Moaña: presentación de Domingos de calcetíns brancos, de Manuel Pérez Rúa

O venres 1 de abril, ás 20:00 h., no salón de actos da Casa do Concello de Moaña, preséntase o libro Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de 1950, de Manuel Pérez Rúa, publicado en Galaxia, que obtivera o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio do 2009. O acto está organizado pola propia editora e a Agrupación Cultural Nós. Entrevista posterior en Xornal.

O Grove: presentación de Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionísio Pereira

O venres 1 de abril, ás 20:00 h., na Casa da Cultura Lueiro Rey (Monte da Vila) do Grove, preséntase o libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionísio Pereira, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Concellería de Cultura do Concello do Grove e a editorial, participan Francisco Iglesias, Antón Mascato, Manuel Bragado e o propio autor.

Vigo: conferencia A construción do xénero desde Galiza, de Pilar García Negro

O xoves 31 de marzo, a partir das 20:00 h., na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa) de Vigo, e organizada pola Asociación Cultural O Castro, terá lugar a conferencia de Pilar García Negro A construción de xénero desde Galiza, en conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Lugo: presentación de Madeira de mulher, de Adela Figueroa

O xoves 31 de marzo, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4), preséntase a colectánea de relatos Madeira de mulher, de Adela Figueroa Panisse, publicada en Edicións do Castro. No acto, presentado por Carmen Blanco, haberá música a cargo de Pilocha.

Vigo: presentación de as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó

O xoves 31 de marzo, ás 20:00 h., na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro de poesía as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó, publicado en Edicións Morgante. No acto terá lugar un recital audiovisual realizado por Sara Riobó con pinturas de Nuria Pahino dunha duración aproximada de vinte minutos, no que intervirán, ademais do propio autor, Chelo Pampillón e Manolo Dasilva.

Vigo: presentación de As palabras que move o mar, de Xaime Toxo

O xoves 31 de marzo, ás 20:00 horas, na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (Rúa García Barbón, 1) preséntase o libro de relatos As palabras que move o mar, de Xaime Toxo. O acto contará coa participación de Rafael Ojea, Daniel Bernárdez e Manuel Bragado acompañando ao autor.