Noia: recital poético en homenaxe a Antón Avilés de Taramancos

O venres 23 de marzo, a partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura de Noia, terá lugar un recital poético en homenaxe a Antón Avilés de Taramancos, ao se cumprir 20 anos do seu pasamento, coa participación de Yolanda Castaño, Ana Romaní, María Xosé Canitrot e Eva Veiga.

Santiago: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira

O venres 23 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Outono aquí, de Mario Regueira, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta no 2011. No acto, acompañando ao autor, participan Marilar Aleixandre e Ánxela Gracián.

Lugo: conferencia Rosalía de Castro: a creación da identidade, por Francisco Rodríguez

O venres 23 de marzo, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo), e dentro das actividades de A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0, organizada pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Francisco Rodríguez pronunciará a conferencia Rosalía de Castro: a creación da identidade.

Betanzos: acto de homenaxe a Rosalía polo seu 175 aniversario

A sexta feira, 23 de marzo, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura do Edificio do Arquivo (Liceo) de Betanzos, terá lugar un novo acto de homenaxe a Rosalía polo 175 aniversario do seu nacemento. O acto, coorganizado pola plataforma Queremos Galego das Mariñas e as asociacións culturais Eira Vella e Roxín Roxal, contará coa colaboración do CEIP Francisco Vales Villamarín da Cidade dos Cabaleiros, e consistirá na lectura de textos e proxección dunha curtametraxe, contando co acompañamento da música do cantor Fucoxabier.

Ourense: presentación de A habitación secreta, de Jorge Emilio Bóveda

O venres 23 de marzo, ás 20:00 horas, no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), preséntase A habitación secreta, de Jorge Emilio Bóveda, publicado en Toxosoutos. No acto, xunto ao autor, intervirán David González Couso e José Antonio Santos.

Vigo: recital poético-musical e presentación de Se lo dije a la noche

O venres 23 de marzo, ás 19:30 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o libro Se lo dije a la noche, de Juan Carlos García Hoyuelos, traducido a todas as linguas peninsulares. No acto, organizado pola revista Canle36, haberá un recital poético e musical coa participación, xunto ao autor, de Antonio García Teijeiro, Manuel Joaquín Barreiro Rigau e Lucía Novas Garrido, como poetas, Pablo Núñez González, novelista, Susana Fumis (rapsoda), e o gaiteiro Raúl Galego.

Gondomar: concerto de Xardín Desordenado, sobre textos poéticos de autores galegos

O venres 23 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, terá lugar o concerto de presentación do último disco de Xardín Desordenado, onde se recollen dezaseis poemas musicados con textos de Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé María Álvarez Cáccamo, Darío Xohán Cabana, Eduardo Estévez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Serxio Iglesias, Manuel María, Kiko Neves, Uxío Novoneyra, Manuel Pereira Valcárcel, Anxo Quintela, Manuel Rivas, Daniel Salgado e Rafa Villar.

Vigo: presentación de Ranhura, de Carlos Vinagre

O venres 23 de marzo, ás 21:30 horas, en A Cova dos Ratos (Rúa Romil, 3) de Vigo, preséntase o último libro de Carlos Vinagre, Ranhura. No acto, que conta colaboración de A Porta Verde do Sétimo Andar, participan, xunto ao autor, Alfonso Láuzara Martínez e Manolo Pipas.

A Coruña: presentación de Almanaque musical e exposición de David Pintor

O venres 23 de marzo, ás 19:00 horas, en Libros para Soñar (Avenida de Fisterra, 64) da Coruña, preséntase Almanaque musical, de Antonio Rubio, con ilustracións de David Pintor (quen estará presente no acto) e tradución de Xosé Ballesteros, publicado en Kalandraka. Na mesma libraría, até o 16 de abril, poderase visitar a exposición Un paseo ilustrado II, do propio David Pintor, onde presenta unha escolma de traballos incluídos en diversos libros infantís.