galega, Ayes de mi País, unha compilación feita por Marcial de Valladares no século XIX e da que interpretarán algúns temas.