Arquivos mensuais: Xuño 2025
Compostela: Xornada “As violencias LGBTIfóbicas: armarios, biopoderes e formas de resistencia”, o 19 de xuño
Compostela: Manuel Miragaia apresenta A Terra do Eo-Navia
Acta do fallo da XXX edición do Certame Literario Manuel Orestes Rodríguez López
Manuel Rei Romeu: “Toda a obra de Castelao é política, no bo sentido da palabra”
Entrevista de Manuel Xestoso a Manuel Rei Romeu en Nós Diario sobre o seu libro Castelao, desta terra e deste tempo:
“(…) – Nós Diario (ND): E esa evolución transforma un mozo que quere abrirse paso no mundo da arte a un home que escribe Sempre en Galiza, unha obra que acaba converténdose na obra fundamental do pensamento sobre o país.
– Manuel Rei Romeu (MR): Hai un camiño e hai unha coherencia. A súa arte é unha arte politicamente comprometida e, ademais, a el serviulle para albiscar as necesidades que tiña o pobo galego. E non vai tardar en convencerse de que Galiza é unha nación que foi desfavorecida por mor do seu sometemento ao Estado español. Nese sentido, resulta fundamental o tema da emigración -que era o gran problema da Galiza da altura- que el converte nun leit-motiv que atravesa toda a súa obra desde o álbum Nós até o Sempre en Galiza. E cando publica este último libro, en 1940, pronuncia ese discurso no que advirte que están enxalzando a súa faceta de artista pero que el, aínda que non fose un político profesional, sentiu a política como a vocación de toda a súa vida. Son unhas palabras claras que definen esa coherencia que ten a súa obra.
– ND: É moi interesante a carta que lle envía a Manuel Antonio despois de que este publicara o manifesto Máis alá!, no que fai gala dun coñecemento amplo do que sucede en Europa. Até que punto inflúe o coñecemento que tivo de primeira man da vida cultural europea no seu pensamento, que sempre mantén unha dimensión humanista e universalista?
– MR: Aí xa está esa idea de que Galiza é “célula de universalidade” que faría célebre a Xeración Nós, Pero el, que é moi autoexixente, cando fai o seu primeiro periplo europeo -Francia, os Países Baixos e Alemaña- el ten claro que hai que asumir o mellor de cada arte do mundo pero que, como lle di a Manuel Antonio, “temos que crear nós a nosa arte nova”, deixando claro que desde a nosa especificidade é como nos transformaremos en universais. E do que máis se aproveita el é do que vén da Europa do Leste e da Unión Soviética, tanto nas artes escénicas como nas artes plásticas. E posteriormente, iso trasládase ao político, convencéndose de que a federación que podemos tomar como modelo, con todas as súas limitacións, é aquela que potencia o papel das nacións e que recoñece o dereito de autodeterminación, como facía a URSS despois da Revolución de Outubro. (…)”
Pontevedra: exposición de ilustracións orixinais de Filla das ondas, con Xosé Cobas e Fina Casalderrey
María Álvarez Landesa: “Hai que saber deixar que a dor nos atravese para renacer e empezar doutro xeito, máis sabias”
Entrevista de Ana G. Liste a María Álvarez Landesa en Praza:
“(…) – Praza (P): Quería que o libro funcionase como un lugar ao que regresar para non esquecer?
– María Álvarez Landesa (MA): Cando algo é moi duro, moi moi duro, é necesario evocar os momentos que non o son. Por iso hai moitas referencias amomentos felices da infancia. Escribín moitas veces pensando na infancia e tendo moi en conta situacións familiares, celebracións… momentos de moito calor. Non escribín un libro terapéutico. Non fixen un libro por terapia. Só sentía a necesidade de contar o que estaba vivindo, case como un tributo á miña nai. De feito, foi algo que lle expresei a ela en vida. Daquela aínda non tiña un libro consistente, non lle podía ensinar nada, pero ela, que xa non podía falar, fixo un xesto indicando que estaba tola. Eu díxenlle que non, que ía ser un bo poemario.
Agora penso que quixen expresar esa especie de burbulla que eu sentía entre nolas dúas. Había moita máis xente presente, estaba meu pai, miña irmá, meus fillos, miñas rías, amigas e amigos… pero quería reproducir esa especie de burbulla que experimentei e esa sensación que despois chega no momento da morte de ser cigoto, é dicir, de ser un todo as dúas –miña nai e mais eu– no proceso da enfermidade. É un proceso que nos cambiou a todas as persoas que estivemos con ela.
– P: E funcionoulle? A pesar de toda a dureza, non parece un libro do que saes derrotada, é máis como recibir unha aperta.
– MA: É un grazas, para min o libro é un ‘grazas, mamá’. Un ata sempre. Grazas por todo porque tamén neste proceso aprendín moitísimo de ti. Vou ser a muller que son dende agora grazas a poder vivir contigo este proceso. Aprendeume a amar a vida incluso cando vén revirada. Tamén creo que é importante salientar que agora parece que a sociedade invita a fuxir da pena e penso que hai que saber estar triste, permitirse estar triste e saber deixar que a dor nos atravese para renacer e empezar doutro xeito, máis sabias.
– P: Descubriu algo sobre a súa infancia escribindo Os pozos elegantes das clavículas?
– MA: Non tanto descubrir, pero si que apreciei moito máis que tiven unha infancia marabillosa. Agora que son nai diría que tiven unha infancia chea de momentos moi sinceros e estupendos a nivel familiar. Pasaba os veráns en Liméns de acampada coa miña familia, naquel momento era camping libre e fago referencia a iso no poemario porque os meus fillos viaxaron e coñecen moitos sitios do estranxeiro, pero non tiveron eses momentos de familia. Era consciente dese privilexio, pero escribindo fun moito máis consciente.
Tamén descubrín que son moito máis forte do que pensaba, e igual non está ben que o diga eu, pero é moi forte acompañar nun proceso de enfermidade así e moi esixente a nivel mental. Penso que atopei as ferramentas e tiven moita axuda, descubrín a persoas que estaban ao meu carón e souberon acompañarme. (…)”