A polémica sobre o desleixo co Panteón de Galegos Ilustres volve da man de Rosalía

Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“o 25 de maio de 1891, os restos de Rosalía de Castro foron trasladados por un grupo de próceres, co apoio da Sociedade Económica de Amigos do País, desde o cemiterio de Adina, en Iria Flavia, Padrón, até o convento de San Domingos de Bonaval. Na capela lateral esquerda da igrexa, un mausoleo sufragado por emigrantes galegos en Cuba e esculpido por Jesús Landeira Iglesias acollía os restos de quen fora “groria da súa patria”. Nacía así o xermolo do Panteón de Galegos Ilustres. Co tempo, foron trasladándose alí os restos Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Castelao e, finalmente, Domingo Fontán.
A celebración do 130 aniversario podería ser festexada in situ pola cidadanía, mais as portas do Panteón permanecen fechadas desde que comezou a pandemia. O Arcebispado, propietario do lugar, alega cuestións de loxística para non abrir un espazo declarado Ben de Interese Cultural (BIC) que garda simbolicamente a memoria da historia e a identidade da Galiza.
San Domingos de Bonaval pasou a ser propiedade do Concello de Santiago en 1837, grazas á Lei de Desamortización de Mendizábal, sen que durante máis dun século a Igrexa mostrase inconveniente ningún á nova titularidade. Mais á morte do ditador Francisco Franco iniciou un litixio que rematou, despois de tres décadas, cunha sentenza do Tribunal Supremo que lle permitía recuperar a propiedade do convento. O Museo do Pobo Galego xa se estabelecera alí e custodiaba as chaves do Panteón, ao que se accede a través do claustro. O primeiro que fixo o Arcebispado tras recobrar a titularidade do edificio foi fechar o Panteón durante semanas para forzar a Xunta de Galiza a asinar un pacto que regulase o seu uso.
En xullo de 2010, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, asinaban un convenio que permitía incluír a visita ao Panteón dos Galegos Ilustres dentro do funcionamento do Museo do Pobo Galego e dáballe a potestade á Xunta de utilizar o espazo para a celebración de actos institucionais durante cinco días ao ano dentro “do respecto á natureza da Igrexa”.
Desde entón, colectivos culturais e civís e partidos políticos veñen reclamando periodicamente que o Panteón pase a ser de titularidade pública e de libre acceso.
O Consello da Cultura mesmo chegou a presentar no Parlamento unha Proposta de Lei do Panteón da Galiza que o configuraba como “unha Entidade de Dereito Público, parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e elemento singular da súa identidade”, adscrita ao Parlamento e que foi elaborada xunto coa Real Academia Galega, o Museo do Pobo e as fundacións Rosalía de Castro, Castelao e Alfredo Brañas.
A proposta foi ben acollida polos distintos grupos políticos e polo mesmo Goberno de Alberto Núñez Feixoo, que anunciou que promovería esa lei. Mais a realidade foi outra: o proceso nunca chegou a culminar.
O BNG fixo súa a reivindicación e en 2011 elevou unha iniciativa parlamentar na que lle reclamaba ao Goberno galego que negociase coa Igrexa a cesión do Panteón. A petición non foi apoiada polo PP nin polo PSdeG, que recoñecían así os dereitos da Igrexa sobre o recinto. En 2015 presentou outra iniciativa na que se reclamaba “adoptar as medidas necesarias para garantir a titularidade e uso civil do Panteón de Galegos Ilustres”, por terse convertido nun espazo “no que lembrar digna e colectivamente a aquelas persoas máis relevantes na historia do pobo galego”. Só recibiu o apoio de AGE.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, declaraba nun acto que celebrara o Día de Rosalía, en 2016, no Panteón: “Aínda que poida ser desolador estar nun lugar onde os nosos símbolos nacionais están materialmente ocultados e que só é accesíbel co permiso eclesiástico, trátase dun exercicio de inmersión na realidade máis cruel que temos que transformar”. Esa cruel realidade permanece inmutábel: un dos símbolos máis representativos da nación permanece na escuridade e sen que se albisquen solucións pola determinación duns e a omisión doutros.
O traslado dos restos de Rosalía naquel mes de maio de 1891 adquiriu un carácter duplamente simbólico ao ser o primeiro acto coñecido en que a actual bandeira da Galiza ondeou por primeira vez. O simbolismo repetiuse máis de 90 anos despois, mais baixo outro signo radicalmente distinto, cando o traslado dos restos de Castelao desde o cemiterio bonaerense da Chacarita foi interpretado por moitos como unha operación política para lexitimar o novo réxime autonómico.
Un sector do nacionalismo opúxose radicalmente a aquel regreso do rianxeiro -malia que a iniciativa partira do deputado, daquela de Esquerda Galega, Camilo Nogueira– e a cerimonia rematou cunha brutal carga das forzas da orde pública contra os manifestantes que protestaban pola utilización da súa figura.”

Centos de persoas festexan a inauguración da Casa Museo Manuel María, tributo ao grande poeta nacional

Desde Sermos Galiza:
Día de emoción, festa e encontro na Casa de Hortas, espazo natal e literario de Manuel María que abría as súas portas ao público para ser centro da memoria do poeta e tamén da cultura da Terra Chá e do país enteiro.
O auditorio, construído na que foi palleira da casa, quedou pequeno para acoller a tantas persoas que se viñeron de todo o noso territorio para homenaxear ao escritor e amigo. A través das persoas que se achegaron nesta xornada a Outeiro de Rei poderíase construír o xeneroso perfil de Manuel María, escritor, activista cultural, político comprometido e unha das persoas máis queridas e coñecidas da cultura contemporánea. Poderían dar boa conta diso os centos de persoas que, nesta mañá, lembraban episodios compartidos con Manuel María, á vista da presenza que evocaban espazos e obxectos.
A Saleta Goi costáballe conter a emoción nun día tanto tempo agardado. Amigos e amigas de Manuel María atopábanse de novo coa compañeira de vida, coa muller que vía hoxe un dos seus soños feitos realidade. Lembrou aquel poema dos Sonetos á Casa de Hortas no que Manuel se preguntaba polo futuro da construción e a eira que tanto quería e agora si ela podía darlle resposta. Con moitas persoas arredor, Saleta Goi compartía a lembranza e a alegría que o autor tería ao ver o seu espazo natal convertido en casa da cultura, aberta, amábel, acolledora, como fora sempre a súa.
Lembrou a nai do poeta, que o pariu na cama agora exposta, os seus irmáns, as persoas que axudaron a que o proxecto cobrase vida, as que traballaron na súa rehabilitación e, en especial, lembrou a Manuel. “Se vira isto emocionaríase tanto! Teño que darlle grazas pola súa obra, un traballo intenso, un amor inmenso a Galiza, e grazas pola vida que vivimos xuntos”, dixo Saleta Goi.
No acto de inauguración, con representantes das institucións que apoiaron o proxecto, Teresa, unha nena de nove anos, subiu a recoller unha rosa, a flor de Manuel María. Chamou por ela Alberte Ansede, secretario da Fundación, despois de contar a súa vinculación coa casa. Teresa pasara hai dous anos diante dun posto no que se presentaba o proxecto da Casa Museo. Daquela tiña sete anos e catorce euros. Viu a imaxe de Manuel María, o poeta do que sabía de corrido os seus versos, e falou coa nai para dar a metade do seu patrimonio para que a Casa de Hortas fose para arriba. Agora, cando finalmente o proxecto colectivo no que participaron tantas persoas se fai realidade, Alberte Ansede quixo que Teresa simbolizase a todos aqueles que nestes anos, dunha maneira ou outra, contribuíron para que a casa na que o poeta naceu en Outeiro de Rei se abra coa súa memoria e coa súa mesma vontade de crear cultura, cos cimentos na terra que tanto quería.
“A apertura dun centro é sempre motivo de alegría, e máis nuns tempos máis afeitos a peches que a inauguracións”, dixo Alberte Ansede para quen a Casa Museo Manuel María reivindica “o dereito á cultura, a ampliar os espazos para a liberdade, para o noso idioma”.
Fiel ao propio Manuel María, a casa, a propia inauguración e tamén o proxecto de futuro. “Imos tratar de seguir o seu exemplo nesta casa, un exemplo que non se reduce á expresión literaria, senón que, seguindo a tradición dos grandes da cultura galega, teña unha intervención decisiva no ámbito social, cultural e político”. A casa ergueuse de novo mais o futuro depende, da “sociedade que recoñece a Manuel María como un dos seus que ten que ser quen defenda o proxecto”.
A memoria de Manuel María convocou na súa casa, como era de agardar, escritores e escritoras que gozaron da súa amizade. Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Francisco Rodríguez, Marica Campo, Paco Martín, Xosé Lois García, Pilar García Negro, Bieito Iglesias, Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Manuel Ferreiro, María Reimóndez, Anxo Angueira, Carlos Mella, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Marta Dacosta e tantas outros participaron nun acto que a Fundación preparou á maneira de Manuel María, no encontro de cultura e convívio na súa Terra Chá literaria. Pola tarde, sumáronse á listaxe Xosé Luís Méndez Ferrín, Pilar Pallarés, Fernán Vello, Bernardino Graña e Luz Pozo.
A biografía e a obra de Manuel María percórrese polas estancias da súa casa, mais tamén estivo presente no acto inaugural. Moitos representantes do nacionalismo político, compañeiros e compañeiras que militaron con Manuel María e representantes do asociacionismo cultural estiveron tamén en Outeiro na xornada histórica na que un novo centro cultural se abre, apegado ao país e a súa cultura, como quedou á vista na vontade de Saleta Goi e Alberte Ansede. O portavoz do BNG, Xavier Vence, canda outros cargos da organización como Francisco Jorquera, Bieito Lobeira, Francisco García, Carme Adán, Antón Bao ou Ana Pontón, estiveron no acto no que tamén o mundo do ensino estivo presente, en profesores e profesoras aos que Manuel María visitou nas súas aulas ou no presidente da AS-PG, Xoán Costa e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao. Uxía e Tereixa Novo, na espera de moitos músicos e músicas que chegarán a Outeiro, lembraban os moitos poemas de Manuel que se converteron en cancións. Elba Rei, da Fundación Uxío Novoneyra e Anxo Angueira, da Fundación Rosalía, asistiron ao acto de apertura ao público da casa do poeta.
Centro para investigadores na obra de Manuel María, cun conxunto documental de toda a súa traxectoria vital e literaria, unha biblioteca de máis de doce mil volumes, obxectos que o escritor viviu e un futuro sen límite para o encontro coa súa obra, a súa biografía e a nosa cultura. Ábrese tamén un arquivo virtual que se poderá visitar e que acollerá datos e documentación sen límite, toda a que se recolla e que se convida a aportar. Fotos, dedicatorias, actos… para a construción dun centro documental do que a casa será sede.
Saleta Goi foi a guía da primeira visita e os recordos agromaron en cada obxecto, en moitos libros, en fotografías, en coleccións que se reparten por unha casa na que a memoria de Manuel María é unha presenza continuada. Na mesa de noite do cuarto, ao pé da cama natal, Follas Novas e unha imaxe de Rosalía, no despacho, Sempre en Galiza e Castelao. Todo, como Manuel María o tería colocado.
Durante toda a tarde e até que a lus do sol se comezaba xa a pagar por volta case das nove da noite, a cultura sentiuse nunha horta da Casa Museo Manuel María na que centos de persoas cantaron e es emocionaron coa memoria compartida do poeta. Sobre o escenario cando se trataba de música e por riba dun tellado cando ía presentar aos poetas que recitaban no balcón, Xurxo Souto conduciu un acto que durou máis de tres horas nas que Manuel María foi o protagonista.
Foino nas cancións que interpretaron Miro Casabella, Fuxan os Ventos, Berrogüetto, María Manuela ou Uxía nunha xornada única que xuntou músicos de varias xeracións que transmitiron a forza das cancións de Manuel. Foino na voz de centos de persoas que corearon moitos dos versos, algúns tan coñecidos como O meu país ou O carro, que pechou o acto cun escenario repleto de músicos e só unha voz colectiva. E foino tamén ao reunir aos amigos poetas que compartiron tantos momentos con Manuel María como Xosé Luís Méndez Ferrín, Marica Campo, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello ou Bernardino Graña que recitaron desde o balcón da casa, desde onde se outeaba unha horta chea de xente e a paisaxe da Terra Chá que Manuel María tanto quería.”

Pódese ver aquí a Galería de Fotos do acto.