A Coruña: Dezasete letras na brétema (olladas enxebres arredor de Manuel María), conferencia de Alberte Suras

OAlberte Suras mércores 2 de decembro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a conferencia Dezasete letras na brétema (olladas enxebres arredor de Manuel María), a cargo de Alberte Suras.

A Coruña: presentación e coloquio sobre A antesala luminosa, de Antonio Tizón

OAntonio Tizón AELG mércores 2 de decembro, ás 19:00 horas, na Biblioteca de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, Antonio Tizón presenta a súa novela A antesala luminosa, publicada en Xerais, e manterá un encontro co club de lectura da Biblioteca. No acto, aberto ao público en xeral, estará acompañado por Begoña Varela.

Cuestionario Proust: Celso Fernández Sanmartín

DesdeCelso Fernández Sanmartín o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Celso Fernández Sanmartín:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– embobamento
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– a claridade no trato
3.– Que agarda das súas amizades?
– amizade
4.– A súa principal eiva?
– tardanza
5.– A súa ocupación favorita?
– musar
6.– O seu ideal de felicidade?
– pasmar
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– encadear desgrazas
8.– Que lle gustaría ser?
– bárbaro en soños
9.– En que país desexaría vivir?
– no que vivo
10.– A súa cor favorita?
– algo de verde con encarnado e negro
11.– A flor que máis lle gusta?
– unha delas a do xeranio, a mimosa tamén e a rosa silvestre de cinco pétalas
12.– O paxaro que prefire?
– por curioso o paporrubio, por cantor o merlo
13.– A súa devoción na prosa?
– unha delas Joseph Roth
14.– E na poesía?
– Ernesto Cardenal
15.– Un libro?
– Jardín Umbrío de Valle Inclán
16.– Un heroe de ficción?
– Super-rato
17.– Unha heroína?
– A Muller Marabilla
18.– A súa música favorita?
– Jazz, flamenco…
19.– Na pintura?
– Antón Lamazares
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Hortensia de Zobra e Samuel de Zobra
21.– O seu nome favorito?
– Carmen
22.– Que hábito alleo non soporta?
– o autoritarismo
23.– O que máis odia?
– o egoísmo
24.– A figura histórica que máis despreza?
– tantas…
25.– Un feito militar que admire?
– as loitas de defensa
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– a intuición
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– non sei
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– tranquilo-nervoso-atento-despistado
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– a presunción
30.– Un lema na súa vida?
– o que miña avoa Carmen dicía: “a cabra de chea, da co corno no cu””

Vídeos do X Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: mesa redonda de poesía

O1442217783371bannerXENUVigo2015 X Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Afinidades electivas? é unha actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, coa que se quere achegar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras.
Damos a coñecer os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar na mesa redonda de poesía, que tivo lugar o xoves 1 de outubro. Pódense consultar todos aquí.

– Introdución. Presenta: Rexina Rodríguez Vega. Con Rosa Enríquez e Teresa Moure. O vídeo pode verse aquí.
– Mesa redonda de poesía. Con Rosa Enríquez. O vídeo pode verse aquí.
– Mesa redonda de poesía. Con Teresa Moure. O vídeo pode verse aquí.
– Mesa redonda de poesía. Quenda de preguntas. Con Rexina Rodríguez Vega, Rosa Enríquez e Teresa Moure. O vídeo pode verse aquí.

Xosé Chao Rego: o máis prolífico teólogo e antropólogo que deu Galiza

ReportaxeXosé Chao Rego en Sermos Galiza:
“Na mañá do sábado, falecía Xosé Chao Rego. Sermos Galiza recolle reaccións á súa morte de recoñecidas persoas que o trataron. Todas elas destacan a inmensidade da súa obra e o seu amor polo país. (…)
Pilar García Negro: “Ten que continuar vivo non só na memoria, senón na lectura de todos e todas nós”
“Era ou é, porque continúa vivo en toda a súa obra, un dos escritores galegos máis recoñecidos e mais admirados por min. Moitas das súas obras, agarimosamente dedicadas por el, foron moi lidas e moi aproveitadas. Coido que é o ensaísta de obra máis abundante das letras galegas de hoxe. Cualitativamente, tamén dunha obra onde se alía o gran rigor, a erudición e o coñecemento dun verdadeiro sabio. E estou a falar de disciplinas ou fontes de coñecemento como a Filosofía, a Teoloxía, o Biblismo e a Historia. Tamén a moitos saberes relacionados coa lingua galega. Alíase todo isto cunha excelencia literaria e mesmo cunha amenidade na exposición e na divulgación que fan da súa obra un auténtico manancial de saber, coñecemento e agrado, con atractivo literario. Foi absolutamente pioneiro no tratamento dalgúns temas, como a homosexualidade ou figuras históricas da nosa tradición, como Prisciliano (por citar só dous exemplos dunha obra tan rica e tan ampla). Ten que continuar vivo non só na memoria, senón na lectura de todos e todas nós”.
Marica Campo: “Foi realmente moi prolífico e conseguía tratar cuestións moi fondas cun estilo moi fresco, próximo e agradábel de ler, moi ameno”
“No comezo da súa escrita en galego escribiu máis do que escribiron autores e autoras que o facían desde o principio en galego. Foi realmente moi prolífico e conseguía tratar cuestións moi fondas cun estilo moi fresco, próximo e agradábel de ler, moi ameno. Foi toda a vida un gran crente, de verdade. A súa paixón, xustamente, era achegarlle á xente a historia do pobo de Xesús de Nazaret. Para min, era un grande amigo. Gardo con moito cariño unha Biblia que me agasallou”. (…)”

Centos de persoas despiden Neira Vilas

DesdeXosé-Neira-Vilas-150x150 Sermos Galiza:
“A igrexa de Gres, en Vila de Cruces, ficou pequena para acoller na tarde do sábado o funeral do escritor Xosé Neira Vilas, que finou a pasada sexta feira aos 87 anos de idade.
O féretro do autor de Memorias dun neno labrego foi recibido con sentidos aplausos na tarde do sábado no exterior da igrexa de Gres, onde comezaba a soar o Himno nacional. O crego que oficiou o funeral destacou de Neira Vilas o seu “corazón cheo de xenerosidade”. “Quería que os nenos e nenas como Balbino tivesen unha vida digna”. “Imos seguir convivindo con el porque a súa pegada é moi forte”, engadiu o párroco, quen subliñou que o escritor sempre foi fiel ás súas raíces, “nunca estivo tranquilo até que regresou”.
Participou no acto unha nutrida representación do mundo da política e da cultura. Entre moitas outras persoas atopábanse o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence; a deputada do BNG e candidata de Nós, Candidatura Galega, Carme Adán; o ex alcalde de Boimorto e candidato de Nós, Xosé Luís Rivas “Mini”; o alcalde de Lalín, Rafa Cuíña; o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; o escritor e candidato de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello; o actor Cándido Pazó ou o editor Víctor Freixanes.”

Xavier Queipo: “Dá forza saberse recoñecido e agasallado por un Premio tan importante”

EntrevistaXavier Queipo a Xavier Queipo en Sermos Galiza:
“O escritor Xavier Queipo (Compostela, 1957) vén de recibir o Premio Blanco Amor de novela por Os Kowa. (…)
– Sermos Galiza (SG): Como recibe un escritor tan premiado o anuncio dun novo recoñecemento?
– Xavier Queipo (XQ): Hoxe estou contento, ledo, expansivo, inzado de novos proxectos e disposto a dar o mellor de min. É natural pois fun unxido co bálsamo do recoñecemento, que amolece as quebras da saúde e do ánimo co elixir do éxito, coa forza que dá saberse recoñecido e agasallado por un Premio tan importante como este é. Ende máis se un revisa o xurado, cunha mestura de escritores de renome, críticos literarios e profesores, o recoñecemento magnifícase.
– SG: Como xurdiu a novela?
– XQ: Como a meirande parte das miñas novelas e dos meus textos narrativos en xeral, xurdiu dun soño, é dicir do inconsciente: o soño de ver a Amazonia estendéndose diante miña coma se fose un brécol xigante sucado aquí e alá por unha serpe sen ollos. Perfílanse a partir de aí outras imaxes de impacto como a música de Wagner soando no medio do mato ou o primeiro encontro cun indio, cun xaguar, cunha anta… Experiencia vivída, coñecemento acumulado, e xaora traballar coas verbas, coas imaxes, e sobre todo co ritmo da historia.
– SG: Se tivese que resumir en seis liñas Os Kowa…
– XQ: Folleando un libro de “Papillons tropicaux”, Francis descobre unha lámina que chama a súa atención. Trátase de Callitaera aurora, orixinaria da conca superior do Amazonas. Fuxindo dunha relación sentimental errada aproveita unha oferta de traballo dun equipo multidisciplinar que vai explorar o curso superior do Amazonas, recolle varios libros e sae en dirección a Copenhague, onde o esperan os outros membros do grupo. A partir dese comezo, plantéxase a viaxe dupla -física e interior- que constitúen unha acción en paralelo. Nos lles vou contar mais nada, pois comprometería a lectura, que espero reflexiva.
– SG: Que quixo transmitir na obra?
– XQ: Non hai unha intención didáctica na novela, non é o meu gusto dar consellos ou pretender coñecer a solución aos conflitos existenciais das personaxes. Simplemente conto como un home foxe cara adiante, confronta as súas contradicións, remexe nos seus sentimentos e é quen de identificar o seu lugar no mundo. Todo iso co pano de fondo da Europa occidental e da conca do Amazonas, nunha aventura que mestura momentos álxidos de soedade lacerante con momentos expansivos de encontros con outras culturas e outras xentes. (…)”