O
sábado 29 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría-Café Rinoceronte (Avenida de Bueu, 15) de Cangas do Morrazo, a Asociación de Tradutores Galegos homenaxea a Henrique Harguindey, con motivo do Día Internacional da Tradución. Intervirán Francisco Pillado, Salvador Castro, Juan Carballo e Ramón Núñez.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas
BASES DO VII CERTAME DE POESÍA ERÓTICA ILLAS SISARGAS
Dando continuidade no que se está a convertir nunha tradición na convocatoria poética en lingua galega, a Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños convoca o VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, dacordo coas seguintes bases:
1. Poderán optar ao premio todos os autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega.
2. Os convocantes establecen un premio único dotado con 1.000 euros e a publicación da obra premiada na colección Caldeirón, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregarán ao gañador trinta exemplares.
3. As obras, que serán de temática erótica, terán unha extensión inferior a seiscentos versos, e presentaranse por triplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A4, por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados.
As obras presentaranse baixo un título e/ou lema, achegados de plica na que conste o título e/ou lema no seu exterior e contendo no seu interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono.
4. O prazo de admisión de orixinais remata o 24 de outubro de dous mil doce, e deberán enviarse ao Concello de Malpica de Bergantiños (Avenida Emilio González López, 1, 15113, Malpica de Bergantiños, indicando no sobre VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.
5. O xurado estará composto por un representante do Concello de Malpica proposto polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo Presidente desta entidade e o/a gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, quen poderá ser substituído por outra persoa de relevancia nas letras no caso de que non lle fose posible acepta-la súa participación. Actuará como secretario o membro do xurado proposto polo Concello de Malpica, e no seu defecto, poderá ser nomeado polo Presidente da A. C. Caldeirón.
6. Os participantes terán a obriga de comunicar á organización a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posíbel única, sendo necesaria a asistencia dos dous tercios dos seus membros.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
O premio poderá ser declarado deserto ou compartido ex aequo por varios/as autores/as se o xurado o estima conveniente.
A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2012 e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación, no marco da Cea das Letras, na cal deberá estar presente o/a gañador/a do certame.
7. Non se manterá correspondencia sobre as obras presentadas. Agora ben, os interesados poderán retirar das oficinas do Concello de Malpica, Departamento de Educación e Cultura, as obras non premiadas no mes seguinte ó fallo do xurado. A partir do día seguinte, serán destruídas.
8. A participación nesta convocatoria suporá a total aceptación destas bases.
Malpica de Bergantiños, 24 de setembro de 2012,
O Presidente da Asociación Cultural Caldeirón
Francisco Quiroga López”
Santiago: presentación de A máquina do tempo, libro-disco de Juan Carballo e Ramón Núñez
O
venres 28 de setembro, ás 20:30 horas, na Librería Aenea (Rúa Irmáns Rei Alvite, 5) de Santiago de Compostela, preséntase o disco-libro A máquina do tempo, onde Juan Carballo e Ramón Núñez protagonizan unha viaxe íntima e persoal na que mesturan poemas musicados e cancións. Once composicións que contan coa colaboración de artistas como Alejandro Martínez, Guadi Galego, Guillerme Fernández, José A. Vilas, Maite Dono, Paco Cifuentes, Quim Farinha, Sito Suárez, xunto ás ilustracións e deseños de Nuria Díaz.
Cultura e Educación institúe a través do Centro Dramático Galego o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador
“A
Consellería de Cultura e Educación instituíu a través do Centro Dramático Galego (CDG) o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador como iniciativa destinada a fomentar a actitude participativa entre o público teatral. O novo galardón, de carácter anual e vinculado á temporada de exhibición do Salón Teatro, publicou a súa primeira convocatoria. O seu obxectivo é recoñecer as achegas dos asistentes aos espectáculos programados no espazo escénico compostelán sede do CDG. Un xurado integrado polos propios traballadores da compañía pública valorará o interese, de todas as suxestións, opinións ou comentarios que os espectadores fagan chegar a través das fichas que poderán cubrir e depositar na caixa que para tal fin se situará á saída de cada unha das representacións. Deste xeito, e segundo o texto da convocatoria, ao final de cada temporada teatral xulgarase “a suxestión máis atinada, a máis brillante, a máis audaz, a máis reflexiva, a máis construtiva…” Ademais do obxectivo de estimular a participación activa do público, a Consellería de Cultura e Educación presenta o Premio Roberto Vidal Bolaño como instrumento que contribúa a afondar o diálogo entre xestores e públicos destinatarios finais do traballo escénico, de maneira que as apreciacións destes últimos incidan favorablemente no traballo desenvolvido polos responsables culturais e en beneficio da cultura galega en xeral.
O espectador ou espectadora que reciba o galardón conseguirá un abono anual para asistir de balde a todas as funcións do Salón Teatro da seguinte temporada, así como un lote das obras completas de Roberto Vidal Bolaño. As suxestións poderán comezar a depositarse por escrito a partir do inicio da temporada de representacións 2012-2013, que se abre o próximo venres 5 de outubro coa estrea de O Profesional de Dusan Kovacevic baixo a dirección de Manuel Guede Oliva e con Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel nos catro papeis do reparto. De feito, na mesma ficha que se utiliza para optar ao Premio Roberto Vidal Bolaño, os espectadores poderán emitir tamén a súa propia valoración concreta deste ou de calquera outro espectáculo dos programados, estimando nunha escala do 1 ao 5 aspectos como Valoración global, Son, Iluminación, Posta en escena, Elenco e Orixinalidade.”
Publicado O romance da urca de Santo Antón, poema en galego con partes en castelán escrito en 1777
“O romance da urca de Santo Antón
é un poema en galego con partes en castelán que se escribiu en 1777 e que ten como tema central as viaxes comerciais entre Europa e América. A obra, de 668 versos, conservábase no Códice 1052 do Archivo Histórico Nacional de Madrid, e ve agora a luz da man da Fundación Barrié. O volume inclúe a edición crítica e un estudo histórico-lingüístico da obra da man Ramón Mariño, Margarita Sánchez e Damián Suárez. Este supón un dos escasos textos en galego deste período.
O libro, que retrata a sociedade ferrolá do seu tempo e achega un coñecemento inédito da lingua do século XVIII, narra en ton satírico a viaxe real entre a Habana ata Ferrol da urca San Antonio, así como unha celebración relixiosa que se realizou á chegada do barco. Suponse que o texto era de carácter privado ou ben que tivo unha circulación moi restrinxida na súa época.” Desde Cultura Galega.
Rianxo convoca o primeiro Slam Arousa, certame de poesía recitada
“O vindeiro 5 de outubro terá lugar un curioso certame poético, o primeiro galego deste tipo, chamado Slam.Arousa (poesía recitada dende a ría). É un tipo de torneo entre poetas que xa se fai por todo o mundo adiante e que agora se fará tamén na nosa terra. Slam.Arousa será o primeiro torneo Slam que se celebre en Galicia, e o gañador absoluto das seis xornadas das que consta poderá competir na final estatal española.
A iniciativa está dirixida a todos os públicos, con especial atención a novos poetas, novos creadores, pero tamén aos xa consagrados, se se animan a participar.
O primeiro combate de poetas terá lugar no Curral do Marqués, en Taragoña, Rianxo, o vindeiro 5 de outubro. O gañador, ademais de pasar á final, levará un pequeno agasallo do propio local que organiza. A partires daí cada mes haberá un novo torneo polas vilas da Ría de Arousa, dende Vilagarcía ata Boiro, ata o mes de marzo aproximadamente. Os e as interesadas deberán poñerse en contacto co seguinte correo, tanto para as dúbidas que xurdan como para anotarse no torneo que máis lles conveña: slam.arousa@gmail.com
Pódese recitar calquera texto sempre que sexa da autoría do que recita e non dure máis de 3 minutos. Non se poden empregar nin música, nin disfraces nin accesorios.” Desde Tendencias Galicia Confidencial.
Vigo: presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás
O
venres 28 de setembro, ás 20:00 horas, en JT PhotoGallery (Rúa Abeleira Menéndez 13, baixo esquerda) de Vigo, preséntase o libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Bragado, Luís Ferreiro e Isabel Ferreiro. Ao final do mesmo terá lugar unha actuación musical de Labregos do tempo dos Sputniks.
Noia: presentación de Trampa de luz, de Agustín Agra
O
venres 28 de setembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultural Avilés de Taramancos de Noia (Rúa Luís Cadarso, s/n), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Edicións Xerais, e o Concello de Noia presentan o número 77 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, e a obra Trampa de luz, de Agustín Agra. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Laíño, Milagros Torrado e Rafael García Guerrero.
A Coruña: Poesía+Poesía. De misterio e fórmulas, obradoiro dirixido por Dores Tembrás
O
obradoiro Poesía+Poesía. De misterio e fórmulas, dirixido por Dores Tembrás, seguirá revisitando algúns escritores e escritoras que servirán de modelos para entender técnica e a construción das distintas poéticas. A dinámica será moi semellante ao curso Poesía + Poesía I. Unha parte das sesións adicaranse á análise dos conceptos nos que se sosteñen ditas poéticas, profundizando nas técnicas e adentrándonos no misterio do poético. Outra parte das sesións adicaranse á escrita creativa dos asistentes, tendo en conta o visto nas horas de análise. Afondaremos máis nas técnicas, na construcción do mecanismo do poema. Pero tamén merodearemos o misterio, o que non se pode analizar, pero que está. Asi mesmo continuaremos abordando a exéxese dos textos, atendendo aos desvíos polos que a palabra nos conduza. A análise permitirá atender á arquitectura do texto, á construción, pero tamén á súa relación coa emoción.
Todo isto reverterá directamente no traballo de creación que cada un dos asistentes enfrontará ao longo das sesións. Seguiremos procurando puntos fortes, poñendo de relevo as cualidades que caracterizan cada estilo. Entre os autores e autoras seleccionados: Olga Novo, Luisa Villalta, Lois Pereiro, Anxo Angueira, Alfonso Pexegueiro, Xohana Torres, Eva Veiga, Eusebio Lorenzo Baleirón.
RESUMO
– Nivel: Iniciación.
– Duración: Anual. Prazas limitadas.
– Datas de inicio e finalización: 02/10/2012 ao 25/06/2013.
– Horario: martes de 18:00 a 20:00 horas.
– Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios.
– Inscrición: aquí.
A Coruña: Poesía+Poesía. Canto todo é abismo, obradoiro dirixido por Dores Tembrás
O
obradoiro Poesía+Poesía. Cando todo é abismo, dirixido por Dores Tembrás, pretende ser unha rota de achegamento, ou varias rotas, das moitas posíbeis, á poesía galega contemporánea. Ao longo das sesións procuraremos distintos xeitos de ler que nos permitan adquirir ferramentas e aprofundar en aspectos concretos dalgunhas poéticas actuais. Cinguirémonos, na maioría dos casos, á exéxese dunha selección de textos de autores que abarcarán dende poetas dos oitenta ata novísmos creadores recén saídos do prelo. Todo co obxectivo de aplicar esas ferramentas á escrita creativa, recoñecendo os puntos fortes que caracterizan cada estilo e fortalecendo os máis débiles. A metodoloxía é sinxela: acometer a interpretación do texto dende o traballo coa palabra. Un camiño de dobre dirección da palabra ao poema e viceversa. O que nos interesa é explorar os distintos xeitos de ler, diferentes modos de enfrontarnos a un texto, tendo en conta que non hai unha única lectura por cada lector, senón que a experiencia lectora é un fenómeno múltiple. A atención que se adoita concentrar nos recursos estilísticos verase ampliada sustancialmente, prestándolle especial atención á palabra, á arquitectura do texto, á emoción. Neste sentido dende o primeiro intre establécese que o importante para chegar ao poema é a intuición. Non é precisa unha formación previa para ler poesía, aínda que esta poida enriquecer a lectura.
RESUMO
– Nivel: Iniciación.
– Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
– Datas de inicio e finalización: 02/10/2012 ao 18/12/2012.
– Horario: martes de 20:30 a 22:30 horas.
– Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios.
– Inscrición: aquí.
